A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. A política leiteira suicida da Xunta aboca ao sector lácteo galego a ser o paria que forneza de leite en po Europa

A política leiteira suicida da Xunta aboca ao sector lácteo galego a ser o paria que forneza de leite en po Europa

15 de Maio do 2015

Fin de cotas

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, vén de participar esta semana nun encontro do Civil Dialogue Group on Milk (Grupo de Diálogo Civil do Sector Lácteo) en Bruxelas, foro promovido pola Comisión Europea ao que asistiu como representante da Coordinadora Europea da Vía Campesina.

Neste Grupo de Diálogo, déronse numerosos datos e informes estatísticos que confirmaron que, co nivel de prezos actual, as granxas leiteiras da UE están a traballar a perdas ou, no mellor dos casos, sen marxe de beneficios. De feito, dos 28 países da UE, en 10 os prezos medios están por baixo dos 30 céntimos. Por outra banda, as alternativas que os gobernos ofrecen ao sector, como as Organizacións de Produtores Lácteos (OPLs), están a ser un fracaso en toda Europa á hora de negociar os prezos. Un bo exemplo disto último é Bélxica, onde o meirande das granxas do sector están asociadas en cooperativas, feito que non reforzou a súa posición negociadora, pois neste país están a pagarlle o leite a moitas explotacións a un prezo de 25 céntimos.

Nos estudos a medio prazo, no Civil Dialogue Group on Milk presentouse unha gráfica na que se reflectía que vai haber máis posibilidade de incremento de produción leiteira en certas zonas -especialmente Francia, Alemaña e Holanda-, ao tempo que se prevé a caída ou a desaparición do sector lácteo en diversas áreas e rexións dos países da Unión Europea, entre os que se inclúe o Estado Español. É dicir, dende os poderes políticos da UE se está a traballar non para manter a viabilidade das granxas que aínda continúan activas, senón para que desaparezan aínda máis, deixando amplas áreas sen capacidade para producir leite, e concentrando a produción no resto, de maneira que o incremento produtivo previsto nunhas determinadas explotacións e zonas -estímase que será de 12 millóns de toneladas en 10 anos- só vai ser posible co peche de granxas e a erradicación do sector noutras áreas.

Para a secretaria xeral do SLG “é un auténtico escándalo que se estea a traballar nunha política que se basea na desaparición de miles de explotacións para sobredimensionar e concentrar a produción nas restantes. O máis triste é que os nosos dirixentes, nomeadamente dende o Ministerio de Agricultura e a Consellaría de Medio Rural, estean enganando ao sector ao defender as bondades da desrregulación e da eliminación de calquera control sobre a produción e os mercados, ou cando gaban a fin do sistema de cotas e nos queren facer crer que é unha oportunidade, sabendo que, en realidade, é o certificado de peche de miles de explotacións na Galiza e en toda Europa”.

Outro dos datos preocupantes que saíron no Civil Dialogue Group on Milk foi o problema inmediato que temos para dar saída a determinados produtos leiteiros a través do mercado internacional. En concreto, o segundo maior stock de leite en po nos 28 países da Unión Europea teno o Estado Español (6.193 toneladas), só superado por Alemaña (11.805 toneladas). Nestas circunstancias, resulta incomprensible que se vaian investir grandes cantidades de cartos públicos en financiar empresas para que constrúan novas torres de leite en po na Galiza. É un absurdo, pois orientar a nosa produción cara ao leite en po é facelo cara a un subproduto co que non se cobren os custes de produción (na actualidade, págase ao redor dos 20 céntimos o quilo); facelo, por riba, cando o mercado do leite en po está saturado, é demencial. O normal sería orientar ese financiamento ao impulso de iniciativas que xeren valor engadido no sector, como a fabricación de derivados lácteos. Pero vista a capacidade analítica e de resolución de problemas no sector lácteo da que están a facer gala, tanto o Ministerio de Agricultura como a Consellaría de Medio Rural, non se pode agardar máis. Nun país como Galiza que os distintos gobernos converteron nun eucaliptal, a expensas da base territorial das explotacións agrogandeiras, para producir pasta celulosa de cara a fornecer industrias de países nórdicos onde fabrican papel e derivados que despois nos venden; a Xunta de Feijóo leva ao sector lácteo galego cara a un horizonte semellante, ao promover o procesado de leite en po na nosa obsoleta industria, deixando para empresas de fóra a fabricación dos produtos lácteos que xeran máis riqueza e valor engadido.