A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O SLG maniféstase mañá diante de Logística Alimentaria para denunciar a situación insostible do sector lácteo

O SLG maniféstase mañá diante de Logística Alimentaria para denunciar a situación insostible do sector lácteo

21 de Maio do 2015

Rolda de prensa

O Sindicato Labrego Galego ofreceu unha rolda de prensa en Lugo, o 20 de maio, para denunciar a situación insostible na que se atopa o sector lácteo galego, aturando os prezos máis baixos do Estado e dos máis baixos da Unión Europea; e para anunciar unha concentración de protesta este venres, 22 de maio, diante da sede de Logística Alimentaria en Outeiro de Rei (Lugo), empresa que hoxe rexenta as mesmas instalacións das que se fixeron cargo, no pasado, Alimentos Lácteos e Leite Pascual.

A elección da sede de Logística Alimentaria para facer estas mobilizacións obedece a todo o que representa esta fábrica para o sector lácteo galego. Por unha banda, foi o epicentro da cacicada de Alimentos Lácteos, capitaneada pola Consellaría de Medio Rural e varios políticos populares, que rematou por levar á creba ou á disolución a varias cooperativas gandeiras como Gancobre, Tierra Llana ou La Arzuana, deixando sen pagar as entregas de case medio ano a centos de explotacións, e custándolle ás arcas públicas da Xunta varios millóns de euros. Agora, é a empresa Logísitica Alimentaria a que se encarga desta factoría leiteira de Outeiro de Rei, empresa participada, entre outras persoas, por membros do Clan dos Sangiao, familia que ten sido propietaria de empresas como Lácteos Tambre, cun longo historial de impagos a granxas e condenas nos tribunais, e que ten estado involucrada en fraudes como a do gasóleo. Hoxe en día, Logística Alimentaria no é só unha das empresas que menos paga ás explotacións que lles fornecen de leite, con prezos de 23 e 24 céntimos; senón que, ademais, ten feito liquidacións con granxas que decidiron cambiar de industria ás que, en vez de pagarlles o que lles debía, acabou cobrándolles en virtude argucias legais e condicións contractuais leoninas.

“Botámonos á rúa en resposta á parálise do Ministerio de Agricultura e da Consellaría de Medio Rural, que diante desta crise non son quen de artellar ningunha medida, nin achegar solucións a unha situación límite que se concretará, precisamente, a partir do 20 de maio, cando as granxas reciban a liquidación polo leite vendido en abril e vexan que os ingresos non lles chegan nin para pagar as facturas”, declarou a secretaria xeral do SLG e cotitular dunha explotación de leite, Isabel Vilalba Seivane, que compareceu diante dos medios de comunicación xunto ao coordinador dos sectores gandeiros na organización agraria, Xabier Gómez Santiso. “As únicas solucións que nos ofrecen -contratos sen prezos ou negociación a través das organizacións de produtores- nin serviron, nin serven. Que, ademais, a Xunta veña agora, en plenas eleccións municipais, vendendo como saída a promoción de torres de leite en po, cando este subproduto se está pagando a prezos de miseria que andan ao redor dos 20 céntimos e o Estado Español é o segundo máis excedentario da Unión Europea nesta produción, dá conta da incompetencia manifesta dos nosos gobernantes para facer nada de utilidade polo sector lácteo que non teña que ver co beneficio das propias industrias”, sentenciou a secretaria xeral do SLG.

Así as cousas, o Sindicato Labrego Galego estará este venres, 22 de maio, diante da sede de Logísitica Alimentaria, a partir das 11:30 horas para denunciar, unha vez máis, unha situación crítica que, de manterse no tempo, ameaza con levar á creba miles de explotacións lácteas na Galiza.

Manifestación