A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O SLG chama á unidade para activar medidas urxentes no leite e evitar a ruína de miles de familias gandeiras na Galiza

O SLG chama á unidade para activar medidas urxentes no leite e evitar a ruína de miles de familias gandeiras na Galiza

22 de Maio do 2015

Leiteiras

O Sindicato Labrego Galego levou a cabo hoxe, 22 de maio, unha concentración de protesta diante da factoría de Logística Alimentaria en Outeiro de Rei (Lugo). A elección do lugar non foi gratuíta: trátase da fábrica onde a Xunta de Galicia fundiu ao redor dunha decena de millóns de euros do erario público na cacicada política de Alimentos Lácteos, experimento que levou á ruína un milleiro de explotacións e varias cooperativas como La Arzuana, Gancobre ou Tierra Llana.

En canto a Logística Alimentaria, temos constancia de que está a pagar o leite a prezos miserables de 17 céntimos por litro a cooperativas como Val de Lemos (Monforte), Cova de Vales (Curtis) ou O Pereiro (Meira); e mesmo casos sangrantes nos que, cando algún gandeiro quixo cambiar de empresa para buscar mellores condicións, en vez de cobrar o leite que lle debían acabou pagando á industria en virtude de cláusulas leoninas e diversas andrómenas legais. En resume, tanto a empresa como a factoría son o emblema e a pura expresión do modus operandi mafioso e extorsivo da industria leiteira deste país que, con tal de maximizar os seus beneficios no curto prazo, non dubida en levar á ruína miles de explotacións leiteiras na Galiza. Empresas como Logística Alimentaria están obrigando ao sector enteiro a entrar nunha espiral de baixada de prezos que se levará por diante non só miles de granxas, senón moitas empresas de servizos, de transportes ou cooperativas que dependen tamén do sector leiteiro para vivir.

Na súa intervención diante do cento de gandeiros e gandeiras que participaron no evento, a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, xustificou este acto de protesta porque “cremos que, cedo ou tarde, as mobilizacións acabarán aglutinando todo o sector porque a situación é insostible. Calquera granxa, tras levar meses sen dar pagado as facturas a final de mes, e vendo a parálise dos nosos gobernantes, acabará botando man de tódalas ferramentas posibles para facerse oír e para esixir solucións, incluídas as protestas na rúa”.

Respecto da pasividade do Ministerio de Agricultura e da Consellaría de Medio Rural nunha das peores crises do sector lácteo dos últimos anos, a secretaria xeral do SLG criticou que a Xunta teña bloqueado calquera xuntanza dos axentes do sector en foros de diálogo como a Mesa do Leite, que leva anos sen ser convocada “de maneira que imposibilita o acordo de solución ningunha”. E as solucións deben ser “urxentes”, reclamou Isabel Vilalba. “Promover torres de leite en po, como ten anunciado Feijóo na actual campaña electoral, é un absurdo cando o Estado Español é o segundo país comunitario en excedentes deste subproduto lácteo polo que se están a pagar prezos miserables ao redor dos 20 céntimos por quilo, e cando é unha medida que non ofrece ningunha solución inmediata. Queremos solucións para os miles de familias gandeiras que, nos vindeiros meses, corren o risco de arruinarse e perder o seu medio de vida. E con iso non podemos xogar. As políticas do sector leiteiro non se poden limitar a unha serie de slogans e titulares durante as campañas electorais. As políticas leiteiras deben estar ligadas á vida das persoas, ao seu medio de vida, e a garantir o futuro do medio rural”.

Diante da excepcionalidade da crise, Isabel Vilalba fixo un chamamento á unidade do sector lácteo -sindicatos, cooperativas, etc.- para esixir solucións e saídas inmediatas a unha situación que xa resulta insostible para a totalidade dos produtores e das produtoras de leite deste país.

Leite derramadoPodes ver máis fotografías da manifestacións premendo AQUÍ