A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Medio Rural comprométese coas organizacións agrarias a coutar as prácticas mafiosas dos primeiros compradores e abordar a deslocalización da produción leiteira da Galiza

Medio Rural comprométese coas organizacións agrarias a coutar as prácticas mafiosas dos primeiros compradores e abordar a deslocalización da produción leiteira da Galiza

5 de Xuño do 2015

Xabier Gómez Santiso

O Sindicato Labrego Galego foi unha das tres organizacións agrarias que acudiron, o 4 de xuño, á xuntanza polo sector lácteo coa conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, e a directora xeral de Producións Agropecuarias, Patricia Ulloa. Pola nosa banda, representaron ao SLG o coordinador dos sectores gandeiros, Xabier Gómez Santiso, e Mariano Pazos, gandeiro que rexenta unha granxa en Val do Dubra e membro da Executiva do SLG.

O principal acordo da xuntanza foi constituír un grupo de traballo para abordar dúas cuestións que precisan solucións urxentes. A primeira, utilizar tódolos mecanismos legais existentes para rematar coas prácticas de pura extorsión que leva a cabo un grupo de primeiros compradores e que están a piques de arruinar un milleiro de explotacións. Estamos a falar de casos como o de Logística Alimentaria, onde houbo gandeiros que, tras anunciar a súa marcha da empresa, en vez de cobrar o leite que se lles debía de todo un mes tiveron que acabar pagándolle á industria 200 euros; ou outros que liquidaron entregas de 30.000 litros polas que se cobraron 600 euros (2 céntimos por litro), e mesmo granxas ás que lle ingresan os cartos pola mañá e llos descontan pola tarde. Estes son só algúns exemplos de prácticas que se están a perpetrar no sector lácteo galego con total impunidade e das que, por fin, a conselleira de Medio Rural ten constancia.

O outro problema a tratar, e no que fixo especial fincapé o SLG, é que todos os síntomas desta crise nos fan sospeitar de que se estea a argallar unha deslocalización da produción leiteira na que non se quere contar con Galiza. Un dos datos que apuntan a isto é que, mentres que noutras comunidades do Estado están a cobrar o leite por riba dos 30 céntimos e se lles está a pedir ás granxas que aumenten a produción; na Galiza sufrimos un nivel de prezos dos máis baixos de Europa, e se nos está a poñer todo tipo de atrancos non só para producir máis, senón que hai moitas explotacións ás que se lles está a pedir que produzan menos que na campaña pasada. Novas que se deron nos últimos tempos como o cese de actividade de Leite Pascual na Galiza, que deixou de recoller nas granxas galegas que lle fornecían, ou a petición expresa de Feiraco para que os seus socios e socias non aumenten a produción, van na mesma dirección.

Outro dato que redunda no devandito é o que nos achegou a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, tras participar no Civil Dialogue Group on Milk (Grupo de Diálogo Civil do Sector Lácteo) en Bruxelas, a comezos de maio. Xa daquela, Isabel Vilalba adiantaba que os plans e previsións da Comisión Europea pasan por incrementar a produción leiteira en certas zonas -especialmente de Francia, Alemaña e Holanda-, ao tempo que se prevé a caída ou a desaparición do sector lácteo en diversas áreas e rexións dos países da Unión Europea, entre os que se inclúe o Estado Español. E, polo que imos coñecendo dende que comezou a nova campaña, semella que Galiza podería ser unha desas zonas nas que se pretende facer desaparecer o sector lácteo. Diante disto, dende o SLG e a Coordinadora Europea da Vía Campesina van ter unha oposición frontal, e instaremos cos medios que sexan necesarios para que tódalas institucións con poder decisorio no sector lácteo xunten esforzos e coordinen políticas para evitar o que sería unha auténtica debacle para o noso medio rural, para a xestión do noso territorio e para a nosa soberanía alimentaria como pobo.

Xuntanza coa conselleira