A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O SLG partidario de seguir coas mobilizacións no sector lácteo trala "decepcionante" xuntanza da Inlac

O SLG partidario de seguir coas mobilizacións no sector lácteo trala "decepcionante" xuntanza da Inlac

23 de Xullo do 2015

Xuntanza no Magrama

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, participou onte, 22 de xullo, na xuntanza da Interprofesional Láctea (Inlac) celebrada no Ministerio de Agricultura para tratar a crise do sector lácteo e á que asistiu, por parte ministerial, o segundo de a bordo, Carlos Cabanas. Xunto a Isabel Vilalba, que asistiu á reunión na delegación de COAG, estiveron a gandeira cántabra Charo Arredondo, e Andoni García, da Executiva da organización estatal.

Para Isabel Vilalba, o resultado da xuntanza foi “decepcionante”, pois no Ministerio de Agricultura seguen porfiando en minimizar o problema e en ofrecer medidas que nin solucionan a situación crítica de miles de granxas a curto prazo, nin supoñen un plan a medio e longo prazo que evite crises como a actual no futuro.

En efecto, a posición do Ministerio de Agricultura segue a basearse en accións como divulgar e dinamizar o uso dos contratos, algo inútil cando non existe un marco legal que regule aspectos como as condicións contractuais, as marxes para que cada parte da cadea de valor obteña rendas dignas polo seu traballo ou unha mediación imparcial en caso de conflito; cómpre non esquecer que os prezos de miseria actuais xa están fixados mediante contratos impostos unilateralmente pola industria.

Tamén insiste o Ministerio en dar cartos ás organizacións de produtores (OPLs) para reforzar o seu papel na negociación de prezos, cando se demostrou que a industria nin as recoñece nin lles fai caso; ou en potenciar o papel da Interprofesional Láctea (Inlac), cando o propio Magrama leva anos desmantelándoa e privándoa das súas funcións esenciais.

En canto ás axudas propostas, rozan o absurdo: propoñen subvencións para potenciar plans de mellora e incorporacións nunha conxuntura na que ninguén cun pouco de siso investiría un céntimo nunha profesión que é ruinosa nas condicións actuais; ademais, este tipo de axudas tampouco serven de apoio ás explotacións que agora mesmo están contra as cordas.

En canto á medida máis novidosa, que consiste en destinar unha partida de 1,5 millóns de euros a conceder préstamos dun máximo de 25.000 e cun ano de carencia, é só un parche que nada soluciona.

Para a secretaria xeral do SLG, esta actitude do Ministerio de Agricultura e, por extensión, da Consellaría de Medio Rural, contrastan coa reacción do Goberno Francés diante da difícil situación dos seus sectores gandeiros. Na Franza, despois de tres días de mobilizacións, o propio presidente da República, François Hollande, púxose á fronte dun gabinete de crise e anunciou un plan de choque que inclúe varias partidas de axudas que ascenden a 1.100 millóns de euros, aprazamento de impostos e pagamento progresivo e reestruturación das débedas das granxas. O plan tamén inclúe medidas destinadas a subir os prezos en sectores como o lácteo, o da carne de vacún e o porcino.

Pola contra, no caso galego, o presidente Feijóo segue desaparecido, e a conselleira de Medio Rural enrocada na súa teima de minimizar a crise, ocultar os datos dos prezos do leite dende abril ou culpabilizar aos produtores e produtoras do problema.

Diante da falla de resposta do Ministerio e da Consellaría, dende o Sindicato Labrego Galego imos manter a nosa posición de seguir adiante coa campaña de mobilizacións até acadar dos gobernos solucións efectivas e urxentes á crise do sector lácteo.

Xuntanza magrama