A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. A Consellaría e o Ministerio de Agricultura seguen sen achegar solucións a curto prazo aos baixos prezos do leite

A Consellaría e o Ministerio de Agricultura seguen sen achegar solucións a curto prazo aos baixos prezos do leite

1 de Agosto do 2015

Isabel Vilalba

A Consellaría de Medio Rural volveu acoller, o 31 de xullo, unha nova xuntanza do sector lácteo na que participaron as industrias, a distribución, as cooperativas, e as tres organizacións agrarias galegas: XXAA, UUAA e Sindicato Labrego Galego. Pola banda institucional estiveron o secretario xeral de Agricultura e Alimentación no Ministerio, Carlos Cabanas; a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana; e a secretaria xeral de Producións Agropecuarias, Patricia Ulloa.

A xuntanza foi tan decepcionante como as anteriores, xa que Quintana e Cabanas limitáronse a presentar en Galiza as medidas que xa fixeron públicas na xuntanza da Interprofesional Láctea (Inlac) do 29 de xullo, en Madrid. Ademais, a pesares de que acudiron máis representantes das industrias que a última vez (10 de xullo) non veu ninguén en nome dos primeiros compradores, que son quen están a pagar os prezos máis miserables. Neste senso, cómpre lembrar que hai, na Galiza, unhas 3.000 granxas que están a cobrar o leite por baixo dos 26 céntimos.

Con respecto aos acordos no sector lácteo francés, onde subirán en 4 céntimos o prezo do litro de leite, Cabanas reafirmouse en que será a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) quen ditamine se ese tipo de acordos é legal para facerse no Estado Español. Así as cousas, en palabras de Cabanas, agora mesmo as medidas inmediatas sobre os prezos limitaranse a “pedirlle ás industrias que recollan o leite a un prezo sostible e á distribución que non banalice o produto”; é dicir, o Ministerio agardará que todo se solucione pola boa vontade de industrias e distribución.

Ao final da xuntanza, a secretaria xeral do SLG explicou que, finalmente, o Ministerio comprometeuse a perseguir os prezos anormalmente baixos coa Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA). Sen embargo, Isabel Vilalba considerou que o Ministerio e a Consellaría seguen sen achegar solucións cuxos efectos veñan no curto prazo. “As medidas presentadas non amañan nada de maneira inmediata e deberían contemplar accións máis ambiciosas, como bonificar as cotas da Seguridade Social que pagan as granxas”. “Polo demais”, proseguiu a secretaria xeral do SLG, “tampouco serve que a AICA denuncie e sancione cun prazo de un ano a unha industria, porque nese tempo as granxas afectadas arruínanse. Hai que ter mecanismos legais áxiles que anulen automaticamente este tipo de contratos e obriguen a pagar prezos que cubran os custes de produción”. Respecto disto último e do pacto de prezos en Franza, Isabel Vilalba criticou que o Ministerio de Agricultura se escudase no ditame da CNMC, un organismo público dependente do Ministerio de Economía que “está a validar as vendas a perdas, levando á ruína ao sector produtor. Manter este sistema é un absoluto despropósito, pois se a CNMC só serve para defender prezos que arruínan as nosas granxas, ¿onde está a súa imparcialidade? En que consiste o seu concepto de competencia? En destruír o noso sector lácteo para que despois teñamos que importar o leite de Franza?”, rematou cuestionándose a secretaria xeral do SLG.

Así as cousas, o Sindicato Labrego Galego segue adiante coa campaña de mobilizacións que continuará, este 1 de agosto, cunha concentración de tractores, unha marcha e un peche solidario do comercio local en Santa Comba.

Mesa do leite