A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. A caída de consumo volve afundir os prezos da carne de vacún galega en valores de crise

A caída de consumo volve afundir os prezos da carne de vacún galega en valores de crise

4 de Agosto do 2015

Vacas rubias

O 2015 está a ser un ano preocupante para a produción de carne de vacún na Galiza debido a unha caída continuada dos prezos dende xaneiro. Se nos atemos ás táboas de prezos publicadas pola Indicación Xeográfica Protexida Tenreira Galega, na categoría suprema os prezos medios tiveron un pico en decembro de 2014, con 4'94 euros/quilo, para ir caendo até uns valores que, en xullo deste ano, andan ao redor dos 4'50 euros; estes valores baixan ao redor de 1 euro por quilo para a carne de tenreira de máis de 10 meses.

E isto preocupa nun sector que, durante o ano pasado, se foi recuperando da crise vivida entre 2009 e 2013 e agardaba esperanzado a chegada do verán, cando habitualmente medra o consumo e aumentan os prezos.

A maiores, habería que engadir o factor extraordinario da seca, que está a diminuír a produción de forraxes e cereais e, polo tanto, traducirase nun aumento dos gastos destinados a alimentación do gando, tal e como xa está a acontecer coa palla de cebada.

A esta difícil conxuntura, habería que engadir decisións políticas lesivas co sector que se tomaron recentemente, como os fortes recortes nas axudas do Contrato de Explotación Sostible (CES), que se traduciron na perda de miles de euros para o meirande das granxas deste sector que, normalmente, están situadas en zonas desfavorecidas de montaña e que deben loitar contra desavantaxes e atrancos comparativos de todo tipo, con respecto a explotacións doutras comarcas, para poder seguir producindo alimentos; e que só na Indicación Xeográfica Protexida Tenreira Galega ascenden a unhas 7.600 en todo o país.

Con estes vimbios, as previsións é que as rendas das explotacións de vacún de carne galegas se vexan moi minguadas neste 2015.

Sobre a posibilidade de que a caída de prezos poida deberse ao aumento do sacrificio de vacas de leite debido á crise no sector lácteo, o responsable do sector da carne de vacún no SLG, o gandeiro Xosé Luís López Galán, opina que non é un factor que xustifique a situación actual, pois “a carne de vacas de leite vai, maioritariamente, para fóra de Galiza e non debería influír moito no mercado interno galego”. Para Galán, a crise económica segue a impactar notablemente no consumo dunha carne que, pola súa calidade e custes de produción, segue a resultar cara para moitas economías domésticas. “Eu teño falado con moitas carnicerías”, explica, “e o problema é que non venden. A xente decantouse por carnes máis baratas, como a de polo, e a tenreira é cara para o nivel adquisitivo actual”.

En canto ás medidas políticas que se deberían tomar para facerlle fronte a esta crise, pasan por reunir aos axentes do sector para negociar uns prezos mínimos en orixe que garantan a cobertura dos custes de produción, aínda que sen chegar a niveis que poidan repercutir nunha posible caída do consumo por mor do prezo final. A promoción, a compra pública para comedores escolares e hospitais, o control da fraude ou a mellora das axudas públicas directas destinadas a garantir a continuidade das granxas en zonas desfavorecidas e/ou con producións de calidade son medidas positivas que se poderían emprender dende o Ministerio de Agricultura ou dende a Consellaría de Medio Rural. Isto é posible, tal e como demostraron a finais de xullo en Franza, onde a caída das rendas e os baixos prezos en sectores como o da carne de vacún, o leite ou o porcino acadaron a categoría de problema de Estado e forzaron a intervención do presidente da República e do primeiro ministro coa posta en marcha dun ambicioso plan de axudas. Dende o Sindicato Labrego Galego, instamos ao Ministerio de Agricultura e á Consellaría de Medio Rural a que non releguen a un segundo plano ao sector da carne de vacún, e que emprendan medidas efectivas como as devanditas para defendelo, xa que da súa continuidade depende directamente a estrutura social e económica en amplas zonas desfavorecidas da Galiza.