A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O presidente Feijóo tampouco achega medidas urxentes para o sector lácteo tras incumprir todo o prometido en 2012

O presidente Feijóo tampouco achega medidas urxentes para o sector lácteo tras incumprir todo o prometido en 2012

6 de Agosto do 2015

Vilalba e Feijóo

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, participou na xuntanza de hoxe, 5 de agosto, mantida entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e os principais axentes do sector lácteo na Galiza. Ademais das organizacións agrarias e das cooperativas, estiveron na reunión o secretario xeral de Agricultura do Magrama, Carlos Cabanas; o conselleiro de Industria, Francisco Conde, e a súa homóloga de Medio Rural, Rosa Quintanta; representantes de industrias como Nestlé, Río, Lactalis, Celta, Peñasanta ou Reny Picot; e distribuidoras como Gadisa, Eroski, Carrefour, Mercadona e Froiz.

Feijóo admitiu que o 30% das granxas galegas aturan uns niveis de prezos tan baixos, menores de 26 céntimos por litro, que non tiñan comparación co sector lácteo doutras comunidades ou países; tamén admitiu que a media de prezos no leite galego está inmersa nunha tendencia á baixa, apuntando os últimos datos a un valor medio de 27'9 céntimos, nivel que contrasta cos 30 céntimos de media no Estado ou os 34 céntimos de Andalucía.

Sen embargo, e a pesares de admitir o problema, Feijóo limitouse a expoñer o paquete de medidas xa anunciado polo Ministerio de Agricultura, coa única novidade dunha nova liña de axudas da Consellaría de Industria para apoiar a innovación na transformación industrial de produtos lácteos e a concentración de proxectos empresariais.

Así as cousas, dende o Sindicato Labrego Galego temos que volver dicir, unha vez máis, que estas medidas non solucionan de maneira urxente un problema de baixos prezos que xa hai tempo que deixou miles de granxas sen liquidez, coa súa conta de débedas en aumento e ao borde do desafiuzamento aquelas que non poden atender aos préstamos hipotecarios que teñen enriba. O presidente da Xunta non pode quedar de brazos cruzados no curto prazo cando el mesmo admite que unhas 3.000 granxas na Galiza están en situación límite.

Ademais, a secretaria xeral do SLG recordoulle ao presidente da Xunta que os compromisos adquiridos co sector lácteo en 2012, e que se plasmaron a nivel estatal na Lei da Cadea Alimentaria, non serviron para nada, pois a relación das industrias con respecto ás granxas segue a ser de abuso e dominio flagrantes dende a máis absoluta impunidade. Resulta incomprensible que a Xunta e o Ministerio sigan coas súas reticencias a fixar un prezo mínimo no sector da mesma maneira que se fixo en Francia, alegando que sería unha práctica que iría contra a libre competencia, ao tempo que toleran que as granxas poidan seguir vendendo o leite a perdas, o que é unha práctica ilegal que atenta contra as normas máis elementais do mercado. Outros compromisos de Feijóo de 2012 tamén quedaron en auga de castañas, como a súa promesa de propiciar o aumento da base territorial das explotacións para diminuír os custes de produción; non só non se avanzou neste campo, senón que os cambios lexislativos iniciados polo Goberno que preside van na dirección de desprotexer aínda máis o solo agrario.

No que se refire á principal novidade presentada na xuntanza de hoxe, as axudas á industria para innovar e fortalecerse, Isabel Vilalba advertiu que o SLG ía estar vixiante para evitar que se volvan producir experiencias desastrosas como a de Alimentos Lácteos, iniciativa política controlada pola Consellaría de Medio Rural de Samuel Juárez que arruinou cooperativas como La Arzuana ou Gancobre e, con elas, un milleiro de explotacións leiteiras socias, despois de fundir varios millóns de euros do erario público.

Como Sindicato Labrego Galego, reafirmámonos nunha política leiteira europea baseada no control público da produción, distribuída equitativamente polos diversos territorios comunitarios e con prezos mínimos que permitan ás persoas que traballan neste sector vivir dignamente do seu traballo. Precisamente, é na falla de políticas como as devanditas onde deberiamos buscar as orixes da actual crise, xa que o valor do leite baixou tralo aumento de produción do 4% que trouxo canda si o final do sistema de cotas, excedentes que agora están dinamitando os prezos. Por iso, calquera medida a medio e longo prazo para o sector que non inclúa defender políticas como estas nos foros estatais e comunitarios pertinentes, estará condenada ao fracaso.