A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O Deza mobilízase hoxe polo sector lácteo

O Deza mobilízase hoxe polo sector lácteo

12 de Agosto do 2015

Tractorada Melide

Mentras o noso sector lácteo, tan importante na nosa economía e sociedade, ve como a parte produtora sufre abusos e unha forte e permanente caida nos prezos que se lle paga aos produtores/as, é de lamentar que isto suceda ante a pasividade e a falta de iniciativa dos poderes públicos para afrontar a gravedade do problema e achegar solucións.

Hoxe é a vez de Lalín nas concorridísimas mobilizacións en defensa do sector lácteo galego que neste mes de agosto percorren o noso país.

Con certeza, pode falarse como dunha situación xeralizada a de cobrar prezos que non cubren os custes de produción. Pode, de feito, estimarse en 3 milleiros as granxas que están a cobrar prezos por baixo dos 26 céntimos o litro. Situación prolongada no tempo, sen que desde os poderes públicos se actúe, amparando a súa inacción en trabas, seica, “legais”.

En localidades e comarcas, como a que hoxe se mobiliza, o Deza, a importancia do sector é vital. E non só desde un punto de vista económico, senón tamén social: sen sector lácteo, esta comarca -como outras no país- ten o risco grave de agonizar.

É por iso necesaria a implicación social e institucional na defensa do sector nas mobilizacións que, como hoxe e ao longo do mes de agosto, se desenvolveron e desenvolverán en diversas localidades galegas.

Na mobilización de hoxe, ás 11 h sairán tractores desde distintas localidades da comarca, estando prevista a súa chegada á vila de Lalín ás 12 h, percorrendo as rúas da mesma, desenvolvéndose a continuación unha manifestación a pé, prevista para as 13 h, que rematará coa lectura dun manifesto. Mobilización que é convocada pola Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego e á que que chamamos a participar desde o SINDICATO LABREGO GALEGO.