A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. A ECVC e o EMB manifestaranse en Bruxelas durante o Consello Ministerial de Agricultura pola crise leiteira

A ECVC e o EMB manifestaranse en Bruxelas durante o Consello Ministerial de Agricultura pola crise leiteira

31 de Agosto do 2015

Protestas do leite en Bruxelas

O vindeiro 7 de setembro, coincidindo coa celebración do Consello Ministerial de Agricultura da Unión Europea en Bruxelas, a Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC), da que forma parte o SLG, e o European Milk Board (EMB), manifestaranse para denunciar a situación insostible na que levan meses miles de explotacións, na Galiza e no resto de Europa, debido á caída de prezos e a falla de control sobre a produción pola eliminación do sistema de cotas.

As mobilizacións terán lugar diante da sede do Consello da Unión Europea (edificio Justus Lipsius, Rue de la Loi 175), ás 11:30 horas.

Para a ECVCE, a crise do sector lácteo demostra o errada que é a actual política leiteira. Se os gobernos queren manter un alto número de produtores e produtoras de leite no medio rural, utilizando un modelo diverso e produtivo cuxa orientación fundamental sexa a produción de alimentos para a cidadanía, vai ser necesaria unha revolució cultural. E é que, para tódalas organizacións que formamos parte da ECVC, as solucións que nos ofrecen non resolven o problema: pospoñer os vencementos bancarios, un enésimo plan de apoio para a exportación ou fondos adicionais para a promoción de produtos lácteos non abondan. O sector lácteo precisa, máis que nunca, unha regulación pública do mercado leiteiro que agardamos considere este Consello Ministerial. Dende a ECVC, esiximos solucións sostibles baseadas nunha xestión dinámica da produción europea para:

  • Termos un prezo que cubra os custes de produción e xere unha renda digna nas explotacións.
  • Neutralizar a competencia dentro da Unión Europea.
  • Desvincular os prezos dos produtos lácteos para o mercado interno daqueles destinados ao mercado mundial.
  • Unha distribución máis xusta da produción, protexendo as zonas rurais máis desfavorecidas.
  • Deter, inmediatamente, as negociacións de libre comercio como o TTIP.

Na Galiza, no Estado Español, na Franza, en Bélxica ou Alemaña, estanse a levar a cabo ou a organizar moitas accións de protesta para obrigar aos políticos e ás políticas a escoitar as voces dos miles de labregos e das miles de labregas que representamos, e para que se comprometan a defender unha produción leiteira sostible en Europa.