A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O sector cunícola pide unha xuntanza urxente no Ministerio de Agricultura para tratar unha das peores crises de prezos

O sector cunícola pide unha xuntanza urxente no Ministerio de Agricultura para tratar unha das peores crises de prezos

2 de Outubro do 2015

Coellos

O sector cunícola de COAG solicitaba, a finais de setembro, unha reunión urxente ao Ministerio de Agricultura para estudar unha serie de medidas que eviten a creba das explotacións familiares diante da importante caída de prezos que arrastra o sector dende comezos de 2015, que está obrigando a vender por baixo de custes. Ademais, pediuse que no encontro participe a Axencia de Información e Control Alimentario (AICA) para poñer sobre a mesa as reiteradas infraccións da Lei da Cadea Alimentaria que o sector cunícola de COAG xa ten denunciado.

“As granxas de coellos estamos a vivir unhas circunstancias inaceptábeis, como a negación de determinados matadoiros para absorber a produción das súas zonas de influencia, a inexistencia de contratos entra as partes e incumprimentos das condicións pactadas nos mesmos, razóns que dificultan aínda máis a negociación duns prezos remunerativos. Sentimos unha grande indefensión”, subliñou o responsábel do sector cunícola de COAG, o galego Xosé Luís Santaclara.

Pola súa banda, a grande distribución continúa coa súa política de escasa valoración da carne de coello, financiando coas perdas das granxas a súa estratexia comercial de baixos prezos. “Hai que reverter o proceso de formación de prezos na cadea de valor da carne de coello, para que este se forme de abaixo a arriba, considerando as marxes de rendibilidade de cada un dos elos. O noso futuro pasa pola rendibilidade, xa que a produción de carne de coello é un sector económico moi importante para o medio rural do que dependen máis de 35.000 familias de maneira directa e miles de postos de traballo de maneira indirecta”, lembrou Santaclara. Neste senso, o responsábel cunícola de COAG cualificou de lamentábel e vergoñento o último informe da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) no que avala a venda a perdas. “O que realmente prexudica aos consumidores e consumidoras é o peche de explotacións no seu entorno máis achegado e o aumento das importacións de terceiros países, cuxos métodos de produción están moi afastados dos altos estándares en materia de calidade, seguridade alimentaria e benestar animal que se esixen na Unión Europea”, concluíu.

Dende 2007, pecharon o 37% das granxas de coellos no Estado

Os prezos en orixe do coello levan meses caendo en picado, situándose, en moitos casos, por baixo dos custes de produción, o que provoca abondosas perdas económicas mensuais para as granxas. Xa en 2014, o prezo medio do coello, segundo o Ministerio de Agricultura, situouse en 1'77 euros por quilo vivo, lonxe da media dos dous últimos anos e por baixo dos prezos medios do ano 2012 (1'84 euros) e 2013 (1'94 euros). Na actualidade, o prezo medio rolda os 1'50 euros por quilo vivo, aínda que no verán caeu por baixo dese valor, manténdose na lonxa de Silleda a súa cotización entre 1'27 e 1'37 euros. Segundo un estudo desenvolvido pola interprofesional INTERCUN, o custe de produción medio estimado no sector cunícola en 2014 situouse en 1'80 euros por quilo vivo, o que obriga ao sector a vender a perdas. Se botamos contas, con prezos de 1'37 euros pérdense uns 94 céntimos por coello. Desta maneira, unha granxa media de 600 nais ten unha facturación de 3.500 euros menos por cada lote, é dicir, deixa de ingresar 34.000 euros ao ano.

Esta crítica situación obrigou a moitas granxas a botar o peche diante da imposibilidade de facer fronte a anos de perdas e débedas. Así, mentres que no ano 2007 contabilizáronse 5.195 granxas cunícolas, en 2014 o número de explotacións reduciuse até as 3.315, o que dá unha perda do 37%.

Un dos principais motivos da caída de prezos débese á guerra de prezos á baixa que manteñen, dende hai anos, as grandes empresas transformadoras do sector. No Estado, o grupo Hermi controla o 25% do mercado, tendo Cogal e Cunicarn un 6% cada un. Desta maneira, tres grandes industrias acaparan o 37% das vendas. O 63% restante está atomizado en 75 empresas que operan a pequena escala. Coa guerra de prezos á baixa, os grandes van conquistando cada vez máis cota de mercado a costa de obrigar a pechar os pequenos. Tamén influíron na crise aspectos como a redución do consumo de carne de coello nun 3% anual, a baixada no prezo da pel coa que se completaban os ingresos pola venda da carne ou o embargo ruso.

Táboa de prezos