A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Isabel Vilalba denuncia a política “suicida e contraditoria” para o sector lácteo da Comisión Europea

Isabel Vilalba denuncia a política “suicida e contraditoria” para o sector lácteo da Comisión Europea

16 de Novembro do 2015

Prezos leite na UE

Trala celebración do Consello Ministerial de Agricultura da Unión Europea, neste 16 de novembro, é bo sacar a colación a última xuntanza do Grupo de Diálogo Civil do Sector Lácteo (Civil Dialogue Group on Milk), celebrada o 10 de novembro en Bruxelas a instancias da Comisión Europea. Neste encontro participaron catro representantes da Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC), entre quen se atopaba a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane; xunto a ela estiveron a cántabra Charo Arredondo, Nico Filippini (Italia) e Philippe Collin (Francia).

A principal conclusión que tiraron os e as representantes da ECVC tras acceder aos datos achegados pola Comisión Europea (podedes descargar o informe na icona que hai ao final desta páxina) é que a crise do sector lácteo estase a agravar a escala global, ao tempo que o executivo comunitario segue de brazos cruzados agardando que o trebón escampe. E é que, actualmente, hai 17 países na Unión Europea nos que o prezo medio do leite está por baixo dos 30 céntimos. “Onde máis caeron os prezos”, explica Isabel Vilalba, “foi nos Países Bálticos, Hungría e Irlanda. Pero iso é enganoso, porque eses prezos medios á baixa exercen unha enorme presión en determinadas zonas produtoras, como Galiza, onde a industria paga prezos moi baixos amparada nas cotizacións internacionais”. En canto aos representantes da industria no Civil Dialogue Group on Milk, non expresaron en ningún momento a súa vontade nin compromiso algún de mellorar o nivel de prezos actual.

Prezos Leite na UE

Outro factor desestabilizador no sector lácteo está a ser o aumento da produción xeneralizado. Con respecto á campaña pasada, Australia incrementou a súa produción leiteira un 6'9%, Nova Zelandia un 1'6%, e os Estados Unidos cun 1'4%. Na Unión Europea tamén segue a incrementarse a produción ao tempo que xa non se sabe que facer cos excedentes, pois tanto o mercado interno como as exportacións seguen estancados.

Outro factor do mercado internacional que pode agravar a crise de excedentes é o tratado bilateral entre a Unión Europea e Ucraína, xa que pode supor a entrada de queixo e produtos lácteos deste país como compensación pola guerra comercial e diplomática que se mantén con Rusia e na que, polo que se ve, o sector lácteo vai ser utilizado como moeda de cambio.

O peor de todo é que a Comisión Europea non achega solución algunha. Estes días puidemos escoitar ao comisario de Agricultura, Paul Hogan, ou ao presidente da Comisión, Jean-Claude Juncker, recoñecer a anomalía de que o leite valla menos que a auga e o mal funcionamento do mercado. Sen embargo, a pesares de recoñecer o problema, a Comisión Europea agarda que os prezos se vaian estabilizando e que as inclemencias provocadas polo fenómeno de “O Neno” no Pacífico, vaticinadas por varios servizos de meteoroloxía, contribúan a diminuír a produción en Nova Zelandia. “O problema é que hai unha cantidade grande de granxas que non van poder resistir este tempo de espera nas actuais condicións”, denunciou a secretaria xeral do SLG, “especialmente aquelas que teñen débedas financeiras por ter feito investimentos nos últimos anos, como moitas que incorporaron xente nova. E iso nun sector moi envellecido no que podemos hipotecar o relevo xeracional, pois nas actuais condicións ninguén se mete a producir leite”.

Así as cousas, dende a Comisión Europea están a traballar con perspectivas a dez anos e, “nun exercicio de adiviñación, dada a volatilidade dos mercados”, a fórmula máxica da Comisión Europea para solucionar os problemas do sector lácteo consiste en aumentar a produtividade por vaca a través da mellora xenética ou a robotización do muxido. “É dicir”, matizou Isabel Vilalba, “seguen a apostar por un modelo con altísimos custes de produción e gran endebedamento das granxas nun contexto de prezos á baixa. Estamos en mans de responsables políticos que están a deseñar unha política suicida e contraditoria. Como se entende que nos digan que debemos reducir os custes de produción, que nos recomenden alimentar ás vacas en praderías para diminuír enfermidades e aumentar a súa lonxevidade e, ao mesmo tempo, as súas políticas tendan a concentrar e intensificar cada vez máis a produción aínda que as granxas non teñan superficie territorial suficiente para facelo? A Comisión Europea lévanos camiño dun modelo intensivo semellante ao dos Estados Unidos. O problema é que no país norteamericano, máis do 80% das granxas están a ter serios problemas de rendibilidade, hoxe en día, pois tampouco dan feito fronte aos baixos prezos”.

Ficheiro adxunto