Un cento de produtores e produtoras de carne de coello da Galiza manifestáronse en Compostela hoxe, 24 de novembro, para protestar contra os prezos de miseria que se lles leva pagando durante todo este 2015 e que están a arruinar as súas granxas. Estamos a falar dun valor medio, no presente ano, de 1'54 €/quilo, cando os custes de produción están entre 1'85 € e 1'95 €. Mesmo, no verán, os prezos chegaron a tocar fondo con valores de 80 céntimos por quilo.
A manifestación tivo dous escenarios: en primeiro lugar, a Consellaría de Medio Rural para denunciar a pasividade da Administración diante desta crise; e, en segundo lugar, o Carrefour das Cancelas, para sinalar unha das principais responsábeis da crise: as grandes cadeas de distribución.
Precisamente, unha das principais causas da caída de prezos é o control absoluto que exercen as grandes distribuidoras na cadea de valor e a utilización da carne de coello como produto reclamo. Sen ir máis lonxe, Carrefour chegou a vender o coello a 2'45 € o quilo. Se temos en conta que, normalmente, entre o punto de venda e a granxa hai como mínimo un intermediario -os matadoiros-, e se o supermercado conserva intacta a súa marxe de ganancias porque é quen marca o prezo final, entón quen acaban perdendo son os elos máis febles da cadea: os produtores e produtoras, xa que os matadoiros tamén teñen unha posición forte ao beneficiarse no Estado Español dunha situación de oligopolio; só HERMI controla o 24% da produción.
Dende 2009 pechou a cuarta parte das granxas cunícolas galegas.
En declaracións aos medios de comunicación, o produtor e representante do Sindicato Labrego Galego e de COAG na Interprofesional Cunícola (Intercun), Xosé Luís Santaclara, denunciou que, cando remate este 2015 negro, as perdas por coella en cada granxa ascenderán a 30 €. Iso supón que unha explotación media de 1.000 coellas a perda anual será de 30.000 euros. Isto non fará máis que empeorar unha situación crítica que, dende 2009, implicou o peche do 26'42% das granxas galegas. Actualmente, Galiza é a segunda produtora de coello de España, producindo máis de 14.000 toneladas de carne ao ano, o que supón o 22% do Estado. En total, aínda seguen en activo 276 explotacións cunícolas, con 756.350 cabezas e un valor estimado da súa produción de 28,5 millóns de euros.
Táboa reivindicativa con 9 medidas para salvar o sector.
Xosé Luís Santaclara, acompañado dos representantes da Confederación Nacional de Cunicultures e UUAA, rexistrou na Xunta un escrito dirixido á Consellaría de Medio Rural coa seguinte táboa reivindicativa:
- Axudas directas de 30 €/coella nai para compensar as perdas de 2015.
- Medidas de financiamento da débeda das granxas con tipos de xuro preferentes.
- Subvención dos avais a produtores e produtoras que teñan dificultades de acceso ao crédito bancario.
- Cobertura da totalidade do custe do seguro de retirada de cadáveres.
- Establecemento de contratos que regulen a relación entre as granxas e os matadoiros a longo prazo.
- Axudas á cunicultura no Plan de Desenvolvemento Rural PDR 2014-2020 para a modernización e reforma de instalacións así como para a incorporación de novos activos agrarios.
- Campaña de promoción do consumo de carne de coello.
- Incorporación da carne de coello nos menús dos centros públicos: escolas, residencias, hospitais, etc.
- Solicitude ao Ministerio de Agricultura para que no regulamento dos matadoiros de proximidade estableza unha cantidade admisible de animais a sacrificar que responda ás necesidades das granxas galegas.
Posteriormente, os produtores e produtoras que acudiron á concentración diante da Consellaría de Medio Rural, marcharon até o centro comercial das Cancelas para denunciar a posición de abuso e dominio de grandes distribuidoras como Carrefour na cadea de valor e repartir panfletos entre a súa clientela. De seguir a situación como na actualidade, o sector cunícola está disposto a emprender un calendario de mobilizacións centrado nas grandes superficies comerciais.