A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O SLG denunciou na xuntanza con Medio Rural que os prezos do leite seguen a ser ruinosos na Galiza

O SLG denunciou na xuntanza con Medio Rural que os prezos do leite seguen a ser ruinosos na Galiza

14 de Xaneiro do 2016

Isabel Vilalba

O pasado 12 de xaneiro, a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo mantivo un encontro coa conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez. Por parte do Sindicato Labrego Galego acudiu a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba Seivane. No encontro, a Consellaría expuxo as accións institucionais que está a desenvolver para afrontar a crise do sector lácteo, mentres que a Plataforma denunciou a crítica situación na que seguen as granxas con melloras no prezo só acadadas a raíz das protestas dos últimos meses.

Na xuntanza, a conselleira fixo un resume das iniciativas nas que están a traballar dende a administración:

  1. Contrato homologado: Está previsto que a ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, asine a orde que o regulará este 25 de xaneiro, paso previo á publicación do novo modelo de contrato para o sector lácteo. Tanto o SLG como a COAG rexeitamos este modelo http://bit.ly/1Owi0s1
  2. Decreto de cesión de prezos: Publicarase a finais de xaneiro e obrigará á industria a informar do prezo ao que lle vende á distribución, para que haxa maior transparencia. No borrador só se obriga a informar do prezo do leite líquido envasado que vende. Así, non se informaría do prezo do leite que se vende en cisternas, do que vai para outros usos industriais (leite en pó, queixos...); mesmo prevese que queden exentas da obriga de informar do prezo as vendas menores de 100.000 quilos. O SLG e a COAG fixemos alegacións para que se recolla a información completa. A xustificación deste decreto era darlle transparencia ao do sector, pero tal e como vai redactado o borrador non vai servir para evitar abusos como o que se agacha na venda de leite que se paga para facer po ou a entrada de cisternas de fóra.
  3. Regulación de primeiros compradores: Para enfrontar problemas como impagos ou os prezos anormalmente baixos que predominan nas transaccións cos coñecidos como primeiros compradores (intermediarios entre as industrias e as granxas) prezos que están en gran medida en primeiros compradores. Dos 78 primeiros compradores inscritos na Galiza, 39 son cooperativas. A Consellaría dará a coñecer un borrador deste regulamento a semana que vén.
  4. Etiquetado coa orixe do leite: trátase dun acto voluntario de industria e distribución. Na xuntanza só se nos informou da “boa disposición” de industria e distribución para avanzar neste tema.
    Decreto de modificación das condicións da PAC: leve simplificación na
    tramitación das axudas da PAC, pois non serán precisos os documentos de identidade das persoas propietarias das parcelas con menos de 2 hectáreas.
    Tamén informou Medio Rural dos controis e inspeccións que se están a levar a cabo no sector lácteo en industrias (con multas ao redor dos 6.000 euros cando se detectan prezos anormalmente baixos con posibles vendas a perdas) e distribuidoras (multas duns 10.000 euros cando se engana a xente en aspectos como a orixe do leite). Tamén están as inspeccións da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), que pode impoñer sancións de até 200.000 euros por violacións da Lei da Cadea Alimentaria; respecto disto último, informóusenos que se están a investigar dúas empresas na Galiza, pero que se está a sopesar a imposición de sancións que, de ser demasiado severas, poderían obrigar ao peche da empresa con conseguinte impacto negativo nas granxas que lle fornecen leite.
  5. Tamén se falou do debate, no seo co Consello Agrario Galego, dun Plano Estratéxico para o Sector Lácteo.

Na Galiza, prezos medios entre 2 e 3 céntimos máis baixos que no resto do Estado

Dende a Plataforma do Sector Lácteo, centramos as nosas intervencións en denunciar a persistencia do problema dos baixos prezos e da necesidade que haxa unha suba do leite de decembro, non só dos 2 céntimos comprometidos pola distribución nas súas marcas brancas a raíz das protestas, senón tamén do leite envasado baixo as marcas propias das das industrias. Grazas ás protestas gandeiras, acadáronse avances como que a maioría dos contratos coa distribución vaian ser anuais, que se abandonen modalidades de compra que tiran os prezos á baixa como as poxas de DIA, ou que non existe marxe para subir o leite na distribución; polo que nada disto pode servir agora como escusa para xustificar os baixos prezos. Ademais, grazas ás mobilizacións, as distribuidoras tamén se amosaron favorables a promover marcas con etiquetaxe Galega 100%, o que debería redundar nun apoio á recollida de leite galego e a mellora do seu prezo.
Mais, se tomamos como referencia o prezo do leite marcado polo Ministerio para unha produción sostible na Galiza -33'80 €/litro-, a día de hoxe as ganderías galegas seguen moi lonxe de ser rendibles. Seguimos con prezos medios entre 2 e 3 céntimos máis baixos que no resto do Estado e, segundo Isabel Vilalba, “as nosas granxas non poden agardar e precisan con urxencia unha recuperación inmediata no prezo que se pague polo leite de decembro. Non se pode xustificar que entre leite líquido de fóra -sexa envasado, sexa en cisternas-, ou que se promova o incremento de produción noutras zonas do Estado; ao tempo que, na Galiza, se nos pague parte do leite a prezos de leite en po e se nos ameace con non recollelo.
Tamén dende o Sindicato Labrego Galego volvemos denunciar os impagos e prezos ruinosos de primeiros compradores como Lácteos Ortegal, Logística Alimentaria ou Lácteos Pérez. Por iso, esiximos que se regule para acabar con todas estas prácticas abusivas, que non se lle dea a licencia de primeiros compradores a operadores sen garantías ou que xa deixaron impagos no pasado, e que se garanta que os proxectos que se financien por parte da Consellería de Medio Rural sexan solventes e garantan os dereitos das persoas produtoras.

Finalmente, falouse da necesidade dunha mesa ou grupo de traballo estable na que estean representadas gandeiros e gandeiras, industria e distribución. O seu obxectivo debe ser a busca de consensos para garantir prezos dignos, a promoción de medidas de apoio ao sector leiteiro galego a través de proxectos de transformación, comercialización, etcétera.

Xuntanza na consellaria