A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O SLG esixe solucións para as 50 granxas de Codegui ás que Celta deixará de recollerlles o leite o 1 de febreiro

O SLG esixe solucións para as 50 granxas de Codegui ás que Celta deixará de recollerlles o leite o 1 de febreiro

28 de Xaneiro do 2016

Leche Celta

As 50 granxas leiteiras da Cooperativa Codegui, o meirande de Guitiriz -pero tamén de municipios veciños como Vilalba, Aranga ou Xermade- terán que decidir que fan cos 26.000 litros de leite que lles recolle Celta, xa que esta industria con sede en Pontedeume xa lles anunciou que deixará  mercarlles a partires do 1 de febreiro.

Codegui mantivo contactos con outras industrias nos últimos días, pero todos foron infrutuosos. Deste xeito, a única solución que teñen agora mesmo sobre a mesa é a de saldar o leite que produzan a prezo de intervención, isto é, a 18 céntimos o litro.

Dende o Sindicato Labrego Galego, esiximos a intervención urxente da Consellaría de Medio Rural para que cumpra coa súa obriga de defender estas granxas do desamparo no que fican diante da decisión de Celta de non renovarlles o contrato. A alternativa de vender o leite a 18 céntimos non só é indigna, senón que será ruinosa e provocará, antes ou despois, a creba económica das 50 granxas leiteiras de Codegui, polo que a Consellaría de Medio Rural ten a obriga de evitalo.

A crise de Codegui é consecuencia da falla de solucións para o sector lácteo

Tamén dende o SLG temos que denunciar de novo que as políticas do Ministerio de Agricultura e da Consellaría de Medio Rural para o sector lácteo, nomeadamente o acordo de boa vontade asinado en Madrid do pasado 23 de setembro, non están a servir para nada. Se atendemos aos datos facilitados polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), no ano 2015 pecharon na Galiza medio milleiro de granxas de leite, pois comezamos o ano con 9.606 explotacións facendo entregas, e en novembro quedaban só 9.181.

En canto aos prezos, segue sen haber trazas de recuperación: en novembro, o prezo medio na Galiza, segundo datos da Consellaría de Medio Rural, foi de 28'70 céntimos por litro. Coma sempre, esta media leva a engano, pois se collemos só as granxas que producen 300.000 quilos ou menos -o meirande na Galiza- o prezo medio cae a 26,69 céntimos.

Actualmente, a produción non para de medrar na nosa terra con respecto ao ano pasado sen que as autoridades fagan nada para controlala, de maneira que o previsible é que siga habendo industrias que deixen de recoller impunemente o leite -non hai ningunha lei nin acordo que as obrigue-, pois non teñen maneira de comercializar os excedentes, mentres os prezos seguen afundíndose por ese exceso de produción. Diante deste panorama, dende o SLG volvemos esixir que o Ministerio de Agricultura sente de novo aos axentes do sector para negociar solucións realistas e efectivas para que non se repitan casos como este de Codegui que ameaza con arruinar medio cento de granxas máis na Galiza.