A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. A Vía Campesina esixe á Comisión de Agricultura que se deixe de estudos e pase á acción no sector lácteo

A Vía Campesina esixe á Comisión de Agricultura que se deixe de estudos e pase á acción no sector lácteo

3 de Febreiro do 2016

Comisario de Agricultura Phil Hogan

No punto álxido dunha crise que arruinou miles de produtores e produtoras de leite en toda Europa, a Comisión Europea elixiu, unha vez máis, atrasar a acción, e optou pola súa práctica habitual de consultas, avaliacións e estudos. Afirmando que é parte dun esforzo máis amplo para mellorar a lexislación existente, a Comisión Europea enviou, recentemente, un cuestionario ás organizacións agrarias e produtoras alegando que ao indagar sobre os beneficios e dificultades do Paquete Lácteo, a enquisa mellorará o seu desenvolvemento no campo.

Para a Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC), da que forma parte o SLG, a crise actual do sector lácteo e a desesperada situación de produtores e produtoras de leite, esixen medidas que están moito máis alá dos procedementos convencionais da Comisión Europea de atrasar as decisións debido aos novos estudos, avaliacións e á convocatoria de peritos para analizar o que está moi claro para todo o mundo: o completo fracaso das medidas contidas no Paquete Lácteo.

Para avaliar o funcionamento deste Paquete Lácteo, abonda con mirar pola ventá e contemplar a fiestra de miles de produtores e produtoras en toda a Unión Europea e a desaparición da produción de leite en varias rexións, feitos que foron subliñados por moitas organizacións sectoriais, incluíndo a ECVC e o Sindicato Labrego Galego, despois de que o Grupo de Alto Nivel presentase as súas recomendacións.

Ao favorecer estes estudos e avaliacións tan estreitos, a Comisión Europea négase a cuestionar as súas posturas erróneas como que a volatilidade do mercado é inevitable e que o problema radica no modelo de organización da produción. É máis, a CE pecha de facto o debate diante doutras solucións, como a restauración dun instrumento público eficaz do control da produción que, entre outras cousas, garanta a viabilidade e permanencia das explotacións leiteiras que aínda seguen en activo, en base a modelos sostibles e todos os territorios europeos.

A coordinadora Europea da Vía Campesina considera que xa é hora de concluír e aceptar, e non de levar a cabo máis estudos; non avaliar, senón tomar medidas a favor de ferramentas eficaces de regulación pública coa fin de manter prezos decentes e ingresos xustos para os produtores e produtoras de leite, amais de permitir o control e o axuste da produción europea.