A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. As zonas rurais desfavorecidas e a gandería extensiva volven ficar marxinadas pola Consellaría de Medio Rural

As zonas rurais desfavorecidas e a gandería extensiva volven ficar marxinadas pola Consellaría de Medio Rural

16 de Febreiro do 2016

Rolda de prensa axudas agroambientais

O Sindicato Labrego Galego ofreceu unha rolda de prensa, o 12 de febreiro, para denunciar os fortes recortes que están a sufrir as axudas agroambientais, retalladas que se traduciron na denegación de 2.244 solicitudes e na marxinación de proxectos que teñen que ver con gandería extensiva, sobre todo en zonas desfavorecidas de montaña. Na comparecencia ante os medios de comunicación participaron a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, e un gandeiro e unha gandeira afectadas: Mercedes Maseda Martínez, produtora de carne de vacún en Pacios (Castro de Rei) e Alberto Santín González, produtor de ovino e caprino en Sarria.

Un dos primeiros feitos que denunciou Isabel Vilalba foi a absoluta indefensión dos produtores e produtoras a quen se lles reduciu a axuda, pois nin sequera recibiron unha carta cunha resolución motivada explicándolles as razóns, cando “esta xente tivo que estar dende 1 de xaneiro de 2015 cumprindo os requisitos esixidos, completando cadernos e cunha entidade de aconsellamento contratada obrigatoriamente e custeada polos propios produtores e produtoras sen saber lles ían conceder a axuda. Con todas estas esixencias, houbo que agardar a finais de xaneiro de 2016 para recibir a carta de aprobación, e coñecer este pasado 10 de febreiro as axudas denegadas a través do Diario Oficial de Galicia (DOG).

En canto aos produtores e produtoras a quen lles aprobaron as agroambientais, na maioría dos casos viron reducida a superficie de terra inicial pola que solicitaban a axuda e, polo tanto, tamén reducida a contía aprobada; a pesares deste mingua, non aparecen especificadas cales son as fincas que non se lles inclúen nesta nas axudas nin o por que da súa exclusión. Por outra banda, nos expedientes denegados si aparece un código debido ao cal teñen a denegación.

Para a secretaria xeral do SLG, a maioría dos recortes nestas axudas débense ao mal funcionamento da Administración. “Hai persoas que tiveron controis nos que foron obrigadas a achegar documentación que despois nin se lles grampou no expediente”. E tampouco se entenden os criterios de concesión. Por exemplo, quedan fóra das axudas as parcelas de pasto arbustivo menores de 3.000 m², cando na Galiza o tamaño medio das fincas é inferior a ese; ademais, este tipo de pasteiros son perfectamente encaixables nesta liña de axudas, sendo de grande importancia a gandería nesta caste de terreos pola súa función preventiva contra os incendios forestais. Ademais, precisamente é o modelo extensivo de gandería, moito máis respectuoso co medio ambiente e xerador dunha maior calidade no produto final, o que adoita utilizar este tipo de pastos, polo que resulta absurdo que fique excluído dunhas axudas que se convocan, precisamente, para apoiar os modelos agrícolas máis sostibles dende o punto de vista ecolóxico.

Carme Cabarcos, técnica do Sindicato Labrego Galego, explica que “nun primeiro momento, cando se solicitaron as axudas, excluíronse as fincas con menos de 3.000 m² a pasto arbustivo e reduciuse o Coeficiente de Admisibilidade de Pastos (CAP) en moitas. Por se non abondase, tamén se fixo outra significativa redución no momento da aprobación a estas parcelas con pastos arbustivos ou pastos de arboredo (PR e PA), polo que se produciu unha importante mingua neste tipo de terreos idóneos para criar e alimentar gandos como o ovino ou o caprino”.

Exclusión das zonas desfavorecidas de montaña

Tamén quedan fóra das axudas as zonas desfavorecidas, que non puntúan, cando si o fan as terras que están dentro da Rede Natura. “Polo que coñecemos”, matizou Isabel, “en zonas de montaña a Consellaría denegou ata o 30% das solicitudes, e en zonas desfavorecidas ata o 40%”.

Outras deficiencias na xestión destas axudas por parte de Medio Rural estarían tamén o cambio de uso das parcelas no SIXPAC no medio do proceso de tramitación administrativa dos expedientes, ou non computar as fincas con problemas de duplicidade na súa titularidade aínda que as persoa propietarias teñan certificado a súa propiedade.

Ademais, para desanimar á xente que queira reclamar, se o recurso vén denegado inclúe unha sanción, polo que moitas persoas afectadas calan para non meterse en máis problemas. Agora mesmo, as granxas afectadas teñen até o 11 de marzo para reclamar diante do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), data trala cal Medio Rural disporá de 3 meses para resolver cada recurso. Mercedes Maseda e Alberto Santín criticaron que "un gandeiro ou gandeira ten que cumprir todos os seus compromisos, senón terá sanción, penalización ou denegaranlle o expediente. Sen embargo, cando a Administración non cumpre co seu traballo e comete un erro, isto non ten responsabilidades nin efectos de ningún tipo sobre ela. Quen saimos sempre prexudicados ou prexudicadas somos os gandeiros ou as gandeiras. Noutros países, a Administración ten un gran respecto polos labregos e polas labregas, pois saben que somos o futuro e un importante alicerce da sociedade; pero aquí, na Galiza, o respecto cara a profesión labrega é nulo".

Rolda de prensa axudas agroambientais