A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. A ECVC esixe ao Consello Ministerial de Agricultura da UE que recoñeza a "catastrófica" situación do sector lácteo

A ECVC esixe ao Consello Ministerial de Agricultura da UE que recoñeza a "catastrófica" situación do sector lácteo

16 de Febreiro do 2016

Hogan e Van Dam

Onte, 15 de febreiro, celebrouse en Bruxelas un novo Consello Ministerial de Agricultura que, coma sempre, saldouse sen solucións á grave crise que padece o sector lácteo na Unión Europea trala fin do sistema de cotas en abril de 2015. Hai unha semana, dende a Coordinadora Europea da Vía Campesina enviamos unha carta ao ministro de Agricultura holandés, Martijn Van Dam, que exerce como presidente do Consello Ministerial. De seguido, compartimos con vós a misiva:

Estimado Martijn Van Dam,

Con motivo do encontro do Consello Ministerial de Agricultura da UE do 15 de febreiro, en Bruxelas, dende a Coordinadora Europea da Vía Campesina queremos transmitirlle a nosa máis absoluta preocupación pola grave crise sen precedentes que están a atravesar os produtores e produtoras de leite de vaca en Europa. O noso obxectivo é que neste 15 de febreiro se adopten medidas inmediatas no seo do Consello para paliar esta situación.

Os gandeiros e gandeiras da Unión Europea atopámonos diante dunha situación insostible dende mediados do ano 2014 cando, diante da expectativa da liberalización do mercado lácteo da UE (asumida polo meirande dos estados membros da Unión) e a eliminación definitiva do sistema de cotas lácteas en abril de 2015, comezaron a incrementarse os volumes de leite entregados na maioría dos países europeos. O desproporcionado incremento de excedentes ao que chegamos viuse agravado, á súa vez, polas actuacións dunhas industrias lácteas e empresas de distribución europeas que viron reforzada a súa posición de abuso e dominio na cadea de valor a partir da desaparición do sistema de cotas e cuxas terribles consecuencias para os produtores e produtoras non puideron limitarse a través da aplicación do Paquete Lácteo.

Semella evidente que nin as medidas contidas no Paquete Lácteo, nin os códigos de boas prácticas, nin o resto de posíbeis medidas voluntarias de autorregulación, están a servir para garantir a nosa supervivencia como gandeiros e gandeiras nin para defender uns prezos xustos para o noso leite. Unha lexislación que non contempla o abuso de poder negociador que exercen o resto de axentes da cadea láctea, ou que o leite é un produto perecedoiro que nos impide negociar axeitadamente, tanto a título individual como colectivo, resulta necesariamente insuficiente como ferramenta de substitución das políticas públicas de regulación e control dos mercados.

Semella tamén evidente que tódalas mensaxes lanzadas durante os meses previos á desregulación, e que animaban a incrementar a produción de leite nas granxas europeas, foron gravemente erróneos. Primeiro, por animarnos a producir máis diante da expectativa dun mercado internacional que non é quen de absorber nin remunerar as nosas producións. Segundo, por sinalar como única alternativa para continuar na actividade o sobredimensionamento das nosas explotacións e producións.

Non podemos aceptar que o axuste do mercado lácteo europeo se realice a costa da desaparición de miles de granxas en Europa. Non podemos aceptar que numerosas zonas rurais, moitas delas territorios de montaña, queden sen o motor económico que supón a produción leiteira e sen outras alternativas produtivas.

Por todo o devandito, seguimos estimando necesario que este Consello Ministerial de Agricultura recoñeza a catastrófica situación que atravesa o sector a nivel europeo e que adopte un compromiso firme acerca da creación e implantación de novas ferramentas públicas de regulación do mercado lácteo e control da produción. Todo isto debe ir dirixido a garantir a axeitada remuneración a gandeiros e gandeiras polo prezo do leite que cubra os custes de produción, e o mantemento dos produtores e produtoras de leite así como dos seus diversos modelos de produción sostible na UE.

Estas medidas deberían adoptarse de maneira urxente se existe verdadeira vontade por parte dos gobernos comunitarios e da Comisión Europea para manter a produción leiteira en tódolos territorios da UE.

Agardando que as nosas propostas sexan tidas en consideración, reciba un cordial saúdo.