A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. As medidas presentadas pola Comisión Europea para o sector lácteo agravarán aínda máis a crise actual

As medidas presentadas pola Comisión Europea para o sector lácteo agravarán aínda máis a crise actual

17 de Marzo do 2016

Explotación leiteira

Para o Sindicato Labrego Galego, as propostas que saíron do Consello Ministerial de Agricultura da Unión Europea, celebrado o 15 de marzo en Bruxelas, non achegan solucións reais á crise actual do sector lácteo e fan ouvidos xordos ás peticións as peticións do propio sector nos diversos países comunitarios.

Redución da produción voluntaria e temporal por estados: Dende o sector leiteiro estáselle a pedir á Comisión un regulamento da produción público e igual para toda a Unión Europa; pola contra, a proposta da CE é unha redución voluntaria e temporal por estados, o que significa devolverlle o problema ao sector, fomentando unha guerra interna entre países pola ocupación do mercado. Isto xa está sucedendo, pois ao tempo que hai explotacións, e incluso países, que están contendo a produción; outras granxas e estados aproveitan para incrementar a súa. O resultado global é que a produción aumenta creando, polo tanto, serios desaxustes entre a oferta e a demanda, afundíndose os prezos. Só se recuperamos o equilibrio perdido entre o leite que se produce e o que se vende no mercado, só entón poderiamos pensar nunha recuperación dos prezos.

Aumento do volume de intervención do leite en po desnatado e da manteiga: Outra das propostas da Comisión Europea foi duplicar o volume de intervención do leite en po desnatado -pasando de 109.000 a 218.000 toneladas- e da manteiga -de 50.000 a 100.000 tn-, o cal tampouco serve de nada. O único que conseguirá a Comisión Europea con esta medida é retirar momentaneamente leite do mercado, pero a prezos máis baixos dos que agora temos, e coa condición que o produto almacenado terá que volver ao mercado. Para o SLG e para a Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC). Esta medida só podería ser útil se vai aparellada a unha regulación obrigatoria da produción; senón, tal e como fixeron agora, o único que conseguimos é conter malamente o problema durante uns meses.

Axudas compensatorias a gandeiros e gandeiras: Aumentar as axudas dos estados -até 15.000 euros por explotación e sen teito máximo por países- significa lapidar o diñeiro das arcas públicas comunitarias para compensar o roubo que están a perpetrar industrias lácteas e distribuidoras alimentarias ao pagar o leite por baixo dos custes de produción. Esta medida supón subvencionar a extorsión a que as empresas do sector someten ás granxas, que seguirán a desenvolver unha actividade ruinosa nas condicións actuais.

Só existe unha solución posible: regulación pública do mercado e da produción

Para o SLG e a ECVC, non é tan difícil poñer en práctica solucións: só pedimos regular a produción cunhas regras de obrigado cumprimento e iguais para toda a Unión Europea que teñan por obxectivo axustar a oferta á demanda. O problema é que a Comisión non está buscando solucións para o sector; o que semella buscar, realmente, é perpetuar a actual situación para maximizar o lucro das grandes corporacións do sector lácteo e distribuidoras alimentarias, que están a facer o agosto coa actual crise.

E mal imos cunha CNMC que defende o escurantismo na cadea de valor do leite

Neste sentido, dende o SLG queremos manifestar tamén que a postura que a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) vén de facer pública no Estado Español, vai no mesmo sentido. Parece ser que a información que se pide no paquete lácteo é excesiva, ou o que ven sendo o mesmo: a opacidade dos mercados, segundo esta Comisión, mellora e beneficia as leis da competencia. Resulta intolerable que as prácticas de transparencia se lle esixan só ao sector productor (do que se coñecen periodicamente prezos e cantidades producidas), ao tempo que a CNMC considera “requisitos de información excesivos” a maior transparencia nas transaccións realizadas entre industrias e cadenas de distribución. Sería oportuno que deixen de tratarnos de parvos e que digan claramente que son a Comisión para a Defensa dos Privilexios das Corporacións; ou sexa, os valedores de quen ten máis poder económico en prexuízo, coma sempre, da xente que vive ou quere vivir do seu traballo.