A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Comunicado da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo diante da manifestación convocada para o 31 de marzo

Comunicado da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo diante da manifestación convocada para o 31 de marzo

28 de Marzo do 2016

Manifestación 31 marzo

Os colectivos integrantes da Plataforma pola defensa do sector lácteo galego reunidos en asemblea o luns, 21 de marzo, en Santiago de Compostela, acordamos o inicio dun calendario de mobilizacións nos próximos días diante das ameazas de deixar de recoller o leite ás que estamos sometidas numerosas granxas e cooperativas galegas, os prezos ruinosos, o feito de que as subas aplicadas ás persoas consumidoras por parte da distribución en ningún caso están a supor unha mellora no prezo que percibimos as persoas produtoras, e a pasividade total da Consellería do Medio Rural e do Goberno da Xunta fronte á situación crítica das ganderías de leite galegas.

Dende a Plataforma pola defensa do sector lácteo galego facemos un chamamento a todas as persoas que, dun xeito directo ou directo viven do leite, así como á sociedade en xeral, a participar na concentración de apoio ao sector que terá lugar o vindeiro xoves, 31 de marzo, ás 11.30, diante do Edificio da Xunta de Galicia en San Caetano (Santiago de Compostela).

Miles de familias vivimos a ameaza da industria de deixar de recollernos o leite ou recibimos prezos que están moi por debaixo dos custes de produción, ante a pasividade total de quen nos goberna, que está a permitir a desaparición do sector lácteo galego e dos miles de empregos que hai arredor.

Garantía de recollida e prezos dignos

No mes de setembro, o Ministerio de Agricultura asinou coas industrias e distribuidoras un acordo no que se prevía a construción dunha cadea de valor sostible, garantindo as marxes de todas as partes. Fronte a estas declaracións de intencións, centos de granxas galegas seguimos a percibir os prezos máis baixos do Estado e da Unión Europea.

A propia Interprofesional Láctea (Inlac) presentou un estudo da cadea de valor que foi aceptado unanimemente polas diferentes partes. Pedimos a aplicación dun modelo de cadea de valor con referencias de prezo con garantías mínimas para cada parte, consensuadas co sector produtor, como o estudo da Inlac. Como punto de partida, as referencias deste estudo da Inlac deben ser aplicadas con carácter urxente.

O sistema debe garantir unha información transparente na configuración dos prezos en todos os produtos, prezos de adquisición e de cesión, así como a trazabilidade total nos diferentes destinos do leite, en particular do leite que se paga como leite en po ou para a intervención.

Debe garantirse a recollida en todas as granxas, con mecanismos de regulación da produción que non sexan impostos unilateralmente por cada industria, a escala europea e estatal, e de garantía de prezos xustos para todas as granxas, que eviten a deslocalización da produción ou o incremento de excedentes que tiren os prezos.

Debido á importancia social e económica, resulta imprescindible a constitución dun foro galego de negociación entre as organizacións de persoas produtoras, as cooperativas, a industria e a distribución, coa intermediación da Administración Galega.

Os prezos máis baixos do Estado e da Unión Europea

Ao longo do ano 2015, 7 de cada 10 granxas leiteiras que se viron obrigadas a pechar no estado eran galegas. Nestes meses, centos de explotacións e un bo número de cooperativas recibiron ameazas de que non lles ían recoller o leite, para que logo a ter como única alternativa vender a prezos de leite en po, con cantidades moi inferiores aos custos de produción, o que significou un incremento do nivel de endebedamento das granxas e, moitas veces, mesmo ter que abandonar a actividade.

Durante todo o ano, as granxas galegas rexistraron os prezos máis baixos de todo o Estado. A caída do valor medio nos últimos dous anos foi dun 20,10% no Estado (de 0,388 euros en novembro de 2013 a 0,31 euros en novembro de 2015); mentres que en Galiza a caída foi dun 26,41 % (de 0,39 euros en novembro de 2013 a 0,287 en novembro de 2015).

Mentres as granxas galegas recibían ameazas de que se lles deixaba de recoller o leite, seguía a incrementarse a chegada de fóra de produtos lácteos a baixo prezo como queixos e mesmo de leite líquido, sen que houbese un sistema de seguimento transparente, tanto en relación coa entrada e saída de produto de leite nas industrias, como nos prezos de pagamento e de cesión logo á distribución, ou mesmo no destino real de moito do leite que se pagaba a prezos de po ou para a intervención.

A distribución e a industria están a favorecer un proceso de deslocalización da produción, de maneira que, sistematicamente, promoven o incremento da produción con prezos bastante superiores noutras partes do Estado, mentres que abandonan recollidas ou impoñen prezos e condicións ruinosas ás granxas galegas. Así, nos últimos anos, aínda que o incremento da produción media no Estado foi dun 7%, de 506.616,46 toneladas da campaña 2013 a 542.004,80 toneladas en novembro de 2015, en Galiza o incremento foi dun 4,79%.

Fronte a incrementos inferiores a un 5% nas zonas tradicionalmente de produción láctea como Galiza, Cantabria ou o País Vasco, os aumentos maiores déronse en Navarra (15,47%), Andalucía (13,59%), Castela A Mancha (12,68%) ou na Comunidade Valenciana (11,57%).

Nestes meses, tamén houbo un número moi importante de granxas que tiveron que afrontar impagos, especialmente por parte de primeiros compradores; ou a imposición de condicións e de liquidacións mensuais abusivas nas que se vulneran os dereitos das persoas produtoras.

Manifestacion 31 marzo