A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo celebra hoxe unha asemblea para organizar novas mobilizacións

A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo celebra hoxe unha asemblea para organizar novas mobilizacións

6 de Abril do 2016

Concentración PDSL en Compostela

A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo (PDSL), da que forma parte o Sindicato Labrego Galego, anunciou que, esta mesma semana, iniciará unha nova etapa de mobilizacións que, desta vez, estarán centradas en denunciar a entrada de leite de fóra de Galiza para fornecer as industrias que operan na nosa terra.

Tras ter posto o foco nas prácticas comerciais abusivas das industrias, dos primeiros compradores e das cadeas de distribución alimentaria que operan no sector lácteo galego, dende a PDSL queremos chamar agora a atención sobre un feito indignante: as provincias que máis leite producen de todo o Estado Español, A Coruña e Lugo, son as principais importadoras de leite foráneo. En concreto, n'A Coruña entraron 108.665 toneladas de leite e nata non galegos en 2015, mentres que en Lugo foron 58.239 toneladas. Estas importacións achéganse á cantidade de leite mensual que producen as nosas granxas, que en xaneiro de 2016 foi de 221.510 toneladas, e en febreiro de 211.578 tn.

Importacións leite a Galiza

Para a PDSL é inadmisible que as industrias afincadas na Galiza estean a importar leite e nata de maneira masiva cando lles están a impoñer ás nosas granxas fortes restricións á hora de producir, cando hai empresas que deixan de recoller de maneira arbitraria, e cando utilizan a sobreprodución como escusa para afundir os prezos en orixe até niveis de absoluta miseria. Respecto disto último, temos que seguir denunciando que o acordo lácteo non mellorou a situación das nosas granxas; máis ben empeorouna: nos novos contratos que se están a asinar para a nova campaña 2016-17 son cada vez máis as explotacións que se ven forzadas a vender total ou parcialmente a súa produción por baixo dos 20 céntimos, supostamente para leite en po. Neste senso, non sobra lembrar que o Ministerio de Agricultura cifrou os custes de produción para unha granxa media galega en 34 céntimos por litro.

Diante desta situación insostible, e tras quedar patente a absoluta ineficacia da Consellaría de Medio Rural e do Ministerio de Agricultura para achegar solucións a esta crise, a PDSL iniciou unha nova vaga de protestas cunha manifestación diante dos edificios administrativos da Xunta, en Santiago de Compostela, o pasado 31 de marzo. Tras esta primeira acción, a PDSL convoca unha nova asemblea gandeira para hoxe mércores, 6 de marzo, na área de servizo de Outeiro de Rei na Autovía A6 ás 11:30 horas. Nesta xuntanza organizaremos entre todos e todas a vixilancia dos camións cisterna que veñen de fóra de Galiza cargados de leite para fornecer as nosas industrias de cara a denunciar as prácticas dunha patronal leiteira que están levando á ruína miles de familias gandeiras na Galiza.