A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Outro encontro do Plan de Fortalecemento do Sector Lácteo que se salda sen medidas concretas para atallar a crise

Outro encontro do Plan de Fortalecemento do Sector Lácteo que se salda sen medidas concretas para atallar a crise

11 de Abril do 2016

Grupo fortalecemento sector lácteo

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego participou, o pasado venres 8 de abril, na segunda xuntanza do Plano de Fortalecemento do Sector Lácteo, outra reunión auspiciada pola Consellaría de Medio Rural que só serviu para constatar a falla de vontade da Administración para asumir medidas valentes para atallar a crise, unha falla de vontade ben agachada tras datos, estatísticas e números cos que se tenta arrefriar o clamor dun sector lácteo que camiña cara ao abismo.

INFORME DE SITUACIÓN

Galiza representa o 37,8% da produción leiteira do Estado. O peso do sector lácteo galego respecto ao estatal increméntase normalmente todos os anos nos meses de verán e baixa no inverno. Respecto ao mes de febreiro do ano pasado, incrementouse un 7,89% a produción (+15 millóns de litros), Castela León incrementou máis dun 10%, Andalucía máis dun 13% (+5 millóns de litros).

  • SLG: A Consellería de Medio Rural cuestiona que haxa deslocalización da produción co argumento de que aínda que hai porcentaxes de incremento superiores noutras zonas con respecto a Galiza, as cantidades totais son menores.

No ano 2015 pecharon 474 granxas en Galiza, 93 en Asturias, 10 en Andalucía. Segundo a Consellaría, a maioría das granxas desapareceron nos tramos de cota ata 300.000 kg e incrementáronse algo as de máis de 700.000 kg.

  • SLG: Con estes datos, a Consellaría pretende xustificar a desaparición de granxas indicando que é máis por idade, ou por seren pequenas, por non ter calidade de vida, ou porque houbo fusións e ese NIF está agora nunha sociedade. Non queren ver que hai moitas granxas que, independentemente da idade das persoas, do tamaño ou do modelo, están a percibir prezos cos que é imposible manterse na actividade.

Comparada coas rexións europeas, Galiza é unha das rexións nas que o prezo do leite está máis baixo. Se se fai a comparación cun tipo de leite que teña as mesmas características de graxa e proteína, estaría na media. As calidades medias en Holanda son dun 4,51 de graxa e 3,5 de proteína, por exemplo, e en Galiza de 3,84 e de 3,24.

  • SLG: As calidades en Galiza e a determinación da xenética para estas calidades foron determinadas en función das esixencias da industria, posto que a prioridade foi volume para envasar leite líquido. Un dos puntos da orde do día postos pola Consellaría é o tipo de leite polo que sería importante apostar. Fálase do gran interese que está a suscitar o leite ecolóxico, que segundo a distribución tería unha importante demanda, e tamén o leite pasteurizado. En canto ao ecolóxico falouse de que é fundamental que haxa unha boa valoración dos proxectos, para non saturar este nicho de mercado e sobre todo para que sexan proxectos con modelos axeitados. No leite pasteurizado indicouse que hoxe está controlado por Leite Río e a distribución, pese á demanda, di que ten problemas para conseguir traballar con este tipo de leite.

OS PREZOS

Tramos de prezo en Galiza e número de granxas:

Táboa prezos leite

A distribución informou dunha guerra entre as industrias para ofertarlles bricks de leite a baixo prezo, con rebaixas de 2 e 3 céntimos e tamén de que están a constatar como se comeza novamente a utilizar o leite como produto reclamo, o que podería volver a colocarnos na mesma situación que en setembro.

  • Dende o SLG, insistimos na urxencia e situación desesperada das granxas neste momento, na necesidade de recuperar prezo e que realmente houbese un compromiso real da industria e da distribución co sector e con Galiza. No caso da industria, co compromiso de recollida nas granxas, unha cadea de valor con prezos que cubran os custos para os produtores e produtoras. Pero nin o representante da industria manifestou ningún compromiso, nin por parte da Consellaría asumiron ningún traballo coa industria e coa distribución. Da publicación do decreto de cesión de prezos non se clarificou en que punto está ou cando se comezaría a aplicar. Tampouco houbo ningunha resposta a todas as peticións que lle temos feito de clarificar o tema do leite que se paga para po.

Na evolución da variable prezos en relación cos custos de produción,  constátase que en diferentes momentos as persoas produtoras non teñen marxe ningunha, por exemplo de abril a novembro de 2015. Os custos de produción ultimamente tiveron unha evolución de contención e mesmo á baixa, seguindo a caída de prezo do petróleo. Realmente, todos os modelos de estudo indicaban unha evolución dos combustibles á alza e o feito de que estivesen baixos foi un alivio para as granxas.

REGULACIÓN DE VOLUMES

Na Interprofesional Láctea (Inlac) estase falando das posibilidades indicadas por Bruxelas para baixar a produción. En principio, os mecanismos que se están valorando serían para incentivar a baixada de produción e non para a retirada de produción. O representante da industria dixo que pensa que a Inlac non ten medios económicos nin posibilidade de facer Extensión de Norma para esta fin, e por parte da Administración tampouco se sabe que estean a traballar para comprometer recursos económicos para esta medida.

  • SLG: En canto ás importación de leite de fóra, a conselleira negou que fosen importantes grazas ao seu traballo. Respecto aos queixos que se están vendendo e que veñen de fóra a baixo prezo, por debaixo dos custos de produción en moitos casos, tampouco na Consellaría parecen dispostos a facer nada, pese a que os da distribución dixeron que estaban a ter moita oferta de queixo de Alemaña

PROPOSTA DA CONSELLERÍA EN RELACIÓN COA REGULACIÓN DOS PRIMEIROS COMPRADORES

Aplicaríase só a aqueles primeiros compradores que non sexan transformadores. Esixiríase unha cantidade mínima de volume, que nun primeiro momento sería de 5.000 toneladas para ao final dun período chegar a 10.000 toneladas. Este primeiro límite afectaría a un primeiro comprador, que está empezando a operar. Preguntan se o límite debe ser superior, por exemplo 25.000 toneladas.

  • SLG: Non teñen nada en conta se ese comprador deixase impagos, non se está a traballar para que teñan algún aval ou garantía para cumprir cos compromisos, non se observa como actuar cos entramados societarios que compran con varios nomes, logo son insolventes, non afecta aos que transforman. Por exemplo, a Logística Alimentaria, un dos primeiros compradores que peor trata as granxas con impagos e condicións de compra leoninas, non lle afectaría en nada esta normativa

CAMPAÑA DE PROMOCIÓN

Deron conta dalgunhas actuacións de promoción que fixeron coa Marca Galega 100% (clubs de fútbol, baloncesto, concellos adheridos...). Na promoción falouse de indicar os valores que ten o leite para a saúde, algúns destes valores perderíanse no leite UHT e suscitouse un debate de como facer do mellor xeito as promocións. Tamén se falou de traballar a nivel de restauración para incentivar diferentes usos dos queixos galegos e dos produtos lácteos. Informaron moi brevemente do programa de leite escolar, que este ano contaría con unha axuda de 90 céntimos por kg de leite.

OPs

Os obxectivos das Organizacións de Produtores (OPs) na lexislación serían concentrar a oferta, garantir a planificación e xestión de volumes, optimizar os custos de produción, negociar e conseguir a estabilización de prezos...

A nivel galego hai dúas OPs: Ulega (2.193 persoas gandeiras e o 23% da produción) e Aprolact (1.288 persoas gandeiras e o 14% da produción). Segundo a lexislación, teñen que informar se fan algunha negociación coa industria; Aprolact non fixo ningunha comunicación e Ulega comunicou varios encontros, pero en ningún caso puideron negociar prezo.

As esixencias para constituír unha OP son 200.000 toneladas e, a nivel galego, un mínimo de 1.000 persoas produtoras. A conselleira preguntou sobre a conveniencia de facilitar que se podan facer cun número menor e de vincular as axudas a que o leite sexa efectivamente negociado por unha OP, apoios a industriais que traballen con este tipo de negociación, etc.

  • Hai un debate: para algunhas organizacións, estas propostas supoñen seguir apostando por unha medida que ten demostrado que non funciona se non hai unha base lexislativa diferente que haxa que cumprir obrigatoriamente: ter que referenciarse a uns índices válidos no prezo, condicións pactadas do que debe ser un leite tipo,  incluír unha mediación efectiva que impida a imposición unilateral de prezos e condicións por parte das industrias... Agaca entregou un documento con propostas ao respecto. Parece unha dinámica contradioria, non se sabe se queren facer OPs máis grandes, fragmentar para que poda haber outras pequenas... As industrias están cómodas con ese marco e, como non hai nada obrigatorio, non sería moi razoable poñer esixencias ás granxas que sexan imposibles de cumprir e que non están na súa man.

CONTRATOS DE LONGA DURACIÓN

A Consellaría está valorando o feito de que non poda haber renuncia por parte das persoas produtoras a unha duración inferior a 1 ano, porque se ve claramente que os contratos son maioritariamente a 3 e 6 meses e non serven para darlle estabilidade ao sector.

  • SLG: Aínda que unha duración que permita estabilidade é un dos obxectivos do sector, a nosa loita básica pasa por ter prezos garantidos cos que poda manterse a actividade e vivir dignamente do traballo. Atarse a duracións máis amplas con prezos ruinosos non é ningunha solución. Por outra parte, hoxe hai granxas con contratos de longa duración ás que se lles está deixando de recoller, e tampouco se están aplicar mecanismos efectivos para garantir os seus dereitos. Non están a servir nin para garantir a recollida.

INVESTIMENTOS NO SECTOR LÁCTEO

A Conselleira informou de que había 155 millóns de euros de investimento no sector, algúns con axudas da Consellería de Industria, 14 millóns de euros de Medio Rural...

  • SLG: Descoñecemos a viabilidade ou características deses proxectos, sobre os que en xeral hai moita opacidade, pese a contar en moitos casos con axudas públicas).

CONCLUSIÓN

Esta é a segunda xuntanza do Plano de Fortalecemento do Sector Lácteo. Non hai unha diferenciación do que deberían ser medidas urxentes para o sector e un foro que debe reunirse de xeito frecuente con todos membros da cadea para buscar medidas inmediatas, e outra dinámica de traballo xa a medio prazo no que xa se vaian deseñando medidas e actuacións concretas para o futuro. Ningunha concreción.

Encontro fortalecemento sector lácteo