A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. A ECVC defende o control público e obrigatorio da produción láctea no Consello de Agricultura do 18 de xullo

A ECVC defende o control público e obrigatorio da produción láctea no Consello de Agricultura do 18 de xullo

15 de Xullo do 2016

muxido

Diante da xuntanza do Consello Europeo de Agricultura que se celebra o 18 de xullo, en Bruxelas, a Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC) insta a introducir medidas obrigatorias de redución da produción de leite para protexer aos gandeiros e gandeiras en todo o territorio europeo.

Os recentes encontros en Bruxelas entre os axentes do sector lácteo non deixan dúbidas sobre a situación actual. O sector leiteiro atópase inmerso nunha forte crise e o convencemento de que só o control da produción poderá resolver o problema é unánime. O mercado especula, non regula, e destrúe as granxas. Polo tanto, cómpre actuar sobre o mercado.

A axuda da PAC -ou os fondos á marxe desta- para os produtores e produtoras, como están a propor algúns estados membros, non é e nunca será suficiente. En principio, as propostas que se levan ao Consello de Ministros e Ministras de Agricultura do 18 de xullo seguen baseadas na redución voluntaria individual. Non hai ningunha proposta de actuación colectiva diante da actual situación. A medida contemplada sería de 3 meses, cun orzamento entre 200 e 250 millóns de euros que, segundo a Comisión Europea, equivalería a 100 euros por cada 1.000 litros non producidos durante este período con respecto aos mesmos 3 meses dun ano referencial aínda sen establecer.

Sen embargo, se o volume reducido fose importante entón estableceríase un “estabilizador”, o cal reduciría o impacto das medidas. Polo tanto, a falla de medidas de regulamento e limitación obrigatoria podería levar a que unhas granxas reduzan a súa produción, mentres que outras a incrementen, provocando con isto que as medidas sexan absolutamente ineficaces para regular o mercado. Ademais, segue a favorecerse que se concentre a produción naquelas granxas e zonas de Europa que se ven beneficiadas pola actitude das industrias e distribuidoras alimentarias.

Para a ECVC, só a posta en marcha de medidas de control do mercado, de redución obrigatoria da produción de leite, así como a constitución dun mecanismo de prevención de crises, poderán facer fronte a o problema de sobreprodución, que non é máis que o resultado de malas decisións políticas. E isto lévanos a outra crise á que se enfronta a Unión Europea, unha crise de lexitimidade política que só se pode enfrontar se @s dirixentes comunitari@s amosan á cidadanía o compromiso da UE cos seus principios fundadores, aqueles que falan dunha Europa dos pobos, unha Europa que escoita e é solidaria, que promove a unión entre as diversas rexións e labregos e labregas, e non a competencia salvaxe entre elas.