A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O SLG desenvolverá a avicultura sustentábel na bisbarra de Deza, Tabeirós e Terra de Montes

O SLG desenvolverá a avicultura sustentábel na bisbarra de Deza, Tabeirós e Terra de Montes

30 de Decembro do 2006

Galos

O Sindicato Labrego Galego da bisbarra Deza, Tabeirós e Terra de Montes vai estender a experiencia de Pasdeza ao eido avícola, cunhas xornadas de avicultura sustentábel. A orixe desta experiencia habería que buscala no descontento xeneralizado que existe nun sector que, ata o de agora, apostou por un modelo intensivo que cada vez deixa menos rendas nas explotacións e dá máis desgustos; o último deles, as perdas económicas provocadas pola gripe aviaria. Neste senso, a avicultura extensiva e sustentábel defínese como unha boa alternativa que cada vez ten mellor saída comercial e que xera maiores beneficios; e, a maiores, é respectuosa co medio ambiente e cos propios animais que se crían.

As xornadas de avicultura sustentábel comezarán o 20 de xaneiro, e durarán tres meses, con xornadas que se desenvolverán os sábados, cada quince días. O horario será de once da mañá a seis da tarde, e inclúe un xantar a cargo do curso. Como lugar de celebración escolleuse o restaurante Europa, na localidade de Chapa.

En canto ao contido do curso, nel estudaranse as diferenzas entre a avicultura intensiva e extensiva e, respecto desta última, os diferentes modelos de produción que existen na actualidade; a produción avícola en base á terra e as razas autóctonas máis idóneas para ela, como a galiña Piñeira ou a de Mos; as particularidades sanitarias da avicultura extensiva; a comercialización; a certificación; as axudas existentes, etcétera.

A xente interesada pódese anotar en calquera oficina do Sindicato Labrego Galego, ata unha semana antes do inicio do curso. Para iso, terán que achegar fotocopias do documento de identidade, da tarxeta sanitaria, e do último cupón da Agraria ou nómina en caso de estar cotizando por conta allea.