A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O debate sobre os prezos do leite segue a ser unha materia pendente na axenda da Interprofesional Láctea

O debate sobre os prezos do leite segue a ser unha materia pendente na axenda da Interprofesional Láctea

2 de Outubro do 2019

Dirección do leite SLG

O pasado 29 de xullo, a Dirección do Leite do Sindicato Labrego Galego tivo dúas persoas invitadas de excepción: a actual presidenta da Interprofesional Láctea (Inlac), Charo Arredondo; e o técnico do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), Juan Castro. No Fouce 327 tratamos a fondo os debates e cuestións que tratamos aquel día con ambos, texto que compartimos agora contigo.

Entre o máis destacable que compartiu con nós a gandeira cántabra da COAG que ocupa actualmente a presidencia da Inlac estaría o anuncio de que, neste outono, tentará reunir os axentes do sector para falar dos baixos prezos crónicos que estamos a sufrir algunhas das principais produtoras de leite do Estado como Galiza ou Cantabria. “O sector gandeiro que está termando do rural é o vacún de leite, xa que a actividade nos obriga a vivir a carón da granxa”, explicou. “Por iso quero sentar todos os axentes do sector para falar de como distribuír a cadea de valor, comezando de abaixo a arriba, garantindo que como mínimo se cubran os custes de produción. Sempre con moito tino, pois non podemos falar de prezos sen que nos veña enriba o Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia. Pero igual de ilegal é pactar prezos que vender por baixo dos custes de produción, así que haberá que falalo. É a única maneira de atopar solucións: xuntarnos todos a falar e obrar en consecuencia. Que cadaquén poña a marxe de beneficios que estime necesaria, pero sempre partindo de que a actividade gandeira sexa remunerada dignamente, aínda que suba o prezo final”.

Para Arredondo, non serve de nada debater interminablemente sobre este tema se non se acordan solucións para atallalo. De todo isto e moito máis falamos nunha entrevista que lle fixemos e que publicamos na contraportada deste mesmo número do Fouce.

"Tras probar os inxectores de xurro no CIAM, non os recomendamos"

Pola súa banda, Juan Castro centrou a súa intervención na normativa que obriga ás granxas de vacún a enterrar os xurros para reducir as emisións de amoníaco á atmosfera. “Dun día para outro sacaron a obriga de enterrar os xurros ou, cando menos, de prohibir os esparexedores en prato por aspersión, que é o método tradicional en zonas de relevo difícil, como Galiza e a Cornixa Cantábrica. Escolleron esta opción cando había boas prácticas que xa se viñan facendo que eran igualmente válidas, como enterrar o xurro cunha grade de discos -máis eficiente có inxector-, formación de costra na foxa de xurro para reducir as emisións ou botalo cando orballa, como fan en Inglaterra. Coma sempre, en vez de buscar as solucións máis racionais se opta por obrigar a investir en máis maquinaria. No CIAM mercamos dous tipos de inxectores de xurros e, tras testalos, non os recomendamos”.

A falta de datos do Ministerio de Agricultura, Juan Castro realizou un estudo no que se cuantificaba quen está a causar realmente as emisións de amoníaco á atmosfera no Estado, e o resultado foi que, con datos de 2017, “o porcino intensivo sería o responsable do 43'9% de todas as emisións de amoníaco de España. Os fertilizantes nitroxenados estarían en segundo lugar, co 20'1%. En vacún, os datos veñen en conxunto, mesturando vacas nutrices con cebadeiros, e non se producen as mesmas emisións nun sector que no outro. Así e todo, estariamos a falar dun 17'2% das emisións no vacún de carne, mentres que o vacún de leite non chega ao 10%”. Por comunidades, serían Castela e León, Aragón e Cataluña as máis contaminantes pola industria porcina.

Dirección do leite 2

A Xunta non alegou contra unha obriga que fará as nosas granxas menos competitivas

Pero as granxas que, precisamente, deberán mercar inxectores de xurro para cumprir coa condicionalidade da PAC, son as que menos contaminan, xa que practican unha gandería con terra que é a que está subvencionada. “Nós, no CIAM, cos medios que tiñamos, só puidemos alegar polo vacún de leite, xa que había un informe feito para toda a Cornixa Cantábrica e tiñamos datos. Pero non había estudos do vacún de carne. Chamaron dende Madrid para saber se iamos facer alegacións dende Galiza e non se fixo ningunha alegación. E, así, metéronse no mesmo paquete e co mesmo coeficiente de contaminación os cebadeiros industriais e as vacas nutrices, responsabilizando ao sector do vacún de carne do 17'2% das emisións”.

Castro queixouse de que nos queren convencer de que “as vacas que se alimentan con penso producen menos emisións de CO2 ou amoníaco e son menos contaminantes que as que se alimentan con herba. E isto non é normal, a min non me colle na cabeza por moito que o digan no Ministerio de Agricultura ou no Panel do Cambio Climático. Eu negueime a aceptar o estudo que dicía que as vacas que se alimentan con herba producen máis emisións que as que consumen penso. De onde vén a soia coa que se fai o penso? Acaso os países do Mercosur que nos venden a soia, como Brasil, non están a deforestar a Amazonia para plantala? Cantos gases contaminantes se emiten á atmosfera no transporte desa soia a Europa?”, matizou. “Se computamos o CO2 que produce o cultivo e transporte da soia que consume o noso gando en intensivo, España situaríase entre os países do mundo que máis están a contribuír á deforestación da Amazonia, tras China e Brasil. Daquela, debemos computar o CO2 que produce a soia que consumimos? Obviamente si, pois a atmosfera é global e non entende de fronteiras. O que pasa é que a Unión Europea é hipócrita e non computa este impacto da gandería intensiva. Non podemos ir de boa xente plantando aquí eucaliptos para fixar carbono e traendo a soia de cultivos que se fixeron deforestando a Amazonia, ou de Arxentina, a costa dos bosques de El Chaco”.

A solución ás emisións de amoníaco pasa por extensificar a gandería

Para Juan Castro, “se os poderes públicos queren realmente reducir as emisións de CO2 e amoníaco da gandería deberían fomentar a extensificación da produción en base á terra. Unha granxa intensiva de porcino non produce ningunha externalidade positiva, só depreda bens públicos como a auga, a paisaxe, emite malos olores, contamina o aire. Pero unha granxa de leite extensiva produce paisaxe, biodiversidade, etc. Por iso é intolerable que se poña ao mesmo nivel a gandería extensiva que os modelos intensivos. Se realmente queren atallar o problema”, explica o investigador do CIAM, “deberían empezar por regular o porcino e a avicultura intensivas e os fertilizantes. Téñase en conta que cando se aprobou esta medida, Isabel García Tejerina era responsábel de Agricultura e de Medio Ambiente, pero antes fora alta executiva de Fertiberia, a maior produtora de Europa de fertilizantes e de amoníaco, a onde retornou ao deixar a política. Como podemos agardar que lle meta man aos fertilizantes, causantes do 20% das emisións de amoníaco?”

O investigador do CIAM explicou que denunciaron todo isto ante a Unión Europea, xa que se introducía na PAC unha obriga que non procede. “Meteron á forza como boa práctica a inxección de xurros no apartado de protección da materia orgánica do solo e do propio solo. Pero cando se inxectan os xurros, a erosión é maior. Europa non nos obriga a inxectar os xurros, obrígannos dende os despachos do Ministerio de Agricultura, poñendo máis atrancos ás nosas producións e facéndoas menos competitivas respecto das granxas dos países europeos que non teñen que apandar con estas obrigas inútiles”.

Dirección do leite 1

Padecemos unha PAC deseñada para o Mediterráneo e o sur do Estado

Na xuntanza de traballo con Charo Arredondo e Juan Castro xurdiron, a maiores, outros temas, como as deficiencias do asesoramento agrario na Galiza ou as fallas dunha Política Agraria Común (PAC) que podería ser moito mellor do que é para Galiza e a Cornixa Cantábrica, pero que segue adolecendo de ser deseñada por un funcionariado do Ministerio de Agricultura que procede e defende os intereses do sur e da franxa mediterránea.

Asesoramento: O tema do desmantelamento das oficinas agrarias comarcais (OACs) xurdiu porque agora, o asesoramento técnico está en mans de empresas privadas e mesmo de comerciais de industrias de insumos e maquinaria. Isabel Vilalba dixo que o SLG leva anos demandando a dotación das OACs de persoal técnico preparado e independente para asesorar o agro. “Defendemos que, do mesmo xeito que se fai noutras comunidades, aquí se destinasen fondos europeos a reforzar este asesoramento, pero na Galiza había uns intereses enormes en non facelo. Negáronse a ampliar o persoal público neste eido e deixaron que se apropiasen desa función empresas privadas”.

PAC: Todas as persoas que participaron coincidiron en destacar que a PAC é moi flexible e que se pode adaptar á realidade de cada zona da Unión Europa, á súa paisaxe e á súa climatoloxía. O problema é que a PAC de España redáctase en despachos, moitas veces por persoal técnico ou político do sur ou da costa mediterránea, “e nós non nos parecemos en nada ao sur de España, máis ben temos máis semellanzas con Irlanda ou a Bretaña”. Respecto disto, Juan Castro afirmou que “debemos partir de medidas adaptadas á Cornixa Cantábrica e Galiza, pero hai nula sensibilidade en Madrid cara aos principais sectores agrogandeiros do norte, en especial cara ao vacún en extensivo de pequenas granxas familiares”.

Neste senso, Charo Arredondo explicou que a ela mesma, como gandeira, as industrias que lle recollen -a Cooperativa Agrocantabria para Iparlat, que envasa para Mercadona- queren impoñer a recollida de leite diaria, que en zonas montañosas e con granxas dispersas como a súa, onde vén o camión cisterna cada dous días, non é viable. “Quen vai pagar o incremento de gasto en transporte? Pois as granxas a través dos prezos. Eu reuninme cos de Mercadona en Madrid para explicárllelo, pois non é viable nin mellora a calidade do leite a recollida diaria con respecto a recoller cada dous días. Por que acontece todo isto? Teño a miña teoría. Covap (Sociedad Cooperativa Andaluza Ganadera del Valle de los Pedroches) tamén fornece Mercadona, apostando por un modelo intensivo con vacas que producen 40 litros diarios, sen pastoreo, con alimentación importada. Con esa produción e cada vez medrando máis, non teñen tanques de leite suficientes e están na obriga de baleirar cada día. Por iso veñen de inventar que a recollida diaria é mellor”.

Ligando isto ao asesoramento, “a PAC non impide que o asesoramento sexa público. Aquí tentáronnos convencer de que a PAC non o permitía, é que o asesoramento privado era obrigatorio para acceder ás axudas agroambientais, pero iso é falso. Perdemos unha oportunidade, xa que cos fondos europeos das axudas agroambientais puidemos ter dado unha viraxe cara a modelos máis extensivos e respectuosos co medio ambiente, cara á mellora na calidade do leite, etc”, explicou a técnica Ana Rodríguez.

Certificación do leite ecolóxico de pastoreo: Ante as queixas sobre as garantías de saber se un leite é realmente ecolóxico ou de pastoreo, Juan Castro revelou que, dende o CIAM, crearon un método de análise sinxelo que pode avaliar se un leite é realmente ecolóxico ou de pastoreo. “Tratábase dun proxecto no que estaba interesado o Laboratorio Interprofesional Lácteo de Galiza (Ligal). Así que levamos o proxecto a Madrid, pero rexeitárono dicindo que tiña nulo interese para o sector. A pregunta que deberiamos facernos é: A quen non lle interesaba que isto fose para adiante? Obviamente, ás empresas”.