A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O SLG pide a retirada da campaña #MenosCarneMásVida do Ministerio de Consumo por enganosa e falaz

O SLG pide a retirada da campaña #MenosCarneMásVida do Ministerio de Consumo por enganosa e falaz

9 de Xullo do 2021

Rubia Galega

O Sindicato Labrego Galego quere expresar a súa máis absoluta indignación diante da campaña iniciada polo Ministerio de Consumo na que se criminaliza o consumo de carne a través de medias verdades que, de seguro, van crear unha grande confusión entre a cidadanía. Neste senso, o vídeo de 6 minutos no que o ministro de Consumo, Alberto Garzón, tenta convencernos do nocivo que é o consumo de carne para a nosa saúde e para o planeta é toda unha cadea de despropósitos que, como organización agraria, non podemos tolerar.

A principal confusión da campaña #MenosCarneMásVida é que ás penas distingue de modelos produtivos, metendo no mesmo saco as producións sostibles en base a pastos e terra coas producións industriais e intensivas sen terra, ou o consumo de carne de proximidade con outras importadas dende miles de quilómetros. Un bo exemplo desta manipulación témolo no propio vídeo do ministro, no que, nos seus seis minutos de criminalización do consumo de carne, dedica só 10 segundos a mencionar de pasada que existe a posibilidade de producir carne de maneira sostible.

No SLG non negamos datos como que o Estado Español é o maior consumidor de carne da UE, ou que nel producen 7,6 millóns de toneladas anuais co sacrificio de 70 millóns de animais. Tampouco negamos datos como que a gandería produce o 14,5% dos gases con efecto invernadoiro do planeta.

O que queremos denunciar, dende o SLG, é que todos eses datos cos que se criminaliza o consumo de carne responden a un modelo industrial intensivo e exportador que non ten nada que ver coa produción sostible de carne. Un dato revelado polo informe “Alimentos quilométricos de Amigos da Terra” é taxativo sobre a insostibilidade do modelo produtivo dominante: España importa máis de 25 millones de toneladas de alimentos cada ano, emitindo máis de 4 millóns de toneladas de CO. Os alimentos importados percorreron de media case 4.000 quilómetros antes de chegar aos mercados.

A produción sostible de carne é necesaria para loitar contra o quecemento global e para manter a estrutura socio-económica dos nosos territorios

Hai estudos científicos demostran que a produción de carne de vacún en base a pasteiros ten un efecto cero na emisión de gases con efecto invernadoiro, xa que os propios pastos funcionan como secuestradores de carbono. Se a comercialización desa carne se fai na bisbarra ou na comunidade onde se produce, o impacto ambiental é mínimo, ademais de ser o seu consumo saudable sempre que se faga dentro dunha dieta diversa e equilibrada. Ademais, este tipo de gandería, ligado a producións familiares de persoas que viven no rural, moitas veces en zonas desfavorecidas de montaña, son necesarias para manter o equilibrio medioambiental e o tecido socioeconómico do noso territorio, polo que lonxe de reducir o consumo das súas producións, os gobernos deberían promovelo para fomentar todos os seus beneficios.

Obviamente, a carne producida en factorías de formigón, sen terra, con miles de toneladas de dexeccións imposibles de procesar, e que destina a carne producida a países que están a miles de quilómetros, ten un impacto brutal sobre os ecosistemas e o medio ambiente. Pero iso é un problema xerado por un modelo produtivo, non pola produción de carne en si.

O consumo de legumes, hortalizas e froita con este modelo intensivo pode ser tan prexudicial que o consumo de carne

Por outra banda, o Ministerio de Consumo avoga por recorrer ás proteínas vexetais con alimentos como os legumes, e a basear a nosa alimentación en produtos como as hortalizas e as froitas. Nada que obxectar. O problema é que a nosa dependencia alimentaria fai que traiamos boa parte dos legumes de distancias inasumibles para o medio ambiente. De novo o informe “Alimentos quilométricos”, de Amigos da Terra, revela que o 80% dos garavanzos que se consumen en España son importados de México, probablemente producidos en explotacións intensivas nas que se utilizan cantidades masivas de agrotóxicos. Da mesma maneira, a maior parte das hortalizas que se producen no Estado veñen dos chamados mares de plástico de Andalucía, onde tamén se utilizan agrotóxicos, non se respectan os dereitos laborais máis elementais e se consumen e contaminan unhas cantidades de auga inasumibles para as zonas produtoras. Sen dúbida, o consumo de legumes, froitas e verduras de orixe industrial pode ter no Estado Español un impacto ecolóxico e na saúde igual de negativo que o que vincula o ministro Garzón ao consumo de carne. En resume, que deixar de consumir carne non vai solucionar ningún problema de saúde ou medioambiental ligado ás producións agrogandeiras se seguimos producindo, exportando e importando da maneira que o estamos facendo.

Un Goberno que criminaliza o consumo de carne ao tempo que asina tratados de libre comercio para fomentar a súa importación dende América

Dende o SLG, esiximos a retirada da campaña #MenosCarneMásVida porque vai xerar unha grande confusión ao utilizar datos e verdades parciais que o único que fan é criminalizar unhas producións necesarias para o equilibrio medioambiental e territorial. Dende este punto de vista, animamos ao Goberno do Estado a realizar accións que de verdade teñan un impacto positivo no medio ambiente e na nosa saúde: Fomentar o consumo de carne de calidade producida localmente a través da compra pública de alimentos e a potenciación dos mercados de proximidade, saírmonos de todos os tratados de libre comercio que inclúan alimentos por ser inasumible ambientalmente o seu transporte (Mercosur, o CETA con Canadá, etc.), reducir drasticamente as importacións e exportacións alimentarias pola alta emisión de gases con efecto invernadoiro que supoñen, apoiar as producións agroecolóxicas, desincentivar a produción industrial de carne sen base territorial e prohibir macroproxectos como Noviercas, orientar o noso modelo alimentario e agrícola cara a obter cada vez maiores cotas de soberanía alimentaria que nos permita producir a nós mesm@s os alimentos que consumimos, etc.