A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Mañá o señor Lence non terá argumentos para suspender a recollida, pero o sector lácteo non vai ceder ás chantaxes

Mañá o señor Lence non terá argumentos para suspender a recollida, pero o sector lácteo non vai ceder ás chantaxes

25 de Maio do 2009

imaxe rolda lence

Carme Freire Cruces -Secretaria Xeral do SLG-, Lupe Prado -gandeira e Responsábel do Sector Leiteiro no SLG-, e Adolfo Cabarcos -Responsábel de Sectores Gandeiros no SLG-, declararon en rolda de prensa na tarde de hoxe, ao respeito do comunicado emitido onte por Lácteos Lence no que ameaza con suspender recollidas a tódalas explotacións que lle subministran no País, que o Sindicato Labrego Galego considera que o empresario Jesús Lence xa entendeu a mensaxe que lle enviamos as gandeiras e gandeiros esta fin de semana: DISCUTIR O PREZO DO NOSO TRABALLO NON É UN PROBLEMA INDIVIDUAL, SENÓN COLECTIVO.

O Sindicato Labrego Galego está disposto a negociar, coma sempre, que se garanta a recollida de TODO o leite, e que dita recollida se faga baixo un prezo que nos permita vivir. Por iso mañá suspenderemos provisionalmente as accións que nestes días viñamos apoiando.

Ao que non estamos dispostas nin dispostos é a ceder ás chantaxes de ningún empresario que prentenda facernos responsábeis da non recollida do leite, cando o que está a facer Jesús Lence é impoñer uns prezos que abocan á ruina de todo o sector, non só de dúas explotacións.

Consideramos unha auténtica irresponsabilidade do novo Goberno que estean agochados diante desta situación, e que non dean resposta nin sinal diante das ameazas feitas públicas por Jesús Lence.

É por isto que vanse atopar coa voz do sector este próximo mércores 27, ás 12,00h, diante da Consellaría do Medio Rural.

Dende o SLG queremos deixar ben claro que non se pode ameazar a unha parte importante de xente deste País que quere vivir do seu traballo, e que o goberno da Xunta de Galiza estea a eludir a problemática co argumento peregrino de que se trata dun problema individual de dúas explotacións.

Que o conselleiro asuma este tipo de chantaxes non vai “facilitar”, como o propio Samuel Juárez afirmou na reunión que a Consellaría levou a cabo coas organizacións agrarias, buscarlle solucións á grave crise que estamos padecendo.

 

Rolda de Prensa