A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O SLG ponse ao servizo das gandeiras e gandeiros que teñen que reclamar a débeda contraída por CELEGA antes dos 30 días establecidos por lei

O SLG ponse ao servizo das gandeiras e gandeiros que teñen que reclamar a débeda contraída por CELEGA antes dos 30 días establecidos por lei

27 de Maio do 2009

CELGA

Tras a acollida á Lei Concursal para facer fronte á súa débeda, anunciada pola Central Leiteira Galega (CELGA), o prazo para que aquelas explotacións ás que nomeada empresa lles debe cartos por non lle ter podido pagar o leite, soliciten o pago desta débeda, é de 30 días.

O pasado luns 25 de maio publicouse no BOE o anuncio de que polo procedemento número 206/2009, por auto do 14 de abril de 2009, declárase en concurso voluntario ao debedor "Central Lechera Gallega,Sociedad Anónima” (CELGA).

As explotacións afectadas por estes impagos ubícanse maiormente nas zonas de Cuntis, A Estrada, Forcarei e Silleda.

 

Dende o Sindicato Labrego Galego poñemos a disposición destes gandeiros e gandeiras os nosos servizos xurídicos para levar a cabo a solicitude de pagamento das débedas contraídas por CELEGA.

 

Como é ben coñecido, arestora as explotacións de leite estanse vendo abocadas a “producir a perdas”, é dicir, a vender o seu leite a un prezo inferior do que lles custa producilo, dando lugar á crise que estamos a padecer.

 

Cómpre polo tanto que, neste caso concreto as explotacións que subministraban a CELEGA, acudan a realizar os trámites pertinentes antes dos 30 días establecidos, para poderen cobrar o que se lles debe.

 

Que se dea esta situación é unha proba máis de que o sector lácteo desmorónase por mor a unha política leiteira totalmente abrasiva. As marcas brancas, o dumping e os baixos prezos aportan grandes beneficios á grande distribución pero destrúen o sector produtor pola baixada constante dos prezos, e vemos que de paso tamén se levan por diante parte do sector industrial.

 

Polo tanto as autoridades europeas, a nosa ministra e demais gobernantes deberían pensar seriamente se non é xa hora de intervir nun mercado que soio beneficia a catro e perxudica a catrocentos mil.

 

Dende o SLG insistimos que soio hai unha maneira de saír desta crise: o control da produción e do mercado, e a garantía de prezos mínimos, todo o resto ben vemos a onde nos leva.