A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. A diferenza entre vender leite ou vender a quenes o producen

A diferenza entre vender leite ou vender a quenes o producen

21 de Xullo do 2009

lendo o acordo que vende ao sector

A sinatura do acordo de onte por parte das organizacións agrarias agás o SLG e a COAG, é froito dun pacto feito por riba dos intereses do sector leiteiro para desmobilizar un sector que leva meses de importantes accións reivindicativas, intensificadas nesta última semana. NESTA NOVA PODES CONSULTAR O DOCUMENTO E DESCARREGAR O MODELO DE CONTRATO.

Cando o MARM estaba a ser presionado contundentemente, co sector na rúa e logo de terse aprobado no mes de abril por unanimidade no Congreso dos deputados/as a resolución 173/00060, que insta ao Goberno a defender no seo da Unión Europea o impulso de normativas destinadas a “mellorar a regulación do prezo de xeito que se teñan en conta criterios coma os custes de produción”*, ponse sobor da mesa un acordo impulsado polo Ministerio no que XXAA, UUAA e a representación das cooperativas, asinaron un pacto no que o fundamental das reivindicacións labregas, un prezo mímimo para todas as explotacións, fica outra vez sen ser garantido, como xa sucedera coa sinatura dos contratos homologados, malia a ser esta a reivindicación básica do sector produtor, que ademais acordara en asemblea o pasado venres 17, levar a reivindicación de que a referencia do prezo acordado na reunión habería de ser aquel que cubrira custes de produción.

O Sindicato Labrego Galego distribuíu entre as gandeiras e gandeiros reunidos en Amio o acordo que rexeitamos firmar en Madrid*, xa que consideramos fundamental que coñezan con exactitude a inexactitude de prezo pactada onte.

O sector non entende, e son as preguntas que se fixo, indignado, ao longo da mañá de hoxe:

1, Que prezo mínimo, a raíz deste acordo, van a percibir todas as explotacións leiteiras galegas dende o 1 de agosto até o 31 de decembro?

2. Como pode poñerse nun documento unha referencia de prezo francés e non unha referencia de prezo propia, máxime cando os gandeiros e gandeiras franceses atópanse arestora tamén en mobilizacións porque non lles vale como referencia, e ademais os custos provocados para as nosas explotacións dende os gobernos, obrigándonos a mercar cota, non son comparábeis aos custos de produción de Francia?

Por outra banda, a referencia de prezo propia para o Estado español podía terse fixado simplemente con recoller os índices obxectivos de custos que o Observatorio de Prezos do MARM publica anualmente (0,34€).

É por isto que o Sindicato Labrego Galego cualifica de “pantomima desmobilizadora” o acordo asinado onte en Madrid polo resto de organizacións agrarias do País.

O Sindicato Labrego Galego, unha vez máis, vai seguir defendendo que teñamos un prezo xusto para podéremos vivir do noso traballo, e non o faremos en solitario, senón ao carón do sector leiteiro da Galiza.

Mobilizarémonos nas rúas, mais seguiremos dando a batalla tamén nos despachos, tendo en mente como obxectivo a reunión de ministros e ministras europeos que vai ter lugar o vindeiro 7 de setembro en Bruxelas, na que se vai discutir a política leiteira abordando cuestións básicas como o prezo, o control da produción e a súa reducción e redistribución.

 

A continuación o acordo que, por indicación do sector leiteiro reunido en asambleia en Amio o venres 17 de xullo, o SLG non firmou en Madrid. Non imos firmar ningún acordo que estableza o prezo do leite por embaixo dos custos de produción actuais especificados polo Observatorio do Sector Leiteiro no 2008 (0,34).

Tamén podes descarregar o MODELO DE CONTRATO ESTATAL en .pdf no icono que se atopa ao fondo da páxina.

200709 acordo que o SLG non firmou en Madrid

 

 

210709 Carme Freire, secretaria xeral do SLG, voltou a sinalar que o papel firmado por XXAA e UUAA en Madrid non garante un prezo do que non poidan baixar as empresas á hora de mercarnos o leite.

 210709

O SLG repartíu copias do acordo entre as gandeiras e gandeiros en Amio, xa  que por parte das o organizacións firmantes (UUAA e XXAA) nin sequera se prantexou transmitirlle aos principais afectados, os gandeiros e gandeiras, os termos deste acordo.

210709

O "acordo" de Madrid é unha estratexia para desmobilizar ao sector durante un tempo. Cando cheguen as facturas en agosto, as explotacións atoparanse de novo con prezos que non cubren custos de produción.

Firma do acordo da leite en Madrid

Carme Freire (SLG) e Charo Arredondo (COAG) afastadas da firma que vendeu ao sector leiteiro da Galiza este luns en Madrid.

Ficheiro adxunto