A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Dubidosos criterios de saneamento animal tamén en Abadín

Dubidosos criterios de saneamento animal tamén en Abadín

28 de Xullo do 2009

nós somos as primeiras interesadas en garantir a sanidade nas cabanas gandeiras

Logo dos problemas denunciados na semana pasada polo SLG e que afectaban ao Estelo, nesa ocasión en relación ás prácticas de sanidade animal perante da suposta detección de tuberculose, atopámonos arestora cunha problemática similar na mesma zona.

Na zona de Abadín (parroquia de Labrada), levan moitos anos con serios problemas de brucelose nas campañas de saneamento gandeiro, polo que os/as viciños/as quéixanse de varios problemas que se repiten ano tras ano e que dá a impresión de que ninguén quere facer nada para superalos.

Nas explotacións onde se fai baleiro sanitario*, está a pasar que cando volven a repoñer o gando seguen aparecendo casos positivos, coma se ese baleiro non se fixera ou se o foco de contaxio permanecera.

O problema é que os baleiros eliminan moitos animais, e as axudas redúcense, xa que as indemnizacións cada vez son máis baixas e tárdase máis en cobralas; e para acabar de agravar a cousa, o lucro cesante (indemnización por inactividade nos baleiros sanitarios), reduciuse de 9 a 6 meses.

Paralelamente a estes problemas hai casos puntuais que dan a impresión dun total descontrol, coma por exemplo a recente aparición en Labrada-Abadín de tres anacos dun becerro morto no parto, que ninguén sabe de onde proceden, e dende quen dirixe a campaña de saneamento na zona, o xefe de área, obsérvase unha actitude orientada a tentar desentenderse do tema.

Esta actitude de pouca preocupación polo seguimento das campañas por parte dos responsábeis de sanidade animal, é reiterada, (non se fan inspeccións, etc.).

Diante desta situación, que se repite puntualmente en comarcas da Galiza, dende o Sindicato Labrego Galego pensamos que hai cousas que se poderían canto menos estudar para podelas levar á práctica: por exemplo, que por parte da Administración se faga un tratamento diferenciado destas zonas con problemas específicos (Abadín, Estelo, A Estrada...), respecto do resto, considerándoas zonas excepcionais.

Demandamos tamén que se estude a posibilidade de xenotipar os animais para poder investigar a procedencia de animais mortos. As labregas e labregos demandamos un maior seguimento, ben sexa polos servizos do SEPRONA ou por parte de Sanidade Animal, sobor de todo naqueles que incumpren as normas (tamén á fauna salvaxe lle fan seguimento); e dende logo o sistema de indemnizacións deben ser proporcionais ao problema, non sendo de recibo o tratamento xenérico para zonas con unha problemática tan específica.

 

*No baleiro sanitario sacrifícanse

tódolos animais da cabana gandeira, mesmo os sans.