A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. 1,500€ non solucionan a situación de ningunha das nosas explotacións

1,500€ non solucionan a situación de ningunha das nosas explotacións

5 de Agosto do 2009

queremos vivir do noso traballo, non das subvencións

Perante do anuncio realizado hoxe, na reunión mantida na Consellaría do Medio Rural, de conceder 20 millóns de euros en axudas directas ás explotacións leiteiras da Galiza, dende o Sindicato Labrego Galego valoramos que, malia que necesaria, a medida non aporta unha solución definitiva, ao tempo que a proposta económica realizada é insuficiente.

Este importe, que a Administración decideu repartir en función da cota láctea coa que conte cada explotación, vai supor o pago de aproximadamente 0,00895 € por cada kg. de cota, é dicir, moi lonxe de tan sequera ser un céntimo por kg. de cota.

 

Na Galiza, onde a cota media por explotación establécese arredor dos 177.000 kg , suporá que o meirande número de explotacións perciban arredor de 1.584,15 € de axuda directa, cantidade a todas luces insuficiente para que as familias que viven da produción leiteira no noso país poidan facer fronte ás débedas contraídas ao longo destes últimos meses.

 

É unha obviedade que con un pago único de 1.584,15 € non se evita o peche de explotacións que, por unha banda, están afogadas de débedas e, por outra, seguen a baixarlle o prezo do leite que venden, impedíndolles ser autosuficientes e vivir do seu traballo como entidades “maiores de idade”, presas do coercitivo sistema de subvencións que mantén atado ao sector produtor dende que a alimentación entrou na Organización Mundial do Comercio (OMC).

 

Neste senso, hai que salientar que esta cantidade está encadrada dentro das axudas directas de mínimis permitidas pola Unión Europea, e esta só permite conceder un máximo de 7.500 euros por explotación en 3 anos. Co cal, dado que moitas explotacións xa se viron beneficiadas por algunha outra axuda directa de mínimis dende o 2006 (ver listado no arquivo adxunto), é moi probábel que non poidan percibir o importe íntegro que lles correspodería por esta axuda directa ao sector leiteiro, ademais de ficar limitado o uso deste instrumento cara o futuro.

 

En todo caso, para o SLG o sistema de pago por Kg de cota proposto pola Administración non é positivo. Dende o Sindicato Labrego Galego valoramos que as axudas haberían de establecerse en base a criterios sociais, primando o mantemento de postos de traballo.

 

A axuda debería ser concedida por UTA (Unidade de Traballo Agrario, ou o que é o mesmo: postos de traballo na explotación), o que na Galiza, onde as explotacións son maiormente familiares, suporía un xeito de darlle axudas directas ás familias.

 

O que fica claro é que a solución á crise do sector leiteiro non vai vir dada por unha medida puntual de inxección de capital circulante. O problema do sector é, como é sabido, de carácter estrutural: NON NOS DEIXAN VIVIR DO QUE VENDEMOS. Cedendo ás leis do libre comercio, favorecedor das condicións das que gostan as multinacionais, os gobernos están eludindo a responsabilidade de establecer por lei un prezo mínimo para o noso produto, un soldo base para o noso traballo.

 

No caso do Estado español, esta deixadez nas responsabilidades é inda máis grave ao contarmos coa resolución do Parlamento español, emitida no mes de abril, no que se insta por unanimidade ao Goberno á fixar un prezo mínimo para o leite como produto de primeira necesidade.

 

Na reunión mantida na mañá de hoxe, o SLG emprazou ao Conselleiro até setembro para liderar unha forte campaña política polos cambios nas políticas agrarias e de mercado na Unión Europea. Ou o facemos deste xeito, sinalámoslle, ou a Xunta de Galiza terá que aportar inxentes cantidades de cartos públicos no orzamento do 2010 para compensar as continuas crises de prezos e evitar o peche das explotacións.

 

Agardamos que dunha vez por todas, polo ben de quenes muximos vacas e de quenes non o fan, a Administración asuma que resulta máis barato para as arcas públicas establecer medidas de control do mercado que andar a compensar logo as perdas mediante inxeccións de cartos. Estamos fartos e fartas de ser un sector subvencionado, e inda por riba mal. Queremos vivir do noso traballo.

Ficheiro adxunto