A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Seguimos loitando por un prezo mínimo para o leite: mobilización en Santander o vindeiro 7 de setembro

Seguimos loitando por un prezo mínimo para o leite: mobilización en Santander o vindeiro 7 de setembro

21 de Agosto do 2009

210809Carme Freire Cruces

Hoxe, venres 21 de agosto, cando se cumpre un mes da sinatura do “acordo de Madrid” (que o SLG non asinou por non garantir un prezo mínimo para o leite), as produtoras e produtores de leite da Galiza atopámonos con que, non só non apreciamos ningunha mellora na nosa situación, senón que vense de constatar, por unha banda, a continuación da baixada de prezos* e, por outra, as ameazas de cese de recollida anunciadas por algunhas empresas, como vén de ser o caso de Lácteos Lence coa cooperativa comarcal de Ordes.

Ademais, o propio conselleiro de medio rural está a promover estas chantaxes anunciando prioridade nas axudas a aquelas explotacións que, sen ter garantido un prezo para poder vivir, asinen a súa desfeita mediante contratos homologados.

Dende o SLG valoramos que a proposta do acordo de Madrid foi unha estratexia para afastar ao Goberno español e galego da súa responsabilidade e estrelar o conflito contra as industrias. Mais a solución á crise do sector leiteiro, non deixaremos de repetilo, é política.

Ao fío desta idea clave, é dicir: que o noso problema solucionarase o día que, por acordo político se estableza normativamente un prezo mínimo para un produto de primeira necesidade como é o leite, Carme Freire Cruces -Secretaria Xeral do SLG- deu conta en rolda de prensa celebrada na mañá de hoxe en Compostela, das vindeiras mobilizacións que levará adiante o sector leiteiro.

Cuestións para nós fundamentais: o prezo do leite, a redución e control da produción na UE e a posibilidade de aumentar as axudas directas dos estados ao sector leiteiro, van ser abordadas o vindeiro 7 de setembro en Bruxelas nunha reunión de ministros e ministras de agricultura da UE.

Mais, onde vai estar a “nosa” ministra? Inaugurando un curso de verán en Santander.

E onde vai estar o sector leiteiro da Galiza? En Santander, transmitíndolle de preto que condenamos a súa actitude totalmente irresponsábel e que esiximos unha aposta política clara por parte do seu ministerio para resolver os problemas que están nos están abocando á desfeita do sector.

Dende o SLG apelamos á responsabilidade do presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, para que a persoa que asista a dita reunión defenda o posicionamento do Estado, que é o que se recolle na resolución 173/000060, acordada por unanimidade no Parlamento español o pasado 29 de abril*, (punto nº3: “Defender no seno da UE o impulso de normativas destinadas a mellorar a regulación do prezo de referencia do leite de xeito que se teñan en conta criterios coma os custes de produción”).

A actitude do Goberno é de escandalosa neglixencia, logo de catro meses dende que en abril o Parlamento instara a o Executivo a actuar, este segue obviando a súa responsabilidade e, como consecuencia, provocando a desaparición de miles de explotacións leiteiras.

Dende o SLG preguntámonos: que vai defender o Goberno español o día 7 de setembro en Bruxelas?

As gandeiras e gandeiros da Galiza sabemos perfectamente que os gobernos teñen que traballar para a cidadanía, e non ao revés. As normas elabóranse, modifícanse, derróganse... Son un corpus regulador vivo, porque aspiran a establecer marcos normativos para vivir, e é laboura das persoas que traballan nas institucións políticas ilas modelando en función das necesidades das persoas, dos pobos, non das empresas nin do mercado.

 

 *Arquivo de audio co anuncio de mobilizacións. Carme Freire Cruces, Secretaria Xeral do SLG.

Ficheiro adxunto