A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Concentración reivindicativa permanente en Compostela do 1 ao 5 de setembro e mobilización en Santander o 7 de setembro

Concentración reivindicativa permanente en Compostela do 1 ao 5 de setembro e mobilización en Santander o 7 de setembro

27 de Agosto do 2009

270809 Lídia Senra e Carme Freire

Na mañá de hoxe, Carme Freire Cruces -Secretaria Xeral do SLG- e Lídia Senra -Secretaria de Organización do SLG- anticiparon o calendario de mobilizacións que terán lugar nos días do 1 ao 7 de setembro a prol da modificación da política leiteira europea.

Lídia Senra, Responsábel de Sectores Gandeiros na Coordenadora Europea Vía Campesina, encetou a rolda salientando que as mobilizacións están a aportar avances nas reivindicacións do sector produtor, nomeadamente termos conseguido que a crise do leite entre na axenda política europea.

 Proba deste avance é o feito de que as ministras e ministros de agricultura da UE (Consello Agrícola) vanse reunir o vindeiro luns 7 de setembro, en convocatoria extraordinaria, para abordar a grave situación na que se atopa o sector leiteiro, así como as propostas presentadas á Comisión Europea.

Son precisamente as ministras e ministros de agricultura quenes teñen competencias para establecer medidas de fondo para resolver esta crise. A solución ao problema do sector leiteiro é de índole política, xa que implica a elaboración de normativas que establezan un prezo mínimo tendo en conta criterios coma os custos de produción e a remuneración do noso traballo. Neste sentido, a semana do 1 ao 7 de setembro vai ser clave para o sector agrogandeiro.

O día 1 de setembro a Comisaria de Agricultura, Mariann Fischer Boel, vai comparecer ante a recentemente constituída Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo (COMAGRI), xa que solicitóuselle que presente propostas que melloren as do informe publicado no mes de xullo que, tanto para o sector produtor coma para o COMAGRI, son insuficientes.

O 1 e 2 de setembro a Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo reunirase para abordar a situación do leite. Este paso é froito da reunión coa Comisión de Agricultura que as organizacións agrarias europeas, entre as que se atopaba a Vía Campesina representada por Lídia Senra, mantiveron o pasado mes de xullo en Estrasburgo.

O 7 de setembro, como indicabamos ao principio, terá lugar un Consello Extraordinario de Agricultura para abordar a crise do leite e as propostas que a Comisión europea ten enriba da mesa.

Diante deste calendario de reunións, a Coordenadora Europea Vía Campesina acordou facer mobilizacións entre o 1 e o 7 en toda Europa para manter a atención da cidadanía -produtoras/es e consumidoras/es-, na evolución que as demandas do sector obteñan nestes encontros políticos.

 

Mobilizacións do SLG na Galiza e no Estado

 

Como xa anunciabamos a semana pasada, o Sindicato Labrego Galego desprazarase a Santander o vindeiro 7 de setembro para esixir o establecemento dun prezo mínimo para o leite, a redución da cota global europea para eliminar o anegamento do mercado e a redistribución do dereito a produción mantendo o control público da mesma.

Canda a Coordinadora de Organizaciones Agrarias y Ganaderas (COAG), visibilizaremos diante dos/as representantes do Ministerio que o sector está en loita e moi pendente das decisións políticas que se estarán tomando neses días en Europa, para o cal achegarémonos a un acto que o MARM levará a cabo en Santander e no que está anunciada a asistencia da ministra Elena Espinosa.

Ademais, Carme Freire Cruces, Secretaria Xeral do SLG, anunciou que entre o 1 e o 5 de setembro o Sindicato Labrego Galego estarase mobilizando cunha concentración reivindicativa permanente establecida nunha céntrica praza de Compostela, para deste xeito seguir denunciando a situación que vive o sector e demandar que as propostas antes citadas sexan defendidas en Europa, en aras da consecución dunha saída definitiva á crise do sector leiteiro.

Ficheiro adxunto