A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Concentración reivindicativa en Compostela e envío dunha carta aberta aos eurodeputados e eurodeputadas. Comeza a semana europea polo prezo do leite.

Concentración reivindicativa en Compostela e envío dunha carta aberta aos eurodeputados e eurodeputadas. Comeza a semana europea polo prezo do leite.

1 de Septembro do 2009

010909

O Sindicato Labrego Galego iniciou esta mañá a “Semana europea polo prezo do leite” cunha concentración reivindicativa na praza do Toural de Compostela que procurou chamar a atención especialmente no feito de que a Comisaria de Agricultura, Mariann Fischer Boel, compareceu hoxe ás 12:30 ante a Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo (COMAGRI) para abordar a crise do sector leiteiro.

 Esta mobilización enmárcase nas accións que están tendo lugar en toda Europa, convocadas pola Coordenadora Europea Vía Campesina. Así, hoxe será entregada ás eurodeputadas e eurodeputados unha carta aberta, asinada en representación da Vía Campesina por Lídia Serna Rodríguez, Secretaria de Organización do SLG, e René Louail, labrego e sindicalista da organización francesa Confédération Paysanne (CP). Ámbolos dous son membros do Comité de Coordinación da Coordenadora Europea Via Campesina.

010909 Lídia Senra, asinante da carta enviada pola Coordenadora Europea Vía Campesina, fixo lectura da mesma na praza do Toural.

010909 Intervención de Carme Freire Cruces, Secretaria Xeral do SLG

 010909

Intervención de Lupe Prado, gandeira da Terra Chá e Responsábel do Sector Leiteiro no SLG.

Crise leiteira

Carta aberta

Aos Ministros, ás Ministras de agricultura da Unión europea, aos Eurodeputados e ás Eurodeputadas, á Sra. Fischer Boel, Comisaria Europea de Agricultura e Desenvolvemento Rural.

Señoras, Señores,

As medidas tomadas ate o de agora pola Unión Europea para facer fronte á forte baixada do prezo do leite á produción non teñen sido eficaces. Os prezos non remontan e moitos gandeiros e gandeiras corren o risco de quebrar. Diante dos retos económicos, sociais, rurais e medioambientais da crise leiteira, pedímoslle que asuman as súas responsabilidades.

A crise vai durar pois as vellas receitas que vostedes teñen utilizado e que se propoñen no informe da Comisión Europea do 22 de xullo son custosas para os e as contribuíntes, nefastas para os países terceiros e non atacan as causas da crise; a propia Unión Europea tenas criticado nas reformas da PAC dende 1992. Non haberá saída da crise sen cambiar a política leiteira actual.

1)A aterraxe suave transformouse nun crac: Compre adaptar a oferta á demanda.

Sra. Comisaria, os “sinais do mercado” son claros: Se a demanda baixa, compre baixar a oferta. A cota europea era xa demasiado alta en 2003 en relación á demanda europea, a Unión Europea non parou de aumentala, en contradición co principio fixado. E un erro, dictado por unha visión ideolóxica oposta á regulación dos mercados. Esta visión éstá hoxe sobrepasada, os mercados como as finanzas, teñen falta de ser regulados con políticas públicas.

A chamada aterraxe suave das cotas ate o 2015 tiña dous obxectivos: un ofrecer prezos baixos á industria leiteira e á gran distribución, conseguido á costa dos produtores e das produtoras e dos consumidores e consumidoras que non viron baixar os prezos dos produtos leiteiros.

O segundo, era un abaratamento progresivo do prezo das cotas no horizonte de non ter que pagar indemnizacións no 2015, a quen tiña comprado cotas. Non se debe dar resposta ao error cometido en 1984 de deixar aos Estados membro instaurar o mercado de cotas, erro que nos xa denunciamos naquel momento, con outro erro. A solución pasa por manter o control da produción, mellorando o funcionamento das cotas e eliminando o mercado das mesmas.

As produtoras e produtores de leite teñen dereito a prezos xustos. O seu traballo é altamente cualificado, con fortes obrigas en termos de condicións de traballo todo o ano.

Este traballo debe ser remunerado correctamente. Para que a baixada de produción se traduza efectivamente nunha subida dos prezos á produción compre revisar os mecanismos para a súa fixación entre a Unión Europea, os gobernos, produción, industria e distribución. É necesaria unha transparencia e unha limitación de marxes. Compre revisar as regras actuais da competencia que, non teñen impedido a formación de oligopolios da distribución.

Pero trátase tamén de responder aos retos sociais, rurais e medioambientais da crise leiteira. Quen produce, como e onde son cuestións tan importantes como canto se produce.

O reto social e rural: diferenciar a baixada da produción e repartila mellor sobre o territorio

As pequenas e medianas explotacións xogan un papel importante no mundo rural en numerosos territorios. A política leiteira da Unión Europea fixo desaparecer xa un gran número delas. A Unión Europea ten incluso financiado o abandono da produción e a Comisión propono de novo no seu informe. Esta é unha moi mala utilización dos fondos públicos.

Nas crises os e as máis febles non poden sobrevivir, a banca habitualmente financiaba ás explotacións máis grandes. Pero hoxe, o obxectivo de reestructuración da produción pola crise non funciona como estaba previsto porque os bancos, responsabeis da crise financieira xa non dan cretos tan facilmente aos produtores e produtoras que aumentaron e intensificaron a produción.

Demandámoslle que paren a desaparición de explotacións de leite. Compre modular a baixada da produción en función do tamaño das explotacións e do número de persoas activas. As grandes explotacións intensivas deben reducir máis a produción e a pequenas explotacións deben estar exentas. A continuación compre prantexarse o reparto xeográfico da produción. O seu desprazamento cara os portos de importación de soia perxudica a posta en valor dos prados e dos forraxes europeos. O mundo rural precisa un gran número de explotacións leiteiras ben repartidas en todos as áreas con vocación leiteira dende o punto de vista agroclimático.

Para Copenhague, as palabras xa non chegan, compre cambiar os modos de produción.

Hoxe, os retos medioambientais (clima, enerxía, biodiversidade, pesticidas,...) colocan, aínda de maneira máis crucial que antes, a cuestión dos modos de produción. A produción leiteira intensiva, a base de soia importada, de abonos químicos, de vacas turbo rapidamente substituídas e sen nunca ter pastado foi favorecida polas diferentes versións da Política Agraria Común dende 1992, empezando polo ausencia de dereitos de aduana para as importacións de alimentos para os animais, as primas da PAC ao millo ensilado e non á herba, etc...

A Unión europea debe cambiar este modelo industrial, voraz en enerxía, en transporte e que a fai dependente das importacións. As explotacións que favoreceron un modo de produción sostíbel en base á herba e cultivando prantas proteicas, son menos dependentes dos riscos exteriores e aguantan mellor a crise. A Unión Europea ten suficiente espacio para cultivar a súas propias proteínas vexetais. Compre que deixe de promover un modelo hoxe incompatible coa crise medioambiental.

O reparto actual das primas debe ser revisado nese senso. A poucos meses de Copenhague, pedimos ao Consello do 7 de setembro que tome medidas significativas que marquen, máis aló das palabras, a vontade de cambiar os modos de produción.

Varios Estados Membros teñen manifestado durante este verán a súa vontade de rediscutir o aumento das cotas para o 2009. Está ben, pero compre ir máis lonxe. Propomos aos eurodeputados e ás eurodeputadas que convenzan aos seus gobernos de que se pode aplicar dende agora unha política leiteira máis lexitima para os e as contribuíntes e para o medio ambiente e que salvará da quebra a miles de explotacións leiteiras e devolverá a esperanza as mozas e aos mozos que queiran instalarse nunha explotación de leite.

A crise láctea é mundial e froito do deseño das políticas agrícolas da Organización Mundial do Comercio. A Vía Campesina ven de sacar un comunicado, no que produtoras e produtores do Norte e do Sur, demandan un cambio de política.

Señora Comisaria, Señoras Ministras, Señores Ministros, non se avergoñen de modificar unha decisión tomada. Nunca é tarde para facer as cousa ben. A súa responsabilidade é grande. Pedímoslle que actúen urxentemente no plano económico, social e medioambiental.

Agradecémoslle a súa atención e saudámolos atentamente,

Asdo: Lídia Senra e René Louail, do Comité de Coordinación da Coordenadora Europea Via Campesina.