A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Valoración da comparecencia da comisiaria Mariann Fischer Boel diante da Comisión de Agricultura (COMAGRI) o 1 de setembro

Valoración da comparecencia da comisiaria Mariann Fischer Boel diante da Comisión de Agricultura (COMAGRI) o 1 de setembro

2 de Septembro do 2009

fischer

Onte tivo lugar a primeira das reunións a nivel europeo para abordar a crise do leite. Ás 11:00 da mañá, a Comisaria Mariann Fischer Boel compareceu ante a Comisión de Agricultura (COMAGRI) coa solicitude previa de presentar propostas que melloraran ás recollidas no informe que presentara o pasado 22 de xullo. 

Obviando a dignidade das persoas que integran o sector produtor leiteiro, a comisaria Fischer Boel afirmou que “A nosa política fronte á crise está baseada na compaixón cara aos produtores e na acción”.

Foi respostada polo europarlamentario José Bové (Partido Verde Europeo): “Precisamos xustiza, non compaixón” («Besoin de justice, pas de compassion»)

Boel mantivo a súa oposición ao establecemento dun descenso da cota global europea, indicando que o que se precisa é unha reestruturación do sector*. Sinalou que no proceso europeo chamado “Chequeo da PAC”, no que agora nos atopamos, existe unha partida económica baixo o epígrafe “Novos retos” que, canda as axudas dos estados, podería ser empregada para levar a cabo esta reestruturación.

A comisaria insistiu en asegurar: “Xa fixemos todo o que se podía e o mercado reequilíbrase, os prezos mellorarán. A crise leiteira hai que vela no contexto da crise económica mundial”.

Socialistas e Verdes foron os máis críticos, e pediron outras medidas diferentes das actuais, non aceptando as propostas de Fischer Boel. Le Foll e Tarabella, do Partido Socialista Europeo, pediron claramente unha regulación dos mercado, unha baixada de produción a nivel europeo e opuxéronse á reestruturación.

Hausling e Bové, do Partido Verde Europeo, atacaron as medidas actuais, e pediron unha baixada da cota de polo menos o 5%. Tamén criticaron a produción de leite sen terra, e pediron a reconversión cara unha produción en base á herba.

Tamén os deputados do Partido Popular Europeo foron moi críticos.

Máis aló do rexeitamento xeralizado ás propostas da comisaria Fischer Boel, queremos salientar que o europarlamentario Morvey, defendeu na súa intervención a soberania alimentaria, é dicir, o dereito dos pobos a decidir as súas propias políticas agrarias e alimentarias.

O Sindicato Labrego Galego, dende a Coordenadora Europea Vía Campesina, valoramos positivamente a reacción contraria dos eurodeputados/as ás propostas da comisaria, así coma o feito de que algunhas propostas da Coordenadora Europea Vía Campesina foran tidas en consideración, como é o caso da redución da cota global europea, un paso fundamental para frear o anegamento de mercado que está a botar por terra o prezo do leite.

Agardamos que se segan a dar pasos para a resolución desta crise, e que o consello de ministros do día 7, ao igual que os grupos parlamentarios, poña freo á estratexia neoliberal pola que insiste en avogar a comisaria malia á desfeita actual provocada por ese modelo.

 

* Refírese a concentrar a produción nunhas poucas explotacións grandes, deixando ás pequenas e medianas polo camiño. Este modelo de produción intensivo é tremendamente lesivo para o medio ambiente e a saúde humana.