A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Folga europea do leite: Avaliación na Galiza.

Folga europea do leite: Avaliación na Galiza.

15 de Septembro do 2009

o leite é noso

Como anunciabamos na semana pasada, onte pola noite tiveron lugar, ao redor das 22:00hrs., quince asembleas simultáneas en zonas leiteiras de todo o país (Ordes, Arzúa, Teixeiro, Irixoa, San Sadurniño, A Capela, Sarria, Ribadeo, Meira, Vilalba, Santa Comba, Muxía, A Estrada, Lalín, e Chantada).

O obxectivo destas reunións abertas foi lanzar o debate e pulsar a opinión do sector ao respeito de secundar a folga do leite (paralización de entregas e industrias) iniciada na pasada semana en Europa, mobilización que pretende a mudanza das actuais políticas leiteiras que nos están levando á ruína a milleiros de explotacións en todo o territorio, esixindo do goberno europeo o control e redución da produción e establecemento de prezos mínimos que cubran custos de produción.

A día de hoxe, a situación nos diferentes países nos que se está a levar a cabo a folga é a seguinte*:

Francia: 37,200 explotacións (un 40%) están en folga e contan con chegar ao 50%. O caso de Francia é de especial interese, posto que é sempre a referencia que se lle pretende dar ao sector no Estado español en cuestións coma o prezo, por exemplo. Resulta obvio que se os propios gandeiros e gandeiras franceses estanse a mobilizar porque non lles vale o prezo que teñen, moito menos valerá no Estado español onde os custos de produción son máis altos e, polo tanto, a marxe de beneficio para o produtor/a é menor.

Alemania: aproximadamente 2.000 explotacións en folga.

Bélxica: ao redor 1.000 explotacións atópanse en folga. No día de hoxe as gandeiras e gandeiros manteñen a fronteira pechada até as 14:00hrs. Ademais, varias ONG´s belgas están declarando o seu apoio a estas medidas.

Luxemburgo: coa folga xa comezada, inda non temos datos exactos do número de explotacións implicadas.

Holanda: aproximadamente 200 explotacións atópanse en folga.

Austria: 1000 explotacións atópanse xa en folga.

Suíza: ao igual que na Galiza, onte pola noite tiveron lugar as asembleas consultivas. Entran xa dende hoxe na folga, que ademais acompañarán doutras accións mobilizadoras.

Italia: comezaron a folga onte pola noite. Inda non temos datos exactos de participación.

Reino Unido: atópanse nun momento similar ao de Galiza, arestora estanse a centrar en divulgar a información.

Dinamarca: apoian a folga mais, en troques de non entregar o leite, están acudindo ás súas fronteiras para impedir que o seu leite vaia para outros países a boicotear a folga.

No Estado español (sétimo produtor logo de Alemania, Francia, Reino Unido, Holanda, Italia e Polonia), o sector fica coa vista posta na Galiza (temos o 56% das explotacións), transmitíndonos que da decisión tomada eiquí dependerá a adhesión do resto de zonas produtoras estatais (cornisa cantábrica, maiormente).

Na Galiza, o sector valora moi positivamente as mobilizacións que están a ter lugar en Europa, expresando que ir á folga é practicamente a única opción que nos queda, e valorando ademais que este é un momento histórico para levala a cabo xa que, no mercado globalizado, ou a facemos todas e todos a un tempo, ou o produto entrará nos países en folga por medio da importación chegada dos países non en folga.

Nembergantes, o feito de non saber con exactitude cantas explotacións da Galiza estarían dispostas a iniciar a folga** recomenda darnos uns días para coñecer a predisposición real.

A metodoloxía aplicada para coñecermos o apoio que no sector produtor suscita esta medida consistiu, ademais de nas opinións das gandeiras e gandeiros expresadas nas asembleas, no reparto dunha folla de compromiso. Este papel, coa función de cuantificar cantas explotacións están dispostas a secundar a folga, ten de prazo de entrega nos locais do Sindicato Labrego Galego até finais desta semana.

O vindeiro luns, día 21 de setembro, terá lugar en Santiago de Compostela unha reunión da Dirección Nacional do Leite, na que avaliaremos en que situación nos atopamos de cara levar a cabo accións reivindicativas para apoiarmos ás compañeiras e compañeiros do resto de Europa, así coma a maneira de seguirmos exercendo presión para que os/as nosos representantes políticos, as persoas elexidas para recoller as demandas da cidadanía e seren expresadas nas normas que vertebran as sociedades, modifiquen a actual regulación do mercado en aras da dignidade das gandeiras e gandeiros de leite, un sector cunha reivindicación ben clara: vivir do seu traballo.

FOLGA DE FAME.

A partires das 00:00hrs de onte o europarlamentario francés José Bové atópase en folga de fame en apoio á folga do leite na que o sector produtor europeo estase a xogar o seu futuro.

 

*Datos proporcionados pola Coordenadora Europea Vía Campesina -na que se integra o SLG- e o EMB -European Milk Board, convocante da folga-.

**Ao levarse a cabo mediante paralización de industrias, no momento en que un certo número de explotacións estean dispostas, a folga afectaría a todo o país, xa que se impediría a entrada e saída de leite en tódalas fábricas.