A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Denunciamos a existencia de criterios discriminatorios e vontade de fomentar a dependencia administrativa por parte das explotacións

Denunciamos a existencia de criterios discriminatorios e vontade de fomentar a dependencia administrativa por parte das explotacións

18 de Septembro do 2009

os cartos fannos dependentes

O sector de vacún de carne, na aplicación das sucesivas políticas agrarias comúns europeas (PAC), foi facéndose cada vez máis dependente das axudas; e, nunha situación agravada polas continuas situacións de crise, ás axudas PAC fóronse sumando outras estatais, co fin de que as explotacións poidan seguir abertas cuns prezos que non pagan custos.

É dicir: en troques de promocionar que os produtores e produtoras acaden a súa renda para vivir mediante a venda dos seus produtos (regulando con prezos mínimos que cubran custos e traballo, por exemplo), a UE estableceu normas que abocan aos sectores á dependencia administrativa a través das axudas.

No pasado ano o MARM puxo a andar unha liña de axudas a razas autóctonas de 100€ por cabeza, para as que se esixía unha serie de requisitos que moitas explotacións non cumprían nese momento. Pois ben, todas as explotacións que o ano pasado quedaron fóra, así coma as novas explotacións que poidera haber, agora non poden ter acceso a esta liña debido a que a nova convocatoria é soio para quen lle tiveran concedido a axuda no pasado ano.

Estamos pois diante de unha medida claramente discriminatoria, que en lugar de pretender axudar a todas as explotacións con razas autóctonas limítase a un número reducido das mesmas que cumpriron coas condicións da primeira convocatoria. Deixando fóra aquelas que se adaptaron á mesma para ter acceso á axuda en anos posteriores e máis ás novas explotacións.

Por outra parte, os requerimentos da documentación que falta na solicitude, fanse a través do Boletín Oficial (BOE), que a maioría das persoas non len, o que significa que non subsanan as deficiencias e quedan sen axuda. Este sistema, aparte das axudas de razas autóctonas, foi usado tamén este ano pola Consellería do Medio Rural para as axudas de recría.

Dá a impresión de que se están facendo así as cousas para deixar as máximas explotacións posíbeis sen estas dúas liñas de axuda, ouseña: quedar ben e gastar pouco e de xeito discriminatorio para ir aburrindo á xente e que peche a explotación dunha vez.

En todo caso, se o problema é presupostario, no Sindicato Labrego Galego parécenos razoábel repartir o presuposto de xeito equitativo, e dicir, pagando algo menos por cada vaca e pagarlle a todo o mundo, e non primar máis a unhas explotacións e nada a outras, que fican discriminadas, e obrigándoas a pechar.

Requerimentos

En canto aos requerimentos, non sabemos canto lle costa á Administración facelos de xeito individual, pero é preferíbel que o seu custo vaia tamén a cargo da axuda ofertada, e non que se nos requira no Boletín Oficial, xa que iso significa que a ampla maioría das gandeiras/os non se van enteirar e vai tamén quedar sen axuda. Queremos requerimentos individuais e non un listado nun Boletín.

Danos a impresión de que esta política discriminatoria está moi en sintonía coas últimas políticas emanadas de Europa (Chequeo da PAC, etc.), claramente encamiñadas a pechar explotacións e deixar a produción en poucas e grandes granxas, por suposto integradas nunha multinacional da distribución. É este o futuro que nos espera?