A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Non queremos que nos vendan axudas a cambio de que non teñamos prezo.

Non queremos que nos vendan axudas a cambio de que non teñamos prezo.

19 de Outubro do 2009

Carme Freire, secretaria xeral

Consideramos lexítimo que haxa unha axuda puntual neste momento de grave situación que temos, como están a cobrar outros sectores en crise. Pero esta crise vén provocada porque dende as instancias gubernamentais estanse a facer políticas agrarias á medida das multinacionais e non das labregas e labregos, e axudas económicas en substitución da modificación das actuais políticas agrarias é simplemente “pan para hoxe e fame para mañá”.

 

Vídeos:

Declaracións Carme Freire Cruces:
http://www.youtube.com/watch?v=ydkeQjR2TZ8&feature=channel

Rexistro carta para a ministra de agricultura, Elena Espinosa:
http://www.youtube.com/watch?v=kGQmpcsg8nQ

Diante da “cortina de fume” tecida a base de cartos, baixo a que os ministros e ministras da UE pretenden agochar a eliminación das explotacións leiteiras europeas en aras de agasallar ás multinacionais da alimentación cedéndolles este espazo para os seus negocios, dende o Sindicato Labrego Galego non nos fartaremos de denunciar que a concesión de millóns de euros en troques de apostar pola modificación das políticas agrarias e garantirnos un prezo polo noso traballo é un xeito de enfrontarnos coa opinión pública, deslexitimando as nosas reivindicacións ao estar tan estendida a crenza de que “todo se soluciona con cartos”.

Ben, pois a crise do leite non. A crise do leite soluciónase con vontade política para regular a produción de tal xeito que podamos vivir directamente do noso traballo, como calquera profesional, e non dependendo das subvencións.

Nós non queremos que nos vendan axudas a cambio de que non teñamos prezo.

 Consideramos lexítimo que haxa unha axuda puntual neste momento de grave situación que temos, como están a cobrar outros sectores en crise. Pero esta crise vén provocada porque dende as instancias gubernamentais estanse a facer políticas agrarias á medida das multinacionais e non das labregas e labregos, e axudas económicas en substitución da modificación das actuais políticas agrarias é simplemente “pan para hoxe e fame para mañá”.

Diante do Goberno español e Europeo.

Na mañá de hoxe, na que un dos puntos centrais do Consello de Ministras e Ministros da UE era a crise do sector leiteiro europeo, o Sindicato Labrego Galego estivo presente en Luxemburgo, canda o resto de organizacións da Coordenadora Europea Vía Campesina.

 Lupe Prado, Responsábel do Sector Leiteiro- e Xosé Ramón Cendán -Responsábel de Relacións Internacionais- encabezaron a delegación conformada por gandeiros e gandeiras do SLG que se achegou para facer forza común en ditas mobilizacións.

Paralelamente, Carme Freire Cruces -Secretaria Xeral do SLG- e Lídia Senra -Secretaria de Organización do SLG e Responsábel de Sectores Gandeiros na Coordenadora Europea Vía Campesina- rexistraron na Delegación do Goberno español na Coruña un documento compilatorio das medidas que dende as organizacións integrantes da Coordenadora Europea Vía Campesina demandamos aos ministros e ministras da UE.

Por outra banda, Freire salientou tamén hoxe dende A Coruña que “é inaceptábel que a ministra estea mentindo descaradamente á cidadanía”, como fixo o pasado 7 de outubro durante a súa participación nun evento que tivo lugar en Compostela, argumentando que o prezo medio que están a percibir as explotacións está nos 0,30€.

Así, Freire deu a coñecer facturas do leite correspondentes ao mes de setembro (prezos base: 0,16€ a 0,22€ en varias cooperativas, 0, 219 Lagasa, 0,25€ Leite Río, 0,255€ Lactalis, 0,27€ Puleva, etc.*)

E tamén as correspondentes ao mes de agosto (0,23€ Leite Río, 0,243€ Lactalis, 0,29€ Peñasanta, 0,27€ Pascual, 0,21€ Leite Celta, etc), datos que eran públicos no momento en que a ministra declarou que se estaban a cobrar uns 0,30€ de media.

Cómpre lembrar que o custo de produción dun litro de leite, cuantificado polo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Marino, é de 0,34€. “Estes son os prezos que a señora ministra, e todos os seus lacaios, pensan que estamos dispostas a seguir soportando as gandeiras e gandeiros da Galiza, a seguir tendo a boca calada para que nos arruínen e aquí non pase nada?”, denunciou Carme Freire.

 

 

191009

Carme Freire Cruces, Secretaria Xeral do SLG, á entrada da Delegación do Goberno español (A Coruña)

 

191009

Rexistro do documento dirixido á ministra de agricultura, Elena Espinosa.

 

191009

Lupe Prado, Responsábel do Sector Leiteiro no SLG, encabezou a delegación de gandeiras e gandeiros desprazados hoxe a Luxemburgo.

 

Ficheiro: arquivo de audio coas declaracións de Carme Freire Cruces dende A Coruña.

Ficheiro adxunto