A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Propostas da ECVC e valoración da reunión mantida co Grupo de Alto Nivel da UE en materia de sector leiteiro.

Propostas da ECVC e valoración da reunión mantida co Grupo de Alto Nivel da UE en materia de sector leiteiro.

12 de Novembro do 2009

Carme Freire e Lídia Senra

Na mañá de hoxe, Carme Freire Cruces -Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego- e Lídia Senra Rodríguez -Secretaria de Organización do SLG e Responsábel de Sectores Gandeiros na Coordenadora Europea Vía Campesina- deron conta en rolda de prensa da valoración da reunión co Grupo de Alto Nivel da UE en materia de sector leiteiro (conformado por persoas dos 27 países membros) mantida o pasado martes 10 coa Coordenadora Europea Vía Campesina (ECVC), da cal o SLG forma parte.

 

 

121109

Este grupo de expert@s está lanzando unha serie de preguntas para analizar a situación actual da crise do sector leiteiro, co obxectivo de realizaren propostas no mes de xuño.

A este respeito, dende a ECVC fíxose fincapé, antes de entrar a respostar ás cuestións do Grupo, en que as medidas non se poden demorar até o verán.

As produtoras e produtores levan xa moitos meses vendendo por embaixo de custos de produción, “se non hai un sinal claro de modificación da política leiteira, e un sinal claro por parte do poder político de cara ás industrias, moito nos tememos que no mes de xaneiro a situación pode ser catastrófica” aseverou Senra.

Polo tanto, as medidas elaboradas por este grupo de expertos/as, sexan ou non as axeitadas, chegarían demasiado tarde. O SLG, así coma as organizacións integrantes da ECVC, valoramos que de aquí a febreiro hai tempo abondo para que traballen. Neste sentido, “se non é suficiente reunirse unha vez por mes ou dous meses, que se reúnan cada semana e que se centren en facer propostas para o mes de febreiro”, trasladoulles en Bruxelas a Responsábel de Sectores Gandeiros da ECVC.

Capacidade política

Antes de entrar a contestar as preguntas concretas do grupo de expertos/as, a Coordenadora Europea Vía Campesina quixo poñer enriba da mesa cuestións políticas importantes.

Neste senso, salientou en primeiro termo que ao ser o Grupo de Alto nivel un grupo formado por representantes dos 27 estados da UE, teñen capacidade política para propoñer ao Consello Agrícola da UE cambios radicais na política leiteira.

 Non nos parece de recibo que algún destes representantes -como foi o caso do de Irlanda- tomen como escusa o que xa está aprobado até agora. Deixámoslle claro que nos atopamos nun punto onde hai que repensar e reflexionar nas decisións tomadas ao respeito da política leiteira, nomeadamente a liberalización do mercado, porque se iso non se repensa non vai haber solución para manter as explotacións leiteiras na UE. É verdade que se seguirá a producir leite, pero por grandes industrias, non por explotacións”, afirmou Lídia Senra.

E neste marco de reformulación da política leiteira é necesario regular a produción de leite, non só o mercado.

Nun recente informe do Tribunal de Contas da UE recoñécese o papel positivo do control da produción a nivel europeo. A ECVC reclama que se manteña este control, con carácter público, completado ademais coa redistribución da cota entre o sector produtor, xa que a situación actual perxudica ás explotacións labregas como as da Galiza, e en xeral ás dos países do sur e centro de Europa.

Estruturas e modos de produción

A ECVC cuestionou nesta reunión a concentración da produción en cada vez menos explotacións, máis grandes e industrializadas, modelos que van en detrimento do mantemento de labregas e labregos producindo leite en base a terra na UE.

Na Galiza coñecemos ben deste impacto negativo. Coa política leiteira aplicada ate o momento e, sobor de todo, os baixos prezos e o mercado de cotas, desapareceron dende o ano 90, cerca de noventa mil explotacións, en tanto que a produción global de leite aumentou considerábelmente e as explotacións que quedan seguen tendo tamén hoxe en día graves problemas para sobrevivir.

Nesta liña, estamos en contra das axudas á exportación porque, ademais de seren moi caras para os e as contribuíntes, destrúen as producións e as economías dos países destino destas exportacións ao tempo que destrúen aos labregos e labregas da UE, porque obrigándonos a producir máis para exportar, conseguen tamén un aumento do volume de produción que opera á baixa na fixación de prezos.

Contratos e capacidade de negociación

Logo de abordar estas cuestións, a delegación da Coordenadora Europea Vía Campesina, entrou a responder as preguntas formuladas polo grupo de experta e expertos*, referidas ao sistema de contratos e á capacidade de negociación do sector produtor e á transparencia.

Para a Coordinadora Europea Via Campesina é un grave erro pretender remprazar o control da produción, a política leiteira da UE, por contratos privados entre produtores/as e industria.

Coidamos que tense que manter a política leiteira, e ten que haber unha redución da produción europea para manter o equilibrio entre a oferta e a demanda, mantendo o sistema público do control da produción e abrindo vías para negociar os prezos:

Ten que haber un reforzamento dos instrumentos de negociación e abrir un proceso onde participemos na negociación política para establecermos un prezo mínimo para o leite que cubra traballo e custos de produción. -resumiu Senra- Se non é así, o único que se consegue é dar máis poder ás industrias e mermar as capacidades de defensa e negociación dos produtores e produtoras”.

A respeito da cuestión da “transparencia”, para a Coordinadora Europea Via Campesina “é fundamental que haxa transparencia, é fundamental que o prezo se conforme a partir de considerar os custos e traballo de produción. Debe quedar claro por lei a prohibición de vender por embaixo de custos de produción en todos os eslabóns da cadea, tamén para o sector produtor, para que non sexa legal que vendamos o leite por embaixo dos custos de produción”.

Nestes momentos, a venda a perdas só está prohibida para a Distribución, en tanto que o sector produtor estase vendo obrigado pola industria e a grande distribución, co consentimento do poder político, a vender por embaixo de custos de produción.

É clave que este Grupo entenda que ten que saír do inmobilismo, das decisións tomadas a finais do ano pasado con respecto á liberalización do mercado do leite; que teñen que afondar nas consecuencias que tiveron estas decisións e o que teñen que ter claro, e que se deixen de hipocresías, é que a situación de crise que temos hoxe en día responde a estas decisións. De non ser así, o Grupo será un engañabobos, estaremos indo ás reunións e debatendo pero a solución non se porá enriba da mesa.” Sentenciou Lídia Senra.

Finalmente, a Responsábel de Sectores Gandeiros da Coordenadora Europea Vía Campesina concluíu que a situación actual é a “clarísima consecuencia da deriva neoliberal da Comisión de Agricultura nesta última etapa, avalada polo Consello Agrícola Europeo e que cómpre cambiar”.

Neste momento, no que se está a falar de nomes para ocupar o cargo de Comisaria/o de Agricultura a partires do 2010, o SLG-ECVC quixo aproveitar esta comparecencia de prensa para facer público que apostará claramente por unha persoa que non teña un perfil neoliberal, presentándose totalmente en contra dun dos candidatos dos que se está a falar, o ex-ministro holandés de agricultura Cees Veeman, xa que “significaría unha continuación do despropósito, da deriva neoliberal da actual Comisaria. Para nós sería un desastre que unha persoa de coñecida actuación neoliberal ocupara este posto.

__________________________________________

O “Grupo de alto nivel en materia do sector leiteiro” (High Level Expert Group on Milk (HLG)-Groupe d’Experts à Haut Niveau de l’UE sur le lait, ) foi creado a principios do outubro pasado pola Comisión Europea para examinar o futuro a medio e longo prazo do sector leiteiro. Está presidido por Jean-Luc Demarty, Director Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión, ficando os 27 Estados membros representados por “alt@s funcionari@s” (linguaxe administrativa da UE). O seu primeiro encontro tivo lugar o pasado 13 de outubro en Bruxelas.

http://ec.europa.eu/agriculture/markets/milk/index_en.htm

 

121109

Ficheiro para descarregar: Audio completo da rolda (14´58´)

Ficheiro adxunto