A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Posición da ECVC diante do Grupo de Expertas/os da UE en materia de sector leiteiro

Posición da ECVC diante do Grupo de Expertas/os da UE en materia de sector leiteiro

2 de Febreiro do 2010

COORDENADORA EUROPEA VÍA CAMPESINA

Na mañá de hoxe Lídia Senra Rodríguez, -Secretaria de Organización do SLG e Responsábel de Sectores Gandeiros na Coordenadora Europea Vía Campesina (ECVC)-, expuso en Bruxelas diante do Grupo de Expertos/as da UE en materia de sector leiteiro as respostas da coordenadora labrega á segunda rolda de consultas sobor da política leiteira europea que está a realizar a Comisión Europea, logo da realizada en novembro do ano pasado.

 

A Comisión está a plantexar aos produtores e produtoras de leite tres cuestións principais:

1.Son apropiados os instrumentos de mercado actuais?

2.Que novas ferramentas poderían desenvolverse para axudar aos labregos/as a afrontar mellor os riscos do mercado co fin de reducir a volatilidade dos seus ingresos? Poderían esas ferramentas ser compatibles coa Caixa Verde da OMC?

3.É necesario organizar un mercado de futuros para o leite?                                                              

Na súa intervención a ECVC, a través de Lídia Senra, denunciou primeiramente que hoxe en día o mercado está a se xestionar principalmente en función dos intereses da industria leiteira e das grandes distribucións, cando o seu obxectivo debera ser o mantemento dun tecido de explotacións de produtores/as de leite no territorio europeo que poidan vivir principalmente da súa produción grazas a un prezo do leite xusto, ofrecendo tamén aos consumidores/as produtos lácteos a prezos xustos.                                                                                 

Na súa valoración dos instrumentos de mercado existentes arestora, a ECVC avoga polo mantemento da intervención e do sistema de cotas, pero mellorado, xa que no momento da súa posta en marcha as cotas foron distribuídas inxustamente entre países e tamén entre produtores/as, primando ás grandes explotacións, ao tempo que se estipulaban ademais nun nivel de produción superior á demanda europea, o que está a facilitarlle á industria a presión á baixa sobre os prezos, como ben estamos a comprobar no caso do sector produtor da Galiza.

A Responsábel de Sectores Gandeiros da ECVC aclarou tamén que este control da produción terá que ser levado adiante polos poderes públicos en colaboración coas organizacións agrarias e demais actores do sector.

Abordando outro tipo de medidas vixentes na actualidade, a Vía Campesina aposta pola retirada das subvencións para as exportacións. A cambio, a UE debería poder protexerse das importacións a baixos prezos por medio de dereitos arancelarios axustables. Neste senso, tamén é necesario cuestionar a obrigación que ten a UE de importar o 5% da produción de calquera tipo, estipulada no acordo da OMC do 1994.

No tocante ás novas ferramentas para o sector e a súa relación coa Caixa Verde da U.E. (pregunta 2 da Comisión), calificada de “timo para os terceiros países” na intervención de hoxe da ECVC, a coordenadora asegurou ao grupo de expertas/os da UE que tanto a Caixa Verde coma o acordo da Organización Mundial do Comercio (OMC) non fixeron máis que “blanquear” o dumping económico da UE e doutros países ricos.

“Se a U.E. procura defender unha política láctea lexitimada internacionalmente -afirmou Lídia Senra-, se desexamos que as explotacións de produtores/as de leite non desaparezan de numerosas arias de produción europeas, será necesario cambiar as formulacións actuais”.

Para que os produtores e produtoras de leite poidan vivir da súa produción e o seu traballo, necesítanse prezos xustos e estables. Para iso, hai que impedir a formación de excedentes estruturais e reequilibrar a repartición do valor engadido entre a distribución, a transformación, e os produtores/as.

Os instrumentos seguintes, propostos pola ECVC, haberían de substituír aos actuais:

1. Desenvolver unha xestión mellorada da oferta, adaptable á evolución da demanda europea, e ben repartida entre os estados, zonas de produción e produtores/as.

2. Vincular os dereitos arancelarios -tomando como referencia o custo medio europeo de produción sustentable- ao cesamento de todas as exportacións subvencionadas directa ou indirectamente .

3. Atribuír pagos limitados directos por activo agrícola ás explotacións lácteas das areas desfavorecidas agroclimáticamente, onde os custos de produción son máis elevados.

4. Desintensificar a produción láctea cando esta sexa demasiado intensiva e dependente da importación de proteínas vexetais e outros insumos., fomentando en Europa o cultivo de proteína vexetal, así coma os métodos de produción láctea máis parcos en insumos e en emisión de gases de efecto invernadoiro.

5. Definir un prezo mínimo de produción para tempos de crise, por baixo do cal a industria leiteira non poida comprar aos produtores/as.

6. Establecer unha transparencia das marxes para todo o sector de obrigado cumprimento.

Mercados de futuro

Para a Coordenadora Europea Vía Campesina, se a UE expón a idea dun mercado de futuro para o leite, faino porque, a pesar da crise financeira, económica e ecolóxica, non desexa cambiar o destructor marco actual, e acepta a volatilidade dos prezos como unha circunstancia máis, no canto de proporse uns prezos estables e remuneradores como obxectivo.

A maior parte das explotacións leiteiras non contan cos medios financeiros necesarios para entrar no sistema dos mercados de futuro, que só resultarían interesantes para para os fondos de especulación, a gran distribución e a industria láctea.

Esta última desexaría acompañalo ademais dun sistema de contractualización. Deste xeito, fixando os prezos mediante contratos, as industrias leiteiras poderían controlar os seus custos de aprovisionamento, o que lles sitúa nun posto óptimo para obter plusvalías pola venda nos mercados de futuros.

Ao fomentar os mercados de futuros como instrumento de control do risco-prezo foméntase tamén a volatilidade dos prezos, que son desfavorables para os produtores/as.

Os mercados de futuros incrementan, polo tanto, o risco de que se produza unha crecente concentración da industria dos negocios internacionais e da transformación agroalimentaria.

 

 

Información relacionada:

12 de Novembro do 2009. Propostas da ECVC e valoración da reunión mantida co Grupo de Alto Nivel da UE en materia de sector leiteiro. http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=27&i=409