A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. A Coordenadora Europea presenta as súas propostas de futuro para o sector leiteiro

A Coordenadora Europea presenta as súas propostas de futuro para o sector leiteiro

26 de Marzo do 2010

Lídia Senra, Bruxelas.260310

A Secretaria de Organización do Sindicato Labrego Galego, Lídia Senra Rodríguez, presente arestora en Bruxelas coma representante da Coordenadora Europea Vía Campesina na conferencia consultiva convocada pola Comisión Europea “Cal é o futuro do leite?”, denuncia a falla de espazo para a expresión do sector produtor.

 

lid

Lídia Senra nun momento da súa intervención hoxe en Bruxelas.

 

Enlace pra seguir en directo a conferencia "Cal é o futuro do leite?".

http://webcast.ec.europa.eu/eutv/portal/agri/_v_fl_300_pt/player/index_player.html?id=8674&userlocale=pt

 

Dez organizacións -das cales somentes 3 representan aos produtores/as- teranse que distribuír unha hora e cuarto de tempo para as súas intervencións.

Para a expresión dos posicionamentos académicos emanados das universidades, pola contra, unha hora e cuarto repartirase entre catro poñentes.

 

Dende Bruxelas, Senra afirma que “os representantes da Comisión presentes nesta xornada de debate, lonxe de amosarse abertos ás propostas de quen se ve directamente afectado pola Política Agraria Común, o sector produtor, séguense a manter no contexto da desaparición do control da produción e da liberalización de mercado”.

 

Na intervención que as e os representantes do sector produtor levarán a cabo ás 14:00hrs., e ao igual que temos defendido diante do Grupo de Expertos/as en materia de Sector Leiteiro da UE, a Coordenadora Europea Vía Campesina defenderá coma cuestión central que se queremos vivir do noso traballo cómpre fixar na nova política leiteira aspectos irrenunciábeis coma o mantemento do control da produción logo do 2015, adaptando o volume de produción en aras da equiparación de oferta e demanda na UE.

 

Cómpre realizar tamén unha redistribución do dereito a producir entre as distintas áreas do territorio europeo co obxectivo de rematar cunha situación inxusta que está a afectar moi negativamente aos países do centro e sur de Europa.

 

Igualmente é imprescindíbel por fin á concentración da produción en explotacións cada vez máis industriais e intensivas.

 

En canto ás cuestións vinculadas ás relacións contractuais, poder de negociación e transparencia no sector leiteiro, no referido ao establecemento de contratos, a Coordenadora Europea Vía Campesina non está dacordo coa proposta de substituír o control da produción -exercido arestora mediante o sistema de cotas- polo asinamento de contratos privados coas industrias.

 

Reiteramos firmemente que os contratos no sector leiteiro só teñen utilidade para as gandeiras e gandeiros se se dan nun contexto de produción regulada e previa unha negociación colectiva de prezos que cubran custos de produción e traballo.

 

No tocante á transparencia na cadea alimentaria, Senra defenderá en nome da Coordenadora Europea Vía Campesina, a necesidade de que se estenda dende o principio até o final da cadea alimentar, para o que é necesario realizar unha regulación das marxes comerciais que limite as marxes de beneficio da distribución e industria, garantindo aos consumidores/as que non se está a especular cos produtos alimentares.

 

Neste senso, demandamos que a prohibición de vender por embaixo de custos de produción, arestora só vixente para a distribución, sexa aplicada tamén no prezo pagado en orixe.