A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Valoración xuntanza co Subdirector Xeral de Gandaría

Valoración xuntanza co Subdirector Xeral de Gandaría

21 de Abril do 2010

Asistentes á xuntanza

Abordáronse os problemas derivados do saneamento gandeiro -sobor de todo en gando que se atopa en montes veciñais en man común-, a dificultade para dar de alta os animais que nacen nas explotacións -a día de hoxe os gandeiros/as do interior da zona de Pontevedra teñen que se desprazar entre 30 e 40km para realizalas-, o mal funcionamento do teléfono do Centro de Información ao Agro Galego (CIAG), así coma o protocolo de actuación diante das reiteradas mortes e abortos logo da vacinación da lingua azul e os ataques da fauna salvaxe aos animais das explotacións.

gand Adolfo Cabarcos, Arturo Baqueiro, José Fernández, Hipólito Piñeiro, Mercedes Alonso, Manuel, Miguel Vales e Marcos Louzao.

 

Na mañá de hoxe cinco gandeiros e unha gandeira produtores de carne das zonas de A Lama, Fornelos de Montes, Pontecaldelas e Cotobade, canda o gandeiro e Secretario de Sectores Gandeiros do SLG -Adolfo Cabarcos- e o Coordenador Comarcal de Tabeirós -Terra de Montes -Marcos Louzao-, entrevistáronse co Subdirector Xeral de Gandaría da Consellaría do Medio Rural (CMR), Manuel Castro-Gil Amigo.

 

 gand

Xuntanza co Subdirector Xeral de Gandaría, Manuel Castro-Gil Amigo.

 

1. Saneamento gandeiro.

 

Ao atoparse o gando de distintas explotacións convivindo nunha mesma unidade sanitaria -por exemplo, no monte en man común desa zona-, as follas de saneamento non chegan aos propietarios/as até que este foi realizado na totalidade das explotacións, posto que os animais están en contacto.

 

A este respeito, os afiliados e afiliadas do SLG transmitiron a existencia de situacións nas que por mor dunha explotación as cartas retrásanse até catro meses (o que imposibilita a venta do animal). As gandeiras e gandeiros solicitaron polo tanto que sexa a Administración quen se ocupe de presionar a estas explotacións concretas para que cumpran co saneamento.

 

Nembergantes, o Subdirector Xeral de Gandaría da Consellaría do Medio Rural, Manuel Castro-Gil Amigo, valorou que nestes casos teñen que ser os veciños e veciñas quenes se enfronten entre eles, indo a chamarlle a atención á explotación que presente problemas.

 

Reiterando por parte do SLG a pertinencia de que sexa un ente externo á parroquia, e oficial, como é a Consellaría, quen realice estas labores, Manuel Castro-Gil comprometeuse a colaborar dende a Subdirección Xeral de Gandaría realizando charlas informativas cos gandeiros e gandeiras, proporcionando ademais un documento sinxelo no que se recollerán as recomendacións a ter en conta para o cumprimento das normas sanitarias.

 

Os afiliados e afiliadas presentes na xuntanza comprometéronse, pola súa parte, a afondar nun posíbel maior desenvolvemento das normativas que regulan os deberes dos comuneiros e comuneiras, co obxectivo de facer máis patente os compromisos que se teñen que cumprir para non afectar ao resto de explotacións que teñen animais nesa comunidade.

 

2.Altas dos animais

 

Diante da solicitude de que se dote de persoal a Oficina Agraria Comarcal de Pontecaldelas con alomenos unha persoa que tramite unha vez á semana as altas -evitando deste xeito os desprazamentos de até 40km. Que os gandeiros/as están a realizar hoxe en día-, Manuel Castro-Gil anunciou que este trámite, así como o das guías, poderanse facer proximamente vía internet..

 

Máis fica claro que na alta montaña a cobertura de internet e practicamente inexistente, e mesmo podería ser catalogada en todo o rural alomenos coma “deficiente”. Ademais, o grao de coñecementos de informática nas persoas que se adican en maior número á gandaría na Galiza, de idade avanzada, apunta a imposibilidade de que estes trámites podan ser feitos “comodamente dende a casa” mediante un sistema cómodo para as gandeiras e gandeiros, malia a que esta fora a intención inicial desta medida.

 

Diante desta realidade, Manuel Castro-Gil anunciou que estes trámites poderanse realizar dende todos os concellos, pero non garantiu que se vaia a dar esta instrución explicitamente aos traballadores/as dos mesmos, nin que os concellos vaian ser dotados de máis persoal ou ordenadores para abarcar esta nova tarefa.

 

Dende o SLG insistimos en que a realización destes trámites por internet, que inevitablemente terán que ser levados adiante coa axuda do persoal e material do concello, non sexa considerado un “favor”, senón un servizo do concello, e que a Consellaría dea instrucións firmes neste sentido, tomando tamén as medidas de adecuación pertinentes.

 

 

 

3. Telefono do Centro de Información ao agro galego.

 

En relación ao mal funcionamento deste servizo -podemos pasar días sen conseguir contactar- Castro-Gil recoñeceu a existencia de determinados “picos” na demanda deste servizo, o que bloquea as liñas.

 

Dende o SLG valoramos que estes “picos” deberían ser abordados cunha certa previsión, xa que moitas veces veñen motivados por indicacións que se dan dende a propia CMR. Por exemplo, se durante unha fin de semana non concede permisos para queimas e logo levanta a prohibición, xa deberían prever que o número de chamadas neses primeiros días vaise ver intensificado. Tamén consideramos vinculado este mal funcionamento o feito de que neste servizo se veña de aplicar unha redución importante de persoal, achacada á falla de orzamento.

 

4.Fauna Salvaxe

 

Dende a Subdirección Xeral de Gandaría trasladarase as inquietudes manifestadas polos gandeiros e gandeira á Dirección Xeral de Conservación da Natureza -coa que o SLG xa se reuniu o pasado 24 de febreiro por este mesmo motivo1-, ficando comprometido a comunicarnos que medidas serán adoptadas neste sentido.

 

 

 

5.Lingua Azul

 

O problemas coa vacina da lingua azul véñense dando dende o ano 2008, no que se deu inicio á campaña de vacinación2.

 

Son constantes as mortes e abortos de reses logo da aplicación da vacina. Castro-Gil manifestou que estas mortes debíanse ao estrés dos animais ou en certos casos ás baixas defensas dos mesmos.

 

Por outra banda, recoñeceu que si que está a haber problemas e que se está a compensar economicamente ás persoas ás que, nos dez días seguintes á vacinación, lles morren os animais.

 

 

Dende o Sindicato Labrego Galego realizaremos un pormenorizado seguimento da posta en marcha dos compromisos adquiridos pola Subdirección Xeral de Gandaría.

 

 

 

1.O SLG solicita diante da D.X. de Conservación da Natureza a implicación de toda a sociedade no mantemento da fauna salvaxe. [24 de Febreiro do 2010] http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=32&i=465

 

2. Que está a pasar coa vacina da lingua azul? [29 de Xullo do 2009] http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=29&i=314