A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Gandeiras e gandeiros de todo o Estado reclaman prezos xustos para o leite

Gandeiras e gandeiros de todo o Estado reclaman prezos xustos para o leite

6 de Maio do 2010

slg

Na mañá de hoxe máis de medio milleiro de gandeiras e gandeiros de todo o Estado español concentráronse diante do Carrefour da Glorieta de Cuatro Caminos en Madrid, en denuncia do “abuso de poder das industrias e da distribución comercial”.

sev

 

A Secretaria Xeral, Carme Freire Cruces, presente nesta reivindicación canda unha delegación de gandeiros e gandeiras produtores de leite do SLG, reiterou que, se ben as prácticas extorsionadoras da distribución constitúen un gravísimo impedimento á hora de conquerir un prezo xusto para os produtores e produtoras, “a responsabilidade central recae nos gobernos por levar adiante unha política de total desregularización.”

 

Cómpre unha regulación que garanta que os produtores e produtoras acaden prezos que cubran custos e remuneren o seu traballo, ao tempo que os consumidores/as teñan un prezo lóxico, non inflado a través das marxes comerciais de beneficio das industria e distribución, é dicir: sen especulación sobre os produtos alimentarios.

 sev

Neste senso, lembrar que arestora estamos inmersas nun proceso clave para tódolos sectores produtivos, pero en especial para o sector lácteo, xa que estase a negociar a PAC 20131.

 

É imprescindíbel que nesta futura Política Agraria Común se estableza unha clara regulación dos mercados e da produción para a consecución dun mercado de alimentos positivo para produtoras/es e consumidoras/es, en substitución do escenario de especulación2 do que adoecemos arestora.

 

Mais até termos unha política que regule o actual mercado do leite, tanto as institucións comunitarias, coma as estatais e nacionais galegas, teñen que intervir na medida das súas competencias, dado que no Estado español estase a pagar un prezo superior polo leite ao pagado na Galiza, malia a sermos as maiores produtoras do Estado. Nestes momentos temos o pago ao produtor/a máis baixo da Europa, mesmo en Gran Bretaña que historicamente tivo un prezo moi baixo polo leite, arestora está máis alto que na Galiza.

seg

A Secretaria Xeral do SLG, Carme Freire, voltou afirmar dende Madrid que “a do mercado de alimentos é unha situación na que son os gobernos, as políticas agrarias, quen teñen a posibilidade de resolvela. A industria e a distribución teñen moita parte de responsabilidade na caída de prezos, e por iso estamos hoxe aquí, pero quen realmente pode mudar a situación son os ministros e ministras de agricultura que se reunirán en Cáceres o vindeiro 30 de maio, e é alí onde o SLG, canda outras organizacións europeas, fará sentir a forza e a determinación coa que imos levar adiante as nosas reivindicacións”.

 

1A Coordenadora Europea presenta as súas propostas de futuro para o sector leiteiro. [26 de Marzo do 2010] http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=27&i=499

 

2O tratamento que o comercio internacional dá aos alimentos seméllase cada vez máis ao do petróleo. Por unha banda, o precio mundial dos alimentos decídese en grande parte no Mercado de Futuros de Chicago. Un marco regulamentario especulativo que no 2008 (o ano da triple crise: económica, enerxética e alimentaria) proporcionou ás grandes empresas de alimentos un incremento medio de beneficios do 45%. [30 de abril do 2008] La inflación alimentaria crea una bonanza para firmas como Nestlé, ADM y Danone. Wall Street Journal. http://www.archivochile.com/carril_c/ccrecomendamos0000039.pdf