A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Produtores e produtoras de leite en Europa e América Latina desaparecen ao tempo que as agroindustrias fan grandes ganancias

Produtores e produtoras de leite en Europa e América Latina desaparecen ao tempo que as agroindustrias fan grandes ganancias

18 de Maio do 2010

LVC madrid

A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire Cruces, está presente na representación da Vía Campesiña Internacional desprazada ao cumio alternativo á reunión de xefes/as de goberno UE-América Latina en Madrid.

lvcmadrid

Mobilización de La Vía Campesina Internacional en Madrid.

 

A Vía Campesiña Internacional, con delegacións de Europa e América Latina, está reunida en Madrid dende o 14 ao 18 de maio para rexeitar aos acordos comerciais que atacan directamente aos pequenos e medianos produtores e produtoras agrícolas dos dous continentes.

 

A Unión Europea estivo realizando nestes días un cumio con líderes latinoamericanos en Madrid, tirando da presidencia española da Unión Europea, no que se asinaron unha serie de acordos fortemente agresivos para os agricultores/as e cidadanía en xeral, que non suporá beneficio algún para as persoas a ningunha das beiras do Atlántico.

 

Precisamente nestes momentos de crise económica xeralizada -onde á poboación do Estado véñensenos de anunciar importantes recortes que afectarán á nosa capacidade adquisitiva- e inmersas na crise láctea máis forte da historia da produción europea -da cal na Galiza fican ben patentes as súas consecuencias, reflectidas no peche de centos de explotacións nestes últimos dous anos-, a Unión Europea imporá a prezos baixos 4,500 toneladas de leite e 2,000 toneladas de queixo, forzando a situación do mercado contra as produtoras e produtores en Centro América.

 

Este destrutivo plan de mercado provocou que mesmo o Ministro de Agricultura colombiano, Andrés Fernández, admitira o pasado xoves 13 de maio que o polémico acordo entre a UE e Colombia pode afectar negativamente a máis de 400.000 produtores, produtoras e comunidades agrícolas en Colombia, sobre todo no sector leiteiro.

 

Nos últimos anos, no canto de adaptar a produción de leite ao consumo interno da UE, a Comisión e o Consello Europeo tomaron a decisión de aumentar as cotas leiteiras de cada país co obxectivo de aumentar as exportacións de produtos lácteos, co cal provocou conscientemente a baixada no prezo do leite en Europa e a quebra de medianos e pequenos produtores e produtoras.

 

A ruína do sector produtor é patente mesmo en estados deficitarios en produción leiteira, como é o español, no que malia esta situación as gandeiras/os da zona con máis produción -Galiza- seguen a vender por embaixo de custos de produción.

 

A política de restitución á exportación estimula a absurda política de impor exportacións europeas. As produtoras e produtores da Vía Campesiña Internacional, que temos como prioridade alimentar aos nosos pobos, alertamos de que istas prácticas son un claro ataque á soberanía alimentaría.

 

Fica ben claro que nos termos nos que se está a fixar este acordo, as únicas beneficiarias son as industrias e transnacionais de distribución e transformación do leite e os grandes exportadores, non os agricultores e agricultoras de América Latina ou da Unión Europea.

 

A delegación de Vía Campesiña en Madrid, na cal está presente o Sindicato Labrego Galego, reafirma que a defensa da agricultura campesiña familiar é unha loita común da sociedade, tanto en Europa como en América Latina, e que estes acordos de libre comercio están pensados para destruír a soberanía alimentaría dos pobos en aras de facernos dependentes dun sistema de produción e distribución deslocalizado e controlado polas grandes multinacionais, as mesmas que non dubidaron en especular coa alimentación ao longo do 2008 provocando as chamadas “revoltas da fame” ao longo de todo o planeta, así como a vergoñenta consecución da cifra récord da historia en canto a persoas mortas de fame, máis de mil millóns de persoas segundo a FAO.

 

Diante deste novo abuso articulado polas mesmas elites políticas e empresariais que están a provocar a tripla crise -económica, enerxética e alimentar-, o Sindicato Labrego Galego, canda as case 150 organizacións integrantes da Vía Campesiña Internacional, advertimos aos estados membros da Unión Europea e aos gobernos que participan neste cumio que non teñen lexitimidade ningunha para levar adiante a sinatura de acordos comerciais que van na contra dos propios intereses dos seus pobos.