A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Novo ataque aos servizos públicos ás explotacións: o servizo de identificación de animais da CMR non está operativo

Novo ataque aos servizos públicos ás explotacións: o servizo de identificación de animais da CMR non está operativo

30 de Xullo do 2010

crotal

Nos últimos dias o servizo de identificación de animais da Consellería do Medio Rural (CMR) non funciona; hai gandeiros e gandeiras que levan un mes cos becerros vendidos sen poder sacalos da casa por falta de estar identificados.

Mentras tanto, nas Oficinas Comarcais ninguén sabe darlles explicacións de quen vai identificar os becerros, nin tampouco facilitan os crotais para que a xente poida poñelos; nin expenden os Boletíns de Identificación, para que inda que non vaia o veterinario/a, o becerro poida ser identificado e vendelo.

 

O que está a pasar na práctica é que estanse a cargar este servizo -na liña de actuación da Xunta de Galiza de ir desprestixiando servizos públicos para eliminalos máis facilmente ou, noutros casos, simplemente eliminalos directamente- , sen ningún tipo de información ó sector e sen poñer alternativas que impidan esta inmobilización ilegal da cabana.

 

Estanse a despedir moitos dos veterinarios e veterinarias que facían este traballo, e a outros téñenos sen facer nada, para xustificar que corran o mesmo destino e, mentras tanto, os gandeiros e gandeiras alimentan durante varios días unha pila de becerros que en troques de estar xa vendidos e aportar beneficios, unicamente colaboran a aumentar as perdas da explotación.

 

Dende o SLG reclamamos que se poñan en marcha mecanismos que permitan a mobilidade do gando e que non se desmantele este servizo público, menos inda facéndoo de costas á cidadanía, de xeito escurantista e sen dispor de mecanismos para facer ese traballo.

 

Os gandeiros e gandeiras teñen que poder vender os seus becerros cando consideren oportuno, xa que abondos problemas teñen xa como para inda por riba ter que cargar coa incompetencia da Administración.