A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Valoración da xornada informativa e de debate sobor dos efectos da vacina da Lingua Azul

Valoración da xornada informativa e de debate sobor dos efectos da vacina da Lingua Azul

7 de Septembro do 2010

Asistentes á xornada da lingua azul

Ao longo do día de hoxe unha trintena de gandeiros e gandeiras están a participar na xornada informativa e de debate sobor dos efectos da vacina da Lingua Azul (LA), organizada polo Sindicato Labrego Galego na comarca de Compostela.

asistentes á xornada

Asistentes á xornada sobre a vacina da Lingua Azul, Santiago de Compostela.

 

Nesta xornada estase a constatar a existencia de efectos secundarios tales como: mortes, abortos, cegueiras, coxeiras e outras enfermidades logo da aplicación da vacina da LA, denunciadas reiteradamente polo SLG.

Un dos obxectivos desta xornada é que as autoridades competentes recoñezan esta problemática e acadar que se determine a liberdade dos gandeiros e gandeiras para vacinar ou escoller outros métodos para previr e curar a enfermidade.

 lidia e antoine

Lídia Senra -Secretaria de Organización do SLG- e Antoine de Ruffray -representante da Confédération Paysanne-.

 

Contando coa presenza de Antoine de Ruffray, membro da organización agraria francesa Confédération Paysanne, achegámonos tamén á loita cidadá que se estivo dando en Francia durante estes dous últimos anos a prol do dereito a decidir, ao tempo que denunciaban os intereses económicos que os laboratorios farmacéuticos estaban a priorizar coa total connivencia dos gobernos; mesmo á costa da propia saúde do gando e da estabilidade económica das explotacións, como segue a acontecer no Estado español.

Neste senso, o éxito en Francia da loita da Coordenadora de colectivos contra a obriga de vacinar para a Lingua Azul 1 -que é apoiada pola Confédération Paysanne-, grazas á cal forzouse a paralización da campaña de vacinación para o 2011, é unha experiencia fundamental para evidenciar a problemática de especulación económica existente no procedemento de aplicación desta suposta medida sanitaria.

Lembrar que dende a súa creación en maio deste ano, o Sindicato Labrego Galego forma parte da Plataforma pola libre vacinación do gando2, que agrupa a diferentes organizacións de produtores/as e veterinarios/as a nivel estatal que se opoñen á vacinación obrigatoria e masiva da cabana gandeira, demandando:

  1. A supresión da obrigatoriedade da vacinación contra a lingua azul, seguindo o criterio da maioría da UE.

  2. O cesamento da persecución e presións exercidas aos gandeiros/as que decidiron non vacinar.

  3. O recoñecemento dos danos da vacina e a indemnización dos gandeiros/as afectados/as.

  4. O garantemento da eficacia e inocuidade da vacina para quen decida aplicala.

  5. O emprego de fondos públicos para a procura de tratamentos alternativos para a enfermidade da LA.

 

 

1 Pódese acceder ao comunicado emitido o 26 de xullo pola Coordenadora de colectivos contra a obriga de vacinar para a Lingua Azul no seguinte enlace: http://www.collectif.org

 

2 A Plataforma pola libre vacinación do gando constituíuse o 20 de maio do 2010 en Madrid.