A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Carme Freire a Rosa Aguilar: “O Ministerio vai cometer un erro histórico se nos obriga a asinar contratos sen garantía de prezo no sector leiteiro"

Carme Freire a Rosa Aguilar: “O Ministerio vai cometer un erro histórico se nos obriga a asinar contratos sen garantía de prezo no sector leiteiro"

19 de Xaneiro do 2011

Carme freire

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, e o secretario dos sectores vexetais da mesma organización, Xosé Manuel Parente, participaron na reunión que a Ministra de Agricultura, Rosa Aguilar, mantivo hoxe en Compostela coas organizacións agrarias galegas.

s principais temas que se trataron na xuntanza foron o do contrato para o sector leiteiro e a posición do Estado Español diante da reforma da Política Agraria Común (PAC). A maiores, o SLG tamén levou ao encontro cuestións relativas á defensa do noso sector vitivinícola.

Do contrato para o sector leiteiro, que o Ministerio de Agricultura ten intención de facer obrigatorio a partir do 1 de abril, Carme Freire declarou que “se vai cometer un erro histórico se nos obrigan a facer contratos no sector leiteiro sen que haxa ningún tipo de garantías dun prezo que cubra, polo menos, os custes de produción e o traballo nas explotacións”. Para a secretaria xeral do SLG  “un contrato sen prezo equivale a poñer nas mans da gran industria e da distribución a posibilidade de extorsionar a todo o sector co aval do Ministerio, xa que nesa situación non teriamos nin prezos nin axudas”. 

Respecto da Política Agraria Común Carme Freire manifestoulle á Ministra que “o importante agora non é discutir que axudas imos ter ou deixar de ter. O que nós queremos é ter un prezo digno para os nosos produtos e para o noso traballo. Así, que unha de dúas: ou se defenden mecanismos que, de verdade, regulen os mercados e impidan que as grandes multinacionais e distribuidoras nos sigan a impoñer prezos unilateralmente; ou, senón, de pouco ou nada nos vai servir que teñamos axudas por moi ben articuladas que estean”.

Tamén en referencia á PAC e ao sector leiteiro, Freire pediulle a Rosa Aguilar que o Ministerio apostase por facer un control da produción para impedir “que haxa unha produción de leite a mares que propicie que as grandes distribuidoras e industrias poidan negociar os prezos á baixa”. 

Finalmente, a secretaria xeral do SLG tamén foi crítica coa proposta de crear organizacións de produtores para que negocien os prezos do leite. Respecto a elas, Freire defendeu que “as organizacións agrarias somos as únicas que fomos lexitimamente elixidas para representar os intereses políticos e económicos dos labregos e das labregas. Polo tanto, non hai que inventarse organizacións novas para podermos defender que o leite debe ter un prezo mínimo para poder vivir aplicable a todas as explotacións”. Desde este punto de vista, o SLG defendeu que as negociacións deben darse no seo das interprofesionais. 

Defensa das castes autóctonas de uva 

En canto ao secretario dos sectores vexetais do SLG, Xosé Manuel Parente, trouxo demandas que tiñan que ver directamente con sector vitivinícola e dous proxectos de Real Decreto que está a facer o Ministerio de Agricultura. Un deles fai referencia á etiquetaxe e comercialización de produtos vitivinícolas. Nel só se contempla como variedade de uva protexida a Albariño para viño etiquetado fóra da denominación de orixe. Dende o SLG pedíuselle a Rosa Aguilar que, a maiores da protección da caste Albariño, cómpre protexer tamén outras variedades autóctonas de Galiza, como Treixadura e Godello.

O segundo decreto fai referencia a un plan de apoio e impulso ao sector vitivinícola español no cal se autoriza o uso de variedades autóctonas de Galiza noutras comunidades autónomas, como por exemplo, o uso de Albariño en Castela e León. O SLG amosoulle a Aguilar a súa oposición a isto e anuncioulle que presentará alegacións a ambos decretos.

 

 

undefined

 

 

 

Carme Freire e Rosa Aguilar 1

Ficheiro adxunto