A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O SLG só aceptará o contrato no leite se xorde da negociación colectiva no seo dunha interprofesional e parte dun prezo mínimo de base

O SLG só aceptará o contrato no leite se xorde da negociación colectiva no seo dunha interprofesional e parte dun prezo mínimo de base

23 de Xaneiro do 2011

Lidia Senra

O grupo de traballo do sector lácteo da Coordinadora Europea da Vía Campesina conclúe o seu encontro en Compostela acordando oporse aos contratos sen prezo e á cesión do poder negociador a organizacións de produtores

O seminario europeo do sector lácteo, organizado polo Sindicato Labrego Galego en Compostela o 21 e 22 de xaneiro, chegou ao seu remate cunha mesa redonda entre representantes, e gandeiros e gandeiras, pertencentes a diversas organizacións da Coordinadora Europea da Vía Campesina (CEVC). En concreto, tiveron presenza sindicatos agrarios de Irlanda do Norte, Bélxica, Austria, Francia, Portugal, Euskadi, Cantabria e Asturias, amais da propia Galiza. Os debates viraron ao redor da situación actual do sector lácteo nos diversos países comunitarios e a necesidade de adoptar unha posición común diante da reforma da política leiteira que se está preparando na Unión Ëuropea.

Para o sector produtor, a realidade é semellante en toda a Unión Europea, con prezos que non cobren os custes de produción (os representantes belgas informaron de que chegaron a sufrir, hai dous anos, caídas até os 17 céntimos por litro; na Galiza e Portugal, prezos igualmente de miseria ao redor dos 26 céntimos), coas grandes industrias e distribuidoras dominando o mercado e fixando os valores que lles peta nos produtos lácteos, e con miles de explotacións pechando como consecuencia inmediata a todo isto. No Estado Español, por exemplo, o peche de explotacións foi devastador nos últimos anos, pasándose das 143.000 en activo de 1995, ás 24.000 da actualidade.

Todas as persoas participantes no seminario coincidiron á hora de amosar a súa fonda preocupación respecto das pretensións da Comisión Europea á hora de reformar a política leiteira da UE. A proposta de crear organizacións de produtores para que negocien os prezos do leite coas industrias equivale a desmantelar a negociación colectiva e a renunciar ao establecemento de prezos mínimos de base, que cubran os custes de produción e o traballo nas explotacións, por baixo dos cales non se poida baixar.

Outra das ameazas que planea sobre o sector produtor é a xa anunciada desaparición do sistema de cotas para o ano 2015. De ir para adiante esta liberalización, sen que exista ningún control sobre a produción, inundaríase o mercado de leite coa consecuente caída de prezos e o máis que probable peche de miles de explotacións e concentración de toda a produción só nunhas poucas, dando paso a un modelo que xera gravísimos problemas medioambientais, de seguridade alimentaria, de desertización do medio rural e de destrución de postos de traballo.

Tamén se criticaron as presións dos gobernos francés e español de cara a impoñer un contrato obrigatorio sen prezo para o sector, o cal equivalería a deixar nas gadoupas da industria aos gandeiros e gandeiras, que se verían na obriga de aceptar o prezo do contrato, fose cal fose. A pretensión da CE de conducir ao sector cara a un escenario con contratos obrigatorios sen prezo, sen controis da produción e sen negociación colectiva -coa complicidade, agora, dos gobernos francés e español- pode provocar a destrución definitiva das explotacións familiares e labregas e a morte do pouco medio rural que aínda se mantén vivo.

Diante de todo isto, a Coordinadora Europea da vía Campesina acordou defender a existencia dunha interprofesional do sector na que estean representadas as industrias e as organizacións agrarias, e cuxa labor sexa a de negociar e acordar os prezos do leite, tendo sempre en conta que deben cubrir os custes de produción e deixar unha remuneración digna nas explotacións. Esta interprofesional contaría coa arbitraxe da Administración que, a maiores, debería velar polo cumprimento dos acordos. Só neste marco as organizacións que integran a Coordinadora Europea da Vía Campesina aceptarán un contrato.

Lidia e Carme

Seminario 1

Seminario 2

Participantes