A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O SLG segue a defender contratos para poder vivir e capacidade de negociación colectiva para ter prezos dignos

O SLG segue a defender contratos para poder vivir e capacidade de negociación colectiva para ter prezos dignos

24 de Xaneiro do 2011

Carme Freire

O Sindicato Labrego Galego estivo presente na xuntanza do 24 de xaneiro, convocada pola Consellaría do Medio Rural para recabar a opinión das organizacións agrarias e as cooperativas a respecto do decreto lácteo que quere aprobar o Ministerio de Agricultura para poñer en marcha o 1 de abril. Por parte do SLG asistiron ao encontro a secretaria xeral, Carme Freire; e a responsábel do sector leiteiro, Lupe Prado.

Na reunión, o Sindicato Labrego Galego seguiu a defender a necesidade de que o contrato entre produtores e produtoras e as industrias debe partir da base dun prezo que cubra os custes de produción e deixe unha remuneración digna polo traballo nas explotacións, un prezo por baixo do cal non se lle poida pagar o leite a todos os gandeiros e gandeiras en ningunha negociación.

Facer que ese tipo de contratos sen garantía ningunha para o sector productor sexan, ademais, obrigatorios, supón, segundo manifestou o SLG na reunión de hoxe, un erro histórico e unha nova extorsión para os gandeiros e gandeiras, desta volta feita, ademais, desde os poderes políticos. 

Nese sentido, fíxose fincapé na reunión na oportunidade política que, nestes momentos, se ten para defender nos organismos europeos a necesidade dun poder negociador real que non nos deixe nas gadoupas das multinacionais da distribución e das industrias.

De non defender mecanismos máis alá das referencias de prezos de mercado, vanse continuar a impoñer prezos nas explotacións e no consumo por parte dos mesmos que hoxe impoñen os prezos. Isto, nun contexto no que se está a plantexar a desaparición de todo tipo de mecanismos de control da produción e a desregulación absoluta dos mercados, supoñería a imposición de prezos de miseria para o sector produtor.

A respecto da proposta de crear organizacións de produtores para que negocien os prezos do leite coas industrias, equivale a desmantelar a negociación colectiva e a renunciar ao establecemento de prezos mínimos de base.

Diante de todo isto, o SLG propuxo a existencia dunha interprofesional do sector na que estean representadas as industrias e as organizacións agrarias, e cuxa labor sexa a de negociar e acordar os prezos do leite, tendo sempre en conta que deben cubrir os custes de produción e deixar unha remuneración digna nas explotacións. Esta interprofesional contaría coa arbitraxe da Administración que, a maiores, debería velar polo cumprimento dos acordos.