A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O Sindicato Labrego congratúlase pola decisión do Ministerio e da Consellaría de facer voluntaria a vacina contra a lingua azul

O Sindicato Labrego congratúlase pola decisión do Ministerio e da Consellaría de facer voluntaria a vacina contra a lingua azul

25 de Xaneiro do 2011

Carme Freire e Adolfo Cabarcos

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, e o secretario dos sectores gandeiros na mesma organización, Adolfo Cabarcos, ofreceron hoxe unha rolda de prensa, o 25 de xaneiro en Compostela, para congratularse pola fin da obrigatoriedade para a vacina contra a enfermidade da lingua azul no gando.  Freire cualificou isto como “unha boa nova para todos os sectores gandeiros deste país”, máxime tralos enormes estragos causados polas campañas obrigatorias de vacinación nas nosas cabanas gandeiras de vacún, ovino e caprino; danos e perdas económicas que, en palabras de Adolfo Cabarcos, “foron superiores ás causadas polo mal das vacas tolas”.

Carme Freire explicou que “a lingua azul é unha enfermidade puramente animal, que non se transmite aos humanos nin na cadea alimentaria, á que se lle pode dar un tratamento veterinario selectivo, caso por caso. Dende logo, os danos causados pola vacina foron moi superiores aos que tería causado a enfermidade por si mesma. Por exemplo, no sector ovino temos constancia de explotacións que perderon a súa cabana gandeira completa por mor da vacina”.

Pola súa banda, o secretario dos sectores gandeiros do Sindicato Labrego foi o encargado de relembrar os máis de tres anos de loita que, en solitario, desenvolveu esta organización agraria na Galiza contra a vacinación obrigatoria. Foi a finais de verán do 2008 cando se deron os primeiros focos da enfermidade na Mariña lucense; en setembro dese ano, iniciábase a primeira campaña de vacinación obrigatoria para os gandos vacún, ovino e caprino. A raíz das primeiras vacinas, comezaron a manifestarse as consecuencias adversas do tratamento: abortos, esterilidade e baixa fertilidade tanto en machos como en femias, coxeiras, caídas de produción leiteira e mortes de animais.

“Dende ese intre”, lembrou Cabarcos, “o SLG comezou a mobilizarse contra a vacina, tanto nas súas manifestacións públicas como realizando todo tipo de contactos coas administracións competentes. A súa reivindicación principal, que a vacina fose voluntaria e non obrigatoria”.

O 20 de maio de 2010, uníndose a colectivos de todo o Estado Español, o Sindicato Labrego contribuíu a fundar a Plataforma pola Libre Vacinación do Gando. Tamén, en setembro do mesmo ano, organizaba un seminario centrado nesta problemática onde se deu a coñecer unha situación semellante nos sectores gandeiros franceses. Os primeiros resultados desta loita reivindicativa tivémolos o 30 de decembro de 2010, cando se publicou unha orde ministerial a través da cal a vacina contra o serotipo 8 pasaba a ser voluntaria, e a do serotipo 1 obrigatoria só até o 30 de xuño de 2011. Nembargante, o 1 de xaneiro, o director xeral de producións agropecuarias da Consellaría de Medio Rural, Xosé Álvarez Robledo, anunciou que a vacina contra a lingua azul pasaba a ser voluntaria na Galiza para toda a cabana gandeira.

A situación actual ante esta enfermidade é que os gandeiros e gandeiras que queiran vacinar ao seu gando terán que solicitalo voluntariamente na oficina agraria comarcal que lles corresponda. Respecto disto, o secretario dos sectores gandeiros do SLG vaticinou que “van ser moi poucas as explotacións que soliciten a vacina voluntaria contra a lingua azul na Galiza, despois dos estragos causados por esta”.

Finalmente, Adolfo Cabarcos afirmou que “nesta ocasión se fixo xustiza”, ao que engadiu que “no SLG nos sentimos orgullosos e orgullosas de todo o traballo feito contra a vacina obrigatoria. Alédanos poder darlles, por fin, unha boa nova aos gandeiros e gandeiras deste país, e demostrar que as loitas sociais son necesarias e útiles para facer avanzar ao agro galego”.

Carme Freire e Adolfo Cabarcos